Mourullo

Unha ducia de motivos para non perder o Carballo Interplay

Do xoves 4 ata o sábado 6 de maio, é dicir, nunha semana, Carballo acolle unha nova edición (a cuarta) do seu Festival de Contidos Dixitais. Aquí vai unha ducia de propostas para gozar do CIP. 

  1. 01

    A estrea da longametraxe 'Fogueo'

    Toda unha estrea para a primeira noite: a historia de dous perdedores que tentan mudar de vida. De balde ata completar aforo, como todas as actividades do Interplay. No coloquio e para falar desta película pequena levantada grazas a moitos amigos estarán David Sainz e Teresa Segura, director e produtora do filme, padriños ademais do Festival.

  2. 02

    Isa Calderón

    A polémica autora do vídeo "Con la Biblia no fomentaremos la igualdad entre hombres y mujeres" que lle valeu o despido fulminante de Pedro J. Ramírez visitará Carballo Interplay para falar desas "reviews fuertecitas" que ousan machacar -e ben- o cinema, a literatura e a vida. Con moito humor e feminismo. Pese a quen lle pese!

  3. 03

    Soy una pringada

    Esty é unha das youtubers favoritas de moita xente. Se cadra por ser anti-youtuber. Talvez por estar nas trincheiras para advertirnos desa xente positiva e simple que tenta estragalo todo. Se precisas dun petisco de odio extremo dunha persoa que sabe rirse de si mesma, no Interplay terás oportunidades abondo. Mesmo de bailar con DJ Soyunapringada para pechar o festival.

  4. 04

    Los Prieto Flores

    Desde hai tempo Borja Prieto e Natalia Flores atrévense a contar as súas peripecias como tribo familiar en Youtube. Para continuar co atrevemento e a peripecia, trasladarán o salón da súa casa ao Pazo da Cultura de Carballo para falar con convidados como Isa Calderón, Soy una pringada, Percebesygrelos e El Hematocrítico.

  5. 05

    Percebesygrelos

    Entre os seus gustos: o hortera, falar de caca, escribir e Raphael. Con Carolina Iglesias, coruñesa residente en Madrid, a irreverencia está servida da man de quen é considerada unha das promesas máis novas na comedia estatal. A súa canle de Youtube, Percebesygrelos, con máis de 30.000 subscritores, é a proba contundente.

  6. 06

    As webseries

    No 2014 o Carballo Interplay foi pioneiro coa organización da primeira competición de webseries de Estado. Nesta cuarta edición o menú degustación contará con trinta e cinco das mellores do mundo mundial.

  7. 07

    Humor na rede: master class con Rubén Ontiveros

    A experiencia é sempre un grao. Rubén Ontiveros (Vaya Semanita, Homo Zapping, La Hora de José Mota, Qué Vida Más Triste) falará da súa en Internet e de como este medio pode ser a ponte para traballar noutro: a televisión.

  8. 08

    Código Fonte Audiovisual de Chévere

    Patricia de Lorenzo e Xesús Ron traerán ata o Pazo da Cultura o imaxinario audiovisual dunha das principais compañías do país, Chévere, que neste 2017 fan 30 anos. A non perder esta oportunidade para coñecer e deixarse sorprender polos seus referentes.

  9. 09

    A estrea mundial de 'Peter Brandon'

    A xente de Porco Bravú vainos contar, en rigorosa estrea mundial, a nova identidade que ten que adoptar un cómico galego na búsqueda do éxito definitivo. Ou como Pedro Brandariz pasa a ser Peter Brandon, na que promete ser unha  sátira sobre o sector audiovisual do país, perfecta para a noite do venres.

  10. 10

    A televisión nos tempos do Twitter

    Javi Mos (do equipo de Land Rober), Pilar Rodríguez (redactora de Luar) e Miguel López, El Hematocrítico, falarán das razóns polas que o móbil é hoxe en día tanto ou máis importante que o mando a distancia para ver e pasalo ben coa televisión.

  11. 11

    Gala de clausura “Breve historia de internet” con Sergio Zearreta

    Ningún festival sen a súa gala de entrega de premios. O señor Zearreta (Sergio, actor, músico e cantante) e o Doutor Pómez (máximo erudito e home do Renacemento) repartirán galardóns e darán conta da historia de Internet a ritmo de master class.

  12. 12

    Vermú, conversas, festa e risos

    Dentro ou fóra de programa, o Carballo Interplay é ademáis unha boa ocasión para empezar o mes de maio para conversar e botar unhas risas con xente divertida. Vémonos en Carballo!