Héctor Anllo

Unha ducia de cancións favoritas para gañar Eurovisión 2017

Xa está aquí. Xa chegou un ano máis o evento musical máis famoso e seguido de todo o planeta. Benvidos ao Festival de Eurovisión 2017, unha edición que vai camiño de converterse nunha das máis cáoticas a nivel organizativo e tamén das máis imprevisibles en canto ao futuro gañador. Este ano (como non!) tamén temos eurodramas como o de España e o seu representante sen apoio eurofan, o veto de Ucraína á participación da representante de Rusia, sorprendentes caídas en semifinais e tamén inesperados favoritos. Aínda que moitas das cancións mellor puntuadas nas casas de apostas como Finlandia, Islandia, Macedonia ou Montenegro quedaron polo camiño durante as semifinais desta semana, teremos grandes cancións e actuacións na final deste sábado. Queredes coñecer algunha delas? Dádelle aí, ho!

  1. 01

    ISRAEL

    A min non se me ocorrería unha forma mellor de comezar o festival. Cunha canción que podería soar perfectamente en calquera discoteca galega, un grupo de baile que nos lembra máis a unha actuación de Noche de Fiesta e uns gráficos espectaculares, aparecerá no escenario IMRI, o buenocho oficial de Eurovisión 2017. As súas miradas á cámara, a súa camisola semitransparente máis propia dos 2000 e o seu tema eurodance con toques folclóricos fixeron que na semifinal do xoves media Europa caese rendida aos seus pés e estou seguro de que este sábado a historia tamén volverá a repetirse.

  2. 02

    ARMENIA

    Velaí unha das postas en escena máis traballadas desta edición. O certo é que a canción non é unha das mellores do festival, pero a súa coreografía e a súa realización fan que o tema interpretado por Artsvik se sitúe como un dos favoritos nas casas de apostas. A mestura entre gráficas coloridas, bailarinas modernas que fan voguing, a diastema da cantante e os sons modernos e orientais lembran a outras participacións históricas do país como a de Sirusho e o seu Qele Qele no 2008. Un feito a ter en conta é que á cantante si que lle deu sorte levar unha boa trenza, algo que lle saiu mal ao pobre Slavko, representante de Montenegro.

  3. 03

    MOLDAVIA

    Lembrades ao home do saxo de Moldavia en 2010? Está de volta e vén moi ben acompañado. O tema dos moldavos Sunstroke Project, que xoga entre o pop e mailo R&B, é acompañado dun violín e de tres coristas que fan un cambio de vestiario en directo tan propio de Marie N (gañadora de Eurovisión 2002) como dunha drag do RuPaul’s Drag Race. Se cadra non é a mellor canción do festival nin por melodía nin por letra, pero sen dúbida os tres minutos de actuación serán dos máis divertidos e movidos da final deste sábado.

  4. 04

    ITALIA

    Velaí o gran favorito para facerse co triunfo desta edición do festival. Francesco Gabanni foi o gañador do Festival de San Remo, reciclado como preselección italiana, cunha extravagante canción que critica a vida occidental fronte ao abuso dos mundos dixitais. Desde que foi escollido, a súa pegañenta canción converteuse nun fenómeno viral e o seu vídeo na canle de Eurovisión sitouse como o máis visto da historia superando as cen millóns de reproduccións. Baixo uns coloridos grafismos, un baile típico de canción do verán e arroupado por un coro no que se atopa o seu irmán e polo famoso “mono espido” que sae na súa canción, Gabbani loitará por un gran triunfo do Big 5 na final deste sábado.

  5. 05

    PORTUGAL

    O segundo grande favorito de Eurovisión 2017 é o noso veciño Salvador Sobral, merecidísimo gañador dun restruturado Festival da Cançao que se propuxo apostar polos novos compositores. Como el ben di, este tema jazz cantado íntegramente en portugués escápase moito da canción estándar do festival, tradicionamente pop e espectacular. A maxistral composición da súa irmá Luisa Sobral, encargada tamén dos primeiros ensaios en Kiev por mor da enfermidade coronaria de Salvador, é interpretada por un Salvador que se move entre o riquiñismo puro e a tolemia absoluta por momentos. Estou seguro de que a súa actuación namorará este sábado a todos os que aínda non coñezan “Amar polos dois”. Conchita Wurst, Pastora Soler e moitos dos participantes doutros países confesaron que a canción portuguesa, a primeira lusa en pasar á final nos últimos 7 anos, é o seu “bicho raro” favorito para levar o triunfo.

  6. 06

    AUSTRALIA

    O representante australiano, un dos máis novos desta edición, foi un dos verdadeiros protagonistas da semifinal do martes grazas ao un comentado “gallo” que cometeu de cara ao final da súa interpretación. Malia este pequeno erro, a terceira participación en Eurovisión do país oceánico é un tema pop moi correcto cunha posta en escena traballada que abusa dos típicos millenial que se repiten noutros países: vídeos de fondo co cantante, cintas de correr e planos cómplices mirando directamente á cámara. Eu insisto: ollo con Australia, porque para levar só tres anos competindo xa lle ten collido o truco a isto.

  7. 07

    REINO UNIDO

    Unha actriz de musicais que nos canta sobre unha relación que intenta manter unida pese a todos os problemas que teñen para seguir adiante é a encargada de representar no ano do Brexit ao Reino Unido. Soa irónico, non é? Unha boa execución vocal e unha boa posta en escena, que contempla a montaxe dunha xigante estrutura no centro do escenario que incluso fixo que a organización lles dese un toque de atención, poden facer que un dos históricos do Big 5 consiga mellorar os seus resultados dos últimos anos.

  8. 08

    ROMANÍA

    Imaxinades como sería unha canción pop-rap con aturuxos? Os romaneses Ilinca e Alex Florea sorprenden a Europa con Yodel It!, unha mestura de canción tirolesa ao máis puro estilo Heidi, temas pop, fondos rock e letras máis de rap. A todo isto podedes sumarlle uns gráficos coloridos e unha escenografía un pouco atípica, cuns canóns aos dous lados para facer aínda máis épica unha canción que non pode ser máis eurovisiva. A quen non lle gusta un bo machuco de música tradicional e moderna? Sei que é difícil de volo contar, así que case é mellor que o vexades por vós mesmos.

  9. 09

    BÉLXICA

    Con Bélxica entramos na recta final das actuacións, e topámonos de cheo con outras catro grandes cancións favoritas. A canción de Blanche, pop e moderna, lembra a outras artistas de corte alternativo para as radiofórmulas (e Radio 3) como Lorde ou mesmo Lana del Rey. O certo é que, desde o seu lanzamento, a canción tivo unha grande acollida e ascendeu rápido aos primeiros postos das casas de apostas, pero debido á súa presentación durante a primeira semifinal, cunha posta en escena excesivamente minimalista (por non chamarlle sosa), perdeu algúns apoios por parte dos fans do festival e tamén da prensa musical desprazada a Kiev.

  10. 10

    SUECIA

    Robin Bengtsson, o representante (físicamente pouco) sueco, viuse sempre nos primeiros das apostas eurovisivas. Mesmo antes de ser escollido gañador do Melodifestivalen, a famosa preselección sueca, a súa traballada posta en escena levouno a ser un dos grandes favoritos. Malia que a súa actuación na primeira semifinal non estaba pulida ao cen por cen, Bengtsson e o seu séquito de millenials sobre cintas de correr aspiran a quedar entre os postos máis altos da táboa cunha canción de pop pegañenta a máis non poder, miradas e xestos directos cara a cámara e uns audiovisuais de cores rechamantes. Volverá o festival en 2018 ao país que o acolleu maxistralmente no 2016?

  11. 11

    BULGARIA

    O terceiro da rolda é Kristian Kostov, ao que algúns xa coñecen como o “Abraham Mateo” (ou Justin Bieber) búlgaro. O certo é que este rapaciño, o máis novo dos participantes desta edición, fixo unha das actuacións mellor executadas vocalmente e artísticamente das dúas semifinais, dándolles unha verdadeira lección a algúns veteranos como Valentina Monetta (a súa cuarta vez por San Marino) ou os representantes saídos de talent shows que representan a moitos países participantes. Conseguirá Bulgaria darnos unha sorpresa?

  12. 12

    FRANCIA

    A última en actuar este sábado será Alma, a representante francesa, pero non por cantar neste posto debemos deixala ao marxe. Segundo Google, e de acordo coas procuras dos usuarios no seu buscador, esta sería a canción gañadora de Eurovisión 2017. O certo é que desde a súa selección se colocou como unha das favoritas, malia que moitos eurofans valoran negativamente o troco do seu retrouso en francés por uns versos en inglés. Os medios especializados concordan en que Alma foi unha das cantantes que máis evolucionou (para ben) no seu camiño cara o festival grazas á súa participación en eventos por toda Europa, e destacan especialmente a súa seguridade desfilando coma unha auténtica modelo de alta costura baixo unhas espectaculares imaxes da cidade de Paris.