0 Gardados para despois

Praza Pública

Unha ducia de ideas para o futuro do galego no LGx15

O xoves 9 de novembro a Sala Capitol de Santiago acollerá a terceira edición do LGx15, un encontro no que intercambiar ideas para o futuro da lingua galega. Os participantes teñen o tempo acoutado a un máximo de 15 minutos, concisión que tamén empregan na presentación do que serán as súas intervencións, que posteriormente serán divulgadas en vídeo na rede.

  • Iria Veiga: "Síndrome do noroeste"

    "Falarei sobre as diferenzas non só lingüísticas, senón tamén culturais, que atopamos na práctica médica habitual, e que fan necesaria unha boa comunicación e dominio do idioma por parte dos profesionais, cun toque de humor", di a médica psiquiatra colaboradora de Praza.gal.

  • José Antonio Rubal: "A dobraxe, unha onda vital para o galego"

    "Desde a perspectiva de máis de trinta anos de experiencia no mundo da dobraxe en lingua galega propoño un achegamento á súa intrahistoria (os comezos non foron doados e as anécdotas son abundantes), ó seu desenvolvemento e aposta pola calidade lingüística (converténdose en modelo e referencia de uso), ás súas achegas para dotar de prestixio o idioma (colaborando na súa normalización, normativización e desenvolvemento), e ó seu futuro (incerto e tan necesitado de apoios)", di este actor e director de dobraxe.

  • Alba García, Fátima Fathallah, Brais García e Jonathan Blanco: "A mocidade da lingua"

    Esta é a proposta destes estudantes do Club de Debate do IES Xulián Magariños de Negreira: "Queremos falar de lingua e mocidade, da toma de decisións para ir creando a nosa identidade, de orgullo e de tolerancia. Queremos falar de respecto e de multilingüismo, de autoconciencia e de conciencia colectiva. Queremos, tamén, recoñecer a importancia de actividades extraescolares que lle dan á lingua a vida que moitas veces se lle quita dentro das aulas. E queremos, por último, poñer en valor a xente moza neofalante, animala a tecer unha rede con nós, galegofalantes DTV (de toda a vida :-)). Se alguén que nos escoite está pensando en comezar a empregar o galego como lingua habitual, aquí estaremos unha boa tropa de xente para divertirnos, conversar e reclamar parches de lingua para os nosos videoxogos favoritos, o galego como opción de idioma nas nosas APP preferidas e todo o que faga falta. E todo isto con humor (pero falando seriamente), con honestidade e moitas ganas de deixar a lingua mellor do que a herdamos".

  • Cecilia Fernández Santomé: "Galego e tendencias: como a auga e o leite?"

    A editora xefa da revista Coolt di: "Galicia é toda unha potencia na industria da moda. É o fogar de Inditex, que non é calquera cousa (e imprime carácter). Aquí fabrícanse, xa que logo, as tendencias globais, mais estas tamén se trasladan ás rúas, ás conversas, ás redes sociais e aos blogs. Temos blogueiras de renome e columnas especializadas en case calquera xornal. Sabemos que se leva e como se leva. Porén, esa información circula case en exclusiva en castelán. Como moito, en inglés. Coolt naceu coa humilde pretensión de conquistar esa masa de afeccionados e afeccionadas ás revistas de estilo de vida e moda que hai en Galicia e que, ata 2016, non contaban cunha publicación periódica que lles ofrecese dito material na súa propia lingua. Non nos enganemos, contribuír á normalización do galego no eido das tendencias non é doado. Os prexuízos aos que nos enfrontamos son moitos e moi variados. Por iso, esta comunicación non podía ter un título máis optimista. Quizais unha dose de realidade sexa o mellor estímulo para avanzar".

  • Nuria Espasandín: "A lingua non é unha peza de museo"

    "Eu son Nuria, teño 23 anos e son das poucas persoas galegofalantes do meu entorno diario. ¿Quién? ¿La que habla gallego? Non me malinterpretedes, non son discriminada nin moito menos por falar a miña lingua porque ¡claro! ¡Son da aldea! ¡A nena é da Costa da Morte! ¡É normal! Normal si, pero triste tamén. É incrible a necesidade que ten a xente de explicarse por que unha persoa fala galego en Galicia. De buscarlle o sentido. E máis triste é ver que teñen razón".

  • Alonxo Caxade: "O galego está, aí fóra"

    O mestre e músico resume así a que será a súa interención: "A necessidade de cortar o cordóm umbilical para poder medrar e querer toda a vida á mãe é umha oportunidade imprescindível para (sobre)viver".

  • Patricia Buxán e Miguel Braña

    Os tradutores e socios de Catro Ventos Editora: "A situación diglósica do galego fai que non sexan moitos os eidos nos que poidamos falar da nosa lingua como unha lingua de prestixio. A economía social e solidaria é unha excepción. Este fenómeno explícase polos paralelismos entre ambas as dúas. Quizais sexa pola conexión da economía social coas clases populares, quizais porque, como co galego, se trata dun eido minorizado, heterodoxo, que propón un estilo de vida distinto ao maioritariamente asumido pola sociedade".

  • Pedro Brandariz: "Fagamos o humor"

    O humorista di que "o humor e a comedia son armas de construción masiva e poden contribuír inequivocamente a garantir o uso da lingua galega e incluso espallalo (quen che di que non é posible gañar falantes). Ofrecendo produtos escénicos e audiovisuais de calidade e en galego prestixiamos a nosa lingua e creamos gañas de falar en galego, polas expresións, polas frases feitas, porque nos gustan os actores e actrices… por moitas causas. Igual que o Xabarín e Songoku fixeron que moitas nenas e nenos falasen galego creo que nos tempos actuais os contidos dixitais de humor poden recuperar esa motivación. Non podemos adiantar o nivel de eficacia, pero que a xente de 15 a 40 anos ou máis consuma produtos culturais en castelán non vai axudar en nada. Fagamos que teñan a posibilidade de velos, de escoitalos, de vivilos en galego. Fagamos o humor".

  • Vicente Mohedano, presentador do LGx15 2017

    "Estudando Biolóxicas na USC vinme de repente envolto nun tumulto e, sen querer, fun obrigado a decidir entre a carreira científica e a escena. Oh! Que será máis nobre para o espírito? Cal o mellor escenario para a investigación e experimentación da existencia?", di o presentador desta edición do LGx15.

  • MJ Pérez, actuación musical

    O LGx15 tamén ten unha parte musical, coa actuación de MJ Pérez, unha das novas voces do panorama actual da música galega. Iniciou o seu percorrido en 2014 e acumula máis de 50 concertos por diferentes cidades e vilas galegas. Suma xa tres traballos discográficos: Ollos que non ven, síntoma de cegueira; Guerrilleira e Casandra.

  • LGx15 de 2016

    María Yáñez, Alberto Lamazares, Diana Fernández e David Díaz, Rosalía Fernández, Belén Regueira, Mark Wiersma, Elena Ferro ou Marcus Fernández participaron no LGx15 do ano pasado, cuxos vídeos poden verse na rede.

  • LGx15 de 2015

    Na primeira edición do LGx15, en 2015, os primeiros en participar neste evento foron Xosé Lois Vilar, Xurxo Mariño, Lara Tigre, Luís Iglesia, Manuel M. Singala ou Carmen Grimaldi.