0 Gardados para despois

Moléculas en galego

Unha ducia de moléculas relacionadas co outono

O pasado 22 de setembro chegaba o outono e con el moitas novidades: os cambios nas follas das árbores caducas, o comezo da tempada micolóxica ou a chegada dos magostos. E como todo é química, velaquí unha ducia de moléculas presentes nestes acontecementos.

  • Clorofila

    A clorofila é un composto que lle confire a cor verde ás follas. En outono prodúcese menos cantidade, o que fai que as follas perdan verdor.

  • Luteína

    A luteína é un composto químico pertencente ao grupo das xantófilas. É un pigmento amarelo que se atopa nas follas ao chegar o outono.

  • Betacaroteno

    O betacaroteno é un pigmento que lle proporciona ás follas a coloración laranxa e castaña.

  • Antocianina

    A medida que a concentración en azucre das follas aumenta, os raios do sol activan a produción de antocianina, que causa os tons avermellados.

  • Alfa-amanitina

    A alfa-amanitina é un composto tóxico presente no cogomelo Amanita phalloides, que é considerada unha das especies máis tóxicas para os seres humanos.

  • Muscarina

    A muscarina é un alcaloide tóxico que se atopa na Amanita muscaria e que provoca salivación, lacrimación e trastornos neurolóxicos.

  • Muscimol

    O muscimol é o compoñente psicoactivo responsable, xunto coa muscarina, dos efectos psicotrópicos da Amanita muscaria.

  • Ácido iboténico

    O ácido iboténico é un composto que se produce de xeito natural no fungo Amanita pantherina. É un aminoácido poderosamente neurotóxico.

  • Orellanina

    A orellanina é unha micotoxina que se atopa en varias especies de fungos velenosos da familia Cortinariaceae.

  • Auga

    A auga é o pricipal compoñente da castaña. É a responsable de que estoupen cando as pomos ao lume, xa que coa calor, a auga evapórase e crea unha presión entre o froito e a súa codia.

  • Gammabutirolactona

    A gammabutirolactona é un composto que lle proporciona á castaña o sabor suave e acaramelado.

  • Furfural

    12) O furfural é un aldehido aromático que proporciona sabores doces e leñosos á castaña.