Praza Pública

Unha ducia de razóns para non perder o San Froilán de Lugo

En Lugo o inicio do mes de outubro é sinónimo de San Froilán dende mediados do século XVIII. As actuais patronais lucenses recollen o testemuño daquelas antigas feiras e festas para manter, como celebración urbana, un aquel de romaría popular. Dende o pasado día 4 e ata o 12 de outono hai razóns dabondo para non perdelas. "Non atoparedes no outono galego festa máis cabal nin días máis fermosos", asegurou don Álvaro Cunqueiro.

Contido patrocinado

  1. 01

    A Duendeneta

    Comezamos por unha das citas das festas lucenses que non adoita aparecer entre os principais eventos, pero que nos últimos anos está  ser sinalada como unha das citas nas que a troula está asegurada e a afluencia de público, garantida. Esta discoteca móbil un tanto especial estivo xa na noite inaugural do San Froilán e regresa á Praza da Soidade o día 11 dende as 23:30.

  2. 02

    Guadi Galego e De Vacas

    Este venres, 6 de outubro, as músicas de Guadi Galego enchen a praza de Santa María. A cantante non chega soa, senón que ademais da súa banda trae consigo ás De Vacas.

  3. 03

    Desfile de gando

    Recuperado a pasada década, o desfile de gando é a ligazón das actuais festas do San Froilán coas antigas feiras, orixe da celebración. Desta volta celébrase o sábado, día 7, dende as 11:30 e percorrerá o treito peoníl da Ronda da Muralla, a Praza da Constitución, o Campo Castelo, a Praza Maior e a rúa Bispo Aguirre coa compaña musical d'Os Campeiros de San Xoán do Campo.

  4. 04

    Iván Ferreiro

    Tras pasar por algúns dos principais festivais do verán a xira do músico vigués fai parada no San Froilán. O concerto, o sábado 7 dende as 21:00 na Praza da Horta do Seminario.

  5. 05

    A familia Pelúdez

    Os Pelúdez entre nós é un espectáculo teatral itinerante que, os principais días das festas, percorre as rúas do centro de Lugo e o recinto feiral dando vida ao personaxe creado polo escritor Xosé Trapero Pardo como símbolo dos paisanos que acudían á cidade os días de festa. Non ha ser difícil atopar a Pelúdez e familia.

  6. 06

    O Domingo das Mozas

    Xunto co de San Froilán, o outro día grande as festas. Ese domingo, desta volta 8 de outubro, era historicamente a xornada na que boa parte da poboación da contorna da provincia de Lugo acudía ás feiras e festas da capital a negociar, a comer o polbo, a botar un pé... E tamén a mocear. Na actualidade é unha das xornadas máis apegadas á tradición lucense e galega, coa celebración do día do traxe galego e eventos como a homenaxe a Rosalía de Castro no parque que leva o seu nome.

  7. 07

    Sés

    Con Opoñerse á extinción a cantante xa encheu un bo número de salas, prazas e campos da festa por todo o país. No día máis feminino do San Froilán, Sés aspira a volver facelo na Praza da Horta do Seminario. O Domingo das Mozas dende as 20:30.

  8. 08

    A festa polo centro e nos barrios

    É frecuente que, fóra das rúas e prazas sinaladas para as principais citas do programa festivo, moitos barrios da cidade vivan tamén, xunto ao centro, un ambiente especial durante os días das festas nos que, ademais, arrecenden ben a polbo. Albeiros, A Milagrosa, A Fonte dos Ranchos, A Piringalla ou As Gándaras son tamén agora escenario para os pasarrúas do San Froilán. 

  9. 09

    Treixadura con Cantigas e Agarimos

    Unha das principais citas coa música tradicional deste San Froilán. As voces e músicas poderosas de Treixadura xúntanse co histórico coro Cantigas e Agarimos. O mércores 11, dende as 21:00 na Horta do Seminario, onde non faltará o baile a pé de praza.

  10. 10

    San Froilán Miúdo

    A rapazada ten un espazo especialmente dedicado para ela nas festas de Lugo. No patio do seminario hai contos, xogos tradicionais, obradoiros, contos, teatro, e mesmo poesía e rock. Está ademais moi presente nas actividades o proxecto Apego.

  11. 11

    As barracas

    O recinto feiral -ou "as barracas", para a xente de Lugo e persoas achegadas- son cita obrigada no San Froilán. Para subir ás atraccións, deixar algúns cartos nas tómbolas, degustar o polbo ou, simplemente, para dar uns cantos paseos e atopar a veciñanza ou a parentela, tamén á que só se atopa polo San Froilán.

  12. 12

    O polbo

    Imprescindible. Sinónimo case perfecto de San Froilán. Presente nas casetas do recinto feiral -abertas todo o mes-, pero tamén en multitude de locais de hostalería da cidade, os que permanecen abertos todo o ano e os que abren só para o San Froilán.