0 Gardados para despois

Praza Pública

Unha ducia de mestras e mestres

O curso escolar está a piques de comezar e con el, o profesorado volven forma parte da vida cotiá da rapazada. Antes de que as aulas se volvan encher repasamos algúns nomes de persoas ás que a consideración de mestras e mestres lles acae moi ben. Moitas delas traballan ou traballaron na docencia; outras non o fixeron, pero o seu labor científico e creativo foi todo un mestrado.

  • María Wonenburger

    María Wonenburger licenciouse en Matemáticas en Madrid en 1950 e a obtención dunha bolta Fullbright, unha das primeiras da historia, permitíronlle doutorarse en Yale. Regresou á Coruña en 1983, tras moitos anos de docencia e investigación nos Estados Unidos. A pasada década recibiu numerosos recoñecementos en Galicia. Finou en 2014.

  • Ángela Ruiz Robles

    Nada na provincia de León a finais do século XIX e falecida en Ferrol en 1975, Ángela Ruiz Robles é considerada a precursora do libro electrónico. Foi mestra, pero tamén inventora, e a súa enciclopedia mecánica chegou a recibir a aprobación formal do Ministerio de Educación.

  • Ángeles Alvariño

    A oceanógrafa ferrolá Ángeles Alvariño foi unha das principais expertas mundiais do seu tempo no estudo do plancto. Descubriu máis dunha vintena de especies animais de pequeno tamaño e impartiu clases en varias universidades americanas. Non deixou de investigar ata a súa morte, no ano 2005 en California. Un buque oceanográfico leva o seu nome.

  • Antía Cal

    Antía Cal naceu en La Habana en 1923 pero regresou a Galicia sendo aínda unha nena. Cunha traxectoria vital intimamente ligada a Vigo, a súa formación en Filosofía e Letras, Xeografía e Pedagoxía foi boa parte da base da Escola Rosalía de Castro, marcada pola innovación pedagóxica e pola estimulación da curiosidade do alumnado. O documental A palabra xusta recolleu o pasado ano a súa traxectoria profesional e persoal.

  • Concepción Arenal

    Concepción Arenal non foi docente en sentido estrito, pero si foi mestra en sentido amplo. O seu labor como visitadora de cárceres, instruíndo as presas, implicou unha aposta continua polo avance da educación. A súa ampla bibliografía é unha referencia internacional en clave social e de xénero.

  • María Barbeito

    María Barbeito naceu en 1880 e con só 16 anos obtivo o título de Mestra Superior. Foi a número un das oposicións ás que concorreu en 1901 e durante máis dunha década desenvolveu na escola da Guarda na que traballaba un amplísimo traballo de renovación pedagóxica. As súas ideas progresistas e a defensa de principios como a educación foron para os franquistas motivo dabondo para represaliala a partir do golpe de 1936, afastándoa da escola e forzándoa a xubilarse en 1941.

  • María Victoria Moreno

    A autora que será homenaxeada no Día das Letras Galegas do vindeiro 2018 naceu en Extremadura, pero viaxou cara a Galicia e cara ao galego. E ficou en ambos. Deu clase en Lugo, Vilalonga e, sobre todo, en Pontevedra, onde o seu traballo docente ficou ligado a dous institutos: o Valle Inclán e mais ao Torrente Ballester, ao que cedeu a súa biblioteca persoal. Ademais do ensino reglado foi mestra de galego nos últimos anos do franquismo, un traballo polo que chegou a ser sancionada pola ditadura.

  • Avelino Pousa Antelo

    Don Avelino Pousa Antelo foi intelectual, político, galeguista, activista... Pero, sobre todo, foi mestre. O Lucho do Peto obtivo o título de mestre de Ensino Primario en 1935, pero o golpe franquista impediulle opositar e despois os partidarios do réxime dificultaron o ceu acceso ás aulas. Logrouno finalmente en Lugo a mediados dos anos 40, década na que se dedicou ao ensino rural coa Granxa-Escola de Barreiros como emblema. Tras unha estancia laboral en Canarias regresou a Galicia a finais dos 50, onde a investigación agraria ocupou gran parte do seu enorme labor. Faleceu en 2012 entre innumerables mostras de agarimo, tantas como as del polo país.

  • Fina Casalderrey

    Fina Casalderrey converteuse en 2013 na quinta muller da Real Academia Galega e con ela chegou á institución unha ampla bagaxe educativa e literaria. Cunha obra recoñecida a nivel internacional, foi mestra de ensino secundario ata 2010, traballo no que animou a moito do seu alumnado a investigar sobre a etnografía do país. Con máis de medio cento de obras publicadas, é unha das grandes referencias da literatura infantil e xuvenil galega.

  • Carlos Casares

    O autor homenaxeado no Día das Letras deste 2017 dedicou unha boa parte da súa vida á docencia tanto en Galicia como fóra dela, aínda que obstaculizada polo franquismo. Un deses episodios de represión foi emendada, aínda que a título póstumo, este mesmo ano en Viana do Bolo.

  • Manuel González

    Manolo González é un dos grandes referentes do audiovisual galego, pero tamén unha figura clave na ligazón entre audiovisual e ensino. Foi creador e director da Escola de Imaxe e Son da Coruña e traballando de docente en centros como o IES Concepción Arenal de Ferrol integrou -e segue a integrar- a creación e a investigación audiovisual nas aulas do país. A súa "paixón" co premio de honra Fernando Rey nos Mestre Mateo de 2014 e a súa creatividade non cesa, como amosa esta mesma fin de semana no Chanfaina Lab de San Sadurniño.