Praza Pública

Unha ducia de variedades de castaña galega

O outono é tempo de castañas, aínda que a meteoroloxía faga que este ano non sexa especialmente bo para o produto. Hai quen pode pensar que todas as castañas galegas son iguais, pero o certo é que existen variedades diversas, multiplicadas a través dos enxertos durante séculos por soutos de todo o país. A Indicación Xeográfica Protexida 'Castaña de Galicia' divulga as diferentes variedades de castaña e vela pola súa protección e promoción. Velaquí unha ducia delas.

Imaxes: IXP Castaña de Galicia

  1. 01

    Amarelante

    É unha das consideradas de maior interese. É a castaña propia da Terra de Trives.

  2. 02

    De presa

    Dáse na montaña lucense. As producións uniformes de castaña son máis valoradas.

  3. 03

    Branca

    Durante moitos anos en cada souto enxertábanse de tres a cinco variedades diferentes para "obter produtos óptimos", explican dende a IXP.

  4. 04

    Calva

    Os xeitos máis habituais de preparar as castañas son asadas ou cocidas. Se están mesturadas varias variedades son menos valoradas para a venda en fresco.

  5. 05

    Inxerta

    A evolución na produción de castaña permitiu ampliar o período de colleita  dende finais de setembro e ata mediados de novembro. Hai variedades aneiras e variedades que son produtivas todos os anos.

  6. 06

    De parede

    As castañas de parede danse en varias comarcas do país, como tamén sucede coa rapada, por exemplo.

  7. 07

    Negral

    A castaña negral é propia de Valdeorras. É unha das áreas, destaca a IXP, na que dende hai décadas se propagaron as variedades locais que actualmente son máis aprecidadas.

  8. 08

    Luguesa

    O nome da variedade remite a Lugo, aínda que realmente é posible atopala en varias comarcas de Galicia. Así e todo, os soutos son diferentes de comarca a comarca.

  9. 09

    Loura

    Os principais usos da castaña son na actualidade o pelado na industria e a venda en fresco. Antigamente, non obstante, eran fundamentais para a manutención de persoas e animais.

  10. 10

    Longal

    A castaña longal é propia do extremo suroeste da provincia de Ourense. A castaña ventura tamén se dá nesta área.

  11. 11

    Garrida

    A garrida é posible atopala na meseta lucense.

  12. 12

    Famosa

    A castaña famosa é tamén unha castaña ourensá. Ademais desta ducia que vimos de coñecer, a IXP destaca outras como a raigona ou a verdella.