Mourullo

Unha ducia de recunchos para (re)descubrir co Festival Noroeste na Coruña

O festival coruñés celebra a súa trixésima primeira edición do martes 8 ata o domingo 13 de agosto, con preto de 200 horas de música espalladas por espazos singulares da cidade. Esta é unha proposta de lugares polos que transitar durante eses seis días.

  1. 01

    (Re)descubre A Coruña

    Aquí vai un convite para percorrer a cidade en clave musical. Dende a emblemática praia de Riazor ata a intimidade do patio da Casa Museo Casares Quiroga, desde o tempo suspendido das praza das Bárbaras ata o Castelo de Santo Antón, o festival ofréceche a posibilidade de renovar a túa mirada sobre diferentes espazos da cidade e construír o teu propio mapa de sons da Coruña.

  2. 02

    A intimidade da Casa Museo Casares Quiroga

    O 31 Noroeste Estrella Galicia empeza cun concerto íntimo no patio da casa familiar de quen foi presidente do Goberno da II República, Santiago Casares Quiroga, e lugar de nacemento da súa filla, a actriz María Casares. Tres nomes da cidade -Indomable, Luga e Mielitza- nas tardes do martes, do mércores e do xoves serán a cita imprescindible para facer a travesía polas emocións coa guía da música de autor.

  3. 03

    Praza das Bárbaras

    Este lugar discreto da Cidade Vella, a carón dun convento de clausura do século XV, é unha recompensa en si mesmo. Que a experiencia sexa aínda máis gratificante está na man de artistas como Enric Montefusco, coa súa vontade de retratar á clase traballadora desde a profundidade persoal; New Day, proxecto que nace de Dover, toda unha referencia para o rock das últimas décadas; ou Aviador Dro, un dos grupos más influíntes na historia da música pop electrónica española.

  4. 04

    Praza de San Nicolás

    A enerxía e a orixinalidade dos New York Ska-Jazz, o funk poderoso e descarado de Lisa & the Lips e a mestizaxe explosiva de Los Mambo Jambo, entre outros, serán os responsables de facer bailar a todo o público nesta praza da Pescadería.

  5. 05

    Campo da Leña

    Este punto neurálxico do barrio de Monte Alto será o lugar de encontro para quen busque os sons heavy e hardcore no festival. Bandas como a galega Hongo, a catalá Mourn e a madrileña Adrift farán do Campo da Leña o escaparate do rock máis extremo e contracultural.

  6. 06

    O festival entra nos teatros

    No seu afán por medrar e dar cabida a novos formatos e públicos, o Noroeste suma os dous teatros históricos da cidade ao seu mapa e dános a oportunidade de gozar do festival desde o patio de butacas. No Rosalía de Castro, co disciplinado rock visceral dos neoiorquinos Swans. No Colón, coa melancolía sen artificios do lisboeta Rodrigo Leão.

  7. 07

    Fundación Luis Seoane

    Este museo de arte contemporánea, centro da obra cultural do intelectual galego que lle dá nome, contará coas propostas da electrónica máis arriscada e vangardista, como a do veterano artista islandés Valgeir Sigurðsson, un músico clásico que goza coa experimentación; a do estadounidense de orixe ecuatoriana, Helado Negro, na súa aproximación ao folk latinoamericano: ou a dos coruñeses Naranja imaginario, un proxecto musical multidisciplinar, emocionante e singular formado por persoas con discapacidade intelectual.

  8. 08

    Castelo de Santo Antón

    O flamenco experimental de Rosalía e Raül Refree, o jazz elegante e sofisticado da londiniense de raíces caribeñas Ala.Ni e o personalísimo phado da lisboeta Lula Pena contarán cunha aliada de excepción: a atmósfera desta fortaleza do século XVI, que fai do castelo un escenario desexado por calquera artista.

  9. 09

    Noroeste+

    Desde o martes ata o sábado, vinte e catro salas da noite coruñesa abrirán as súas portas a DJs residentes e visitantes. Será o momento para picadas de pop e rock, clásicos de décadas pasadas e himnos contemporáneos, electrónica e house. Xoansinho, Jordi Pánico, Servando (Aviador Dro), Honky Tonk Lucky y Rawthebarber e Tito Lesende serán algúns dos responsables de facer soar a música ata ben entrada a madrugada.

  10. 10

    As matinais

    As sesións matinais que se celebrarán o xoves 10, o venres 11 e o sábado 12, na hora do aperitivo, serán unha sorte de pequeno festival dentro do Noroeste. Esta novidade da presente edición proporcionará unha completa mostra da nova escena musical galega e española con Sen Senra, Seward, Tórtel, Salto, Bala, Calero, Druso, Les Sueques, Espiño, Futuro Terror, Puma Pumku, Los Bengala, Atrás Tigre, Alien Tango, Bifannah, Wild Honey, Malandrómeda e Terrier.

  11. 11

    A praia de Riazor

    O retorno de Surfin' Bichos, o indie bailable dos ingleses Kaiser Chiefs, o autor de himnos xeracionais Iván Ferreiro e unha das bandas de rock alternativo máis lendarias, a escocesa The Jesus & Mary Chain, toman o relevo nesta edición para continuar a facer da praia de Riazor o corazón do festival.

  12. 12

    O domingo segue o Noroeste

    Unha romaría pechará o festival no parque do Paseo das Pontes. Poñen a música Eladio y Los Seres Queridos, Vurro, García MC, Xoán Curiel, Quique Escamilla, Proyecto Moucho e o DJ Isaac Peces. O Mercado da Colleita trae un programa de ocio para coñecer e poñer en valor as iniciativas que se están a desenvolver no rural galego. Quen queira sumarse que leve manta e comida para facer do parque unha auténtica romaría pop-rock, urbana e festiva.