0 Gardados para despois

Praza Pública

Unha ducia de xogos tradicionais galegos

Galicia é un país rico en xogos populares. Diversas entidades dedicadas á súa investigación e divulgación veñen de lanzar unha base de datos online do xogo tradicional galego, un bo momento para repasarmos algúns deles coa axuda da documentación que xa inclúe a web... E aproveitarmos para poñelos en práctica nestes días de verán!

  • A mariola

    Un clásico do xogo na rúa. Marcamos os cadros no chan e cun obxecto máis ou menos plano -unha pedra, unha chapa...- xa podemos comezar a xogar. Cómpre ir brincando á pata coxa por cada un dos recadros e para facermos que o obxecto vaia avanzando.

  • A porca

    Antes do hockey ou o golf estaba a porca, que segundo a zona tamén pode ser coñecida como pino ou cachona. Un pau e unha bóla son os elementos fundamentais e no campo de xogo debe haber tantos buracos como persoas a xogar, todos ao redor dun gran buraco central. O porqueiro ou porqueira debe introducir a bóla -a porca- no buraco grande -o cortello- e o resto tentará afastalo. Cando o porqueiro o logra, todo o mundo troca de nicho -buraco pequeno-.

  • A zoadeira

    Un cordón e un buraco son dabondo para este xogo. Pasaremos o cordón polos furadiños do botón e ataremos os dous extremos. Collémolos cos dedos por senllos extremos e dámoslle unhas voltas; se o botón xira e zoa sen parar é que o fixemos ben!

  • As bólas

    Hai moitas variedades de xogo de bólas e podémolas adaptar á idade de quen xogue. Podemos xogar a deixar a bóla o máis cerca posible dunha raia, a bater o maior número de veces posibles ns bólas do resto de persoas que xoguen ou a botar fóra dun círculo as bólas do resto de xogadoras e xogadores ata que quede só unha.

  • A billarda

    Ou estornela. Dous paus redondos, un palán e unha billarda son as pezas do xogo, que precisa dun terreo amplo para practicarse. Pódese xogar individualmente ou por equipos e o obxectivo fundamental é guindar a billarda o máis lonxe posible. Este xogo recuperou vigor, tal e como mostra a Liga Nacional de Billarda.

  • A chave

    A chave ten moitas modalidades e a principal diferenza entre unhas e outras e súa forma, que varía en Ferrolterra, Ourense ou Santiago. A chave está chantada no chan e cómpre facer bater nela os pesos que lanzamos a unha determinada distancia.

  • Birlos e bolos

    Podemos xogar aos birlos ao canteiro ou aos bolos celtas. Son de madeira e teñen diferentes formas; o obxectivo é tombar o maior número de birlos posibles coa bóla en cada lanzamento.

  • As sete e media

    Marcamos no chan un retángulo dividido en oito espazos numerados do 1 ao 7 e un oitavo espazo cun asterico (a media). As persoas que vaian xogar colócanse a uns 3 mestros dos recadros 1 e 2. Cada xogador ou xogadora lanzará dous obxectos -unha pedra, unha chapa...- tentando sumar sete e media ou ficar o máis próximo posible a ese valor.

  • A malla

    Xogamos en parellas con dous paus duns 10 centímetros afastados entre si por uns 6 metros. Cada persoa que xoga ten consigo tres discos de madeira e lánzaos cara aos paus para tentar derrubalos. Cada pau derrubado suma un punto.

  • O muíño ou alquerque

    Marcamos no chan o taboleiro de xogo. Con nove obxectos -moedas, chapas, sementes, pedriñas...- para cada xogador ou xogadora, comezaremos colocando unha ficha enriba de cada cruzamento de liñas. O obxectivo é aliñar tres obxectos en horizontal, vertical ou diagonal e as fichas aliñadas fan un muíño que dá dereito a retirar unha das fichas da outra persoa.

  • As carrilanas

    Un xogo... ou todo un deporte se imos preguntar a Esteiro ou Valdoviño. Son vehículos de madeira que adoitan estar feitos de madeira e desprazarse coa axuda de tres rodamentos. As carrilanas van a toda velocidade e son un vehículo que aguanta moita creatividade!

  • O peón

    Ou buxaina, ou trompo... Un xoguete de madeira que baila sobre unha punta de metal co impulso dun cordel. Semella simple, pero ten moitas combinacións para as que cómpre non pouca habilidade.