Praza Pública

Unha ducia de citas para lembrarmos a Rosalía no seu mes

O 24 de febreiro é o Día de Rosalía. Pero, dende hai anos, a xornada na que lembramos o nacemento da poeta foise estendendo por todo o mes de febreiro, un mes de Rosalía que, aos poucos, espállase por todo o país. Velaquí unha ducia de mostras.

  1. 01

    'Rosalíate' en Pontevedra

    O mércores 22, ás 20:00 na Casa da Luz de Pontevedra letras e música xúntanse para lembrar a Rosalía de Castro. Poesía e máis.

  2. 02

    Rosalía e Narf

    El Patito Editorial vén de rematar a súa colección de poesía completa de Rosalía ilustrada por artistas do país. Para conmemoralo a editora celebra durante este mes unha exposición na Galería Sargadelos de Santiago cunha escolma destes ilustradores: Fausto, Pepe Barro, Álvaro de la Vega, Manolo Figueira e Xurxo Alonso. O último libro, En las orillas del Sar, será presentado o día 21 ás 19:30 na propia Galería, nun acto poético e musical que tamén servirá para lembrar a Fran Pérez, Narf, recentemente falecido.

  3. 04

    Repasar os retratos gardados na RAG

    A Real Academia Galega vén de incorporar ao seu arquivo en liña todos os retratos de Rosalía que conserva a institución. Con estas incorporacións medra o catálogo de documentos dixitalizados que xa sumou ao Arquivo Dixital de Galicia.

  4. 05

    Videopoemas

    A Universidade de Vigo convida, dende o Campus de Ourense, a que os membros da súa comunidade universitaria transmitan "a importancia da figura de Rosalía de Castro" a través de pequenas gravacións de vídeo "na que se recite un pequeno fragmento ou estrofa dalgún poema" da autora.

  5. 06

    Lecturas públicas e recitais colectivos

    Son múltiples as localidades do país que se suman á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega para conmemorar o Día de Rosalía con recitados de poemas e lecturas públicas da obra rosaliana

  6. 07

    Airiños de fotografía

    Neste mes de Rosalía chegou á Coruña a exposición rosaliana coa que fotógrafo Xurxo Lobato está a percorrer o país. Airiños aires ... Rosalía é, en verbas de Anxo Angueira, "máis ca unha visita ou un diálogo con Rosalía", unha "auténtica viaxe coa padronesa". A mostra atópase xa no Quiosco Alfonso, nos xardíns de Méndez Núñez.

  7. 08

    Premio Rosalía

    A área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña convoca unha nova edición do Premio Rosalía de Castro de promoción da lingua galega, que recoñece "persoas, colectivos ou entidades comprometidas coa promoción e dignificación social do noso patrimonio lingüístico". O prazo de candidaturas está aberto ata finais de xuño.

  8. 09

    San Domingos de Bonaval

    A AELG convoca o seu acto central do mes de Rosalía o día 19 no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval. O acto inclúe lectura dun manifesto, recitados poéticos e música.

  9. 10

    Centenario do monumento

    Este 2017 é o 180º aniversario do nacemento de Rosalía, pero tamén é o ano do centenario do monumento que a lembra na Alameda de Santiago. A histórica escultura e as súas orixes son lembradas nunha serie de actos organizados pola Deputación Coruñesa para evocar o que foi "o primeiro crowdfunding da cultura galega".

  10. 11

    Nova revista rosaliana

    Na véspera do Día de Rosalía, o día 23 ás 19:30, o paseo da Ribeira de Rianxo acollerá unha homenaxe á poeta e despois, no auditorio da vila, presentarase a nova revista de estudos rosalianos, Follas Novas.

  11. 12

    Ialma

    Dentro dos actos do día grande de Rosalía destaca o concerto de Ialma na Casa-Museo da Poeta, en Padrón. O grupo inaugura así a xira do seu novo disco.

  12. 13

    Saborear o caldo de gloria

    O poema Miña casiña, meu lar, inspira esta iniciativa da Fundación Rosalía de Castro. O caldo que a poeta describe neste poema torna en canto á "épica diaria da supervivencia". Será servido en moitos locais de hostalería de Padrón durante o Día de Rosalía, pero a Fundación convida a estendelo e saborealo por todo o país. Velaquí os detalles da iniciativa e da receita rosaliana.