Marcos Pérez Pena

Unha ducia de novas de ciencia e tecnoloxía que publicamos en 2016

A ciencia e a tecnoloxía permiten contar grandes historias, de descubertas presentes e pasadas, de persoas que afondan en distintos fenómenos para explicar e explicarnos o mundo que nos rodea, de ferramentas que nos fan máis doada a vida. Uns ámbitos -investigación, I+D+i- que nos últimos anos sufriron coma poucos os efectos dos recortes. Velaquí un feixe de novas, entrevistas e reportaxes sobre todos estes temas para ler mentres agardamos polo novo ano.

  1. 01

    Episodios de cultura científica

    Ao longo de 2016 Xosé Antón Fraga foi publicando unha serie de episodios de cultura científica nos que foi relatando algúns feitos históricos, anécdotas e personaxes ligados ao desenvolvemento científico en Galicia. Dende o médico José Goyanes Álvarez, “o sabio de Pontedeume” ata o médico Roberto Nóvoa Santos, ou o paso de Humboldt pola Coruña en 1799. Ou o fascinante invento da Enciclopedia mecánica da ferrolá Ángela Ruiz Robles, antecesora e parente do e-book

  2. 02

    Entrevista con Suso Baleato

    En setembro falamos co investigador galego Suso Baleato, que viña de publicar na prestixiosa revista Science un artigo no que, xunto con outros autores, analizaba a “forte e persistente” discriminación dixital dos grupos politicamente excluídos. Baleato dicíanos que "Confiar na tecnoloxía como ferramenta de liberación é como pensar que a auga pode liberar os peixes. É unha perspectiva errada"

  3. 03

    I+D+i cun século de historia

    En Galicia levamos décadas e séculos facendo ciencia e innovación. Exemplos hai moitos. En novembro destacamos a experiencia da Granxa Agrícola de Monelos, na Coruña, que axudou no final do século XIX e no comezo do XX a mellorar as técnicas, sementes e razas da agricultura e gandaría galegas, inventando mesmo a raza rubia a través da selección do gando vacún

  4. 04

    Ignacio Ribas, homenaxeado no Día da Ciencia en Galicia

    E en febreiro dedicámoslle un espazo ao químico Ignacio Ribas, homenaxeado este ano no Día da Ciencia en Galicia, que organiza a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC). Ribas, xa nos anos 20 do pasado século, reivindicaba a importancia do investimento público en I+D: “Os países que non teñen ciencia son pobres, viven unha vida moral e material mediocre. No moral, son escravos dos prexuízos que enxendra a ignorancia. No material, viven sometidos aos poderosos”

  5. 05

    O mapa do radón en Galicia

    En novembro o Laboratorio de Radon de Galicia fixo públicos os completos datos que nos últimos anos foi recollendo sobre as concentracións deste gas, que en medidas elevadas, pode ser un perigoso axente canceríxeno. 30 das 53 comarcas galegas presentan concentracións de radon superiores aos 300 Bq/m3, sobre todo en Ourense, a provincia española con maior incidencia do cancro de pulmón entre as mulleres, sobre todo en idades avanzadas

  6. 06

    O colectivo investigador galego, aínda no túnel da crise

    Durante os peores anos da crise as políticas de I+D+i estiveron entre as máis afectadas polos recortes. Dende o 2014 o financiamento mellora lixeiramente, pero a ciencia e a investigación galega é nestes momentos un tren detido, que aínda vai custar arrincar. O escenario resultante é que o persoal investigador público se reduciu nun 20% en Galicia dende 2009. En marzo dábamos conta do problema concreto que atravesaban tres xeracións de Ángeles Alvariño (2007, 2008 e 2009) que, por mor dos recortes, nunca tiveron a posibilidade de participar neste tipo de convocatorias en Galicia. Ademais, as patentes e modelos de utilidade están aínda no nivel de 2008, e as empresas galegas con actividades innovadoras acumulan catro anos de descensos.

  7. 07

    A universidade galega segue a acusar os recortes no financiamento

    Nos últimos catro anos o número de alumnos e alumnas descendeu dende os 65.180 ata os 59.353, case un 10% menos. O PDI pasou de 5.642 a 5.258. O número de PAS tamén caeu: de 2.775 a 2.726. O gran problema segue a ser o financiamento, que afecta a todos os niveis e colectivos da comunidade universitaria, dende o alumnado que ve reducidas as súas bolsas, ata os e as aspirantes a catedráticos/as que non acadan o seu obxectivo.

  8. 08

    As mulleres reclaman o protagonismo na ciencia e na tecnoloxía

    En xuño o proxecto ICT-Go-Girls!, impulsado por CESGA e USC, foi recoñecido como un exemplo e un modelo a seguir en toda a UE no fomento da incorporación das mulleres ás carreiras tecnolóxicas. A fenda, con todo, mantense: O sector TIC emprega en Galicia o dobre de homes que de mulleres. Milagros Sáinz Ibáñez, investigadora e directora do Grupo de Investigación Xénero e TIC da Universitat Oberta de Catalunya, destacaba nesta entrevista que "Nalgúns ámbitos profesionais das TIC moi masculinizados as mulleres non son benvidas"

  9. 10

    Galicia, foco de innovación

    En setembro Pontevedra acolleu o Tek-Fest, unha cita con vontade de continuidade e o obxectivo de converter a cidade nunha referencia para as novas tecnoloxías e aplicacións, dende a realidade virtual ás ferramentas de mapeado, pasando pola imaxe en 360º. "Galicia é un lugar fenomenal para falar de democratización tecnolóxica, cunhas condicións excelentes para converterse nun foco de innovación", contábanos o seu director, Toño Cabanelas

  10. 12

    O galego, lingua de ciencia

    O galego é unha lingua tan válida coma calquera outra para a ciencia e as matemáticas, unha reivindicación tan vella coma as Irmandades da Fala. Algúns intelectuais, como Xohan Vicente Viqueira, chamaban a evitar limitar o galeguismo ao terreo humanístico e teórico. 
    Dende o ano 2011 organízase o concurso Explícoche Matemáticas 2.0, un certame dirixido ao alumnado do sistema universitario galego, de Bacharelato, e de 3º e 4º da ESO co obxectivo de "promover a utilización do galego como medio de transmisión das Matemáticas, así como a creatividade do alumnado".

  11. 13

    A noite que o campo da festa aplaudiu un científico

    E rematamos cunha imaxe e un momento. Algo tan simple e tan significativo como todo un campo da festa (neste caso as persoas congregadas na Praza do Obradoiro para o inicio das Festas do Apóstolo) aplaudiu un científico: Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal da USC e xenetista de prestixio internacional. "Queremos facer ciencia aquí, cómpre poñer entre todos os recursos necesarios para que cantos nos formamos en Galicia, poidamos vivir onde nos acaia", afirmou no seu pregón