0 Gardados para despois

Praza Pública

Unha ducia de citas que non podes perder no Culturgal

Este venres comezou en Pontevedra a décima edición do Culturgal, pola que pasarán máis de 15.000 persoas ata o domingo, que gozarán de máis 130 actividades, 120 stands e un novo espazo dedicado á arte contemporánea. E, ademais, do papel protagonista de Portugal, país convidado nesta edición. Ofrecémosvos unha peneira do máis destacado dunha programación na que as industrias culturais galegas amosan as mellores creacións deste ano.

  • Portugal

    Portugal é a "cultura convidada" da décima edición do Culturgal, "nun intento serio de establecer relacións culturais estables con axentes e institucións portuguesas". Ademais, haberá varias actividades e espazos que servirán como nexo de unión: as Xornadas Profesionais Escena Galega: “Galicia e Norte de Portugal, como activar e estabilizar a circulación escénica transfronteiriza?” (venres) ou o Encontro entre representante de Correntes d’Escritas em conversa com Asociación Escritores e Escritoras en Lingua Galega (sábado)

  • Youtubeir@s

    O premio Youtubeir@s inicia a súa segunda edición dirixido a todas as persoas maiores de 14 anos fiel ao seu obxectivo: incrementar a presenza do galego nos vídeos de Youtube. A iniciativa estará presente no Culturgal, onde realizará unha presentación pública cunha conversa con varios youtubeir@s este sábado ás 13 horas no Espazo Foro

    Youtubeir@s 2018

  • A música que non pare!

    A carpa do Culturgal é o espazo para a música. Por alí pasarán Atrás Tigre, Elefante Elegante, Dous, Banda Crebinsky, o Grupo de Fados ISE.IPP. ou Seso Durán. Ademais, tamén poderemos escoitar a Uxía ou a Andrea Pousa. A bailar!

    Andrea Pousa

  • O novo espazo de arte contemporánea

    A arte contemporánea gaña protagonismo no Culturgal cun espazo de seu, que ocupará os mil metros cadrados da Sala de Exposicións do Pazo da Cultura. Co apoio da Deputación de Pontevedra e comisariado por Antón Sobral e Paula Cabaleiro, o publico da Feira atopará un escenario no que decorrerán actividades diversas, performances, mesas redondas, obradoiros, etc. Ademais, unha ducia de expositores institucionais e privados

  • O Play-Doc, premio do público

    O festival tudense foi o máis votado no Premio do Público Culturgal 2017, acadando 678 votos dos 1.300 emitidos e superando o FIOT (Festival Internacional Outono de Teatro) de Carballo e o Portal das Palabras. Recibirá o galardón o domingo ás 17.45 horas.

  • Moito e bo cinema

    As proxeccións audiovisuais comezarán o sábado con “O rastro que deixamos”, unha peza que homenaxea a Agustín Fernández Paz e que dará paso a un coloquio sobre o autor, finado o pasado ano. Tamén se poderán ver o sábado MIA, curtametraxe de Michael Cassidy; Sicixia, de Ignacio Vilar; e Mimosas, de Oliver Laxe. O domingo será a quenda dos documentais Porta para o exterior (José Ramom Pichel e Sabela Fernández) ou Sitio Distinto (Davide Cabaleiro) e de María e as Demais (Nely Reguera).

  • Moita ciencia

    “Os cabaliños de mar: Unha familia moi singular”, DivulgAcción, “Ciencia á Feira”, "Historia da informática en Galicia"... O venres e sobre todo o sábado pola mañá (de 11 a 13 horas) charlas e obradoiros amosarán no Culturgal, da man de investigadores e investigadoras do CSIC e do IEM, que a ciencia é moi divertida. 

  • Novas edicións das obras de María Victoria Moreno

    O Culturgal acollerá a presentación das novas edicións das obras de María Victoria Moreno, autora homenaxeada no día das Letras Galegas 2018, inaugurando en certa maneira o Ano das Letras dedicado á autora. A brétema, O cataventos e Amor e as palabras chegan da man de Urco Editora. A cita, o sábado ás 12.30 horas

  • O novo de SES, xusto a tempo para o Culturgal

    SES publica mañá día 1 de decembro o seu quinto traballo, Readmirando a condición, no que a cantora coruñesa volve gravar, musicar e arranxar o seu primeiro disco, Admirando a condición, que publicara en 2011, Estará á venda na súa web e no seu stand no Culturgal, onde estará asinando a propia compositora nas tardes do sábado 2 e do domingo 3 de decembro

    SES: Readmirando a condición

  • E se teño fame?

    Culturgal conta con servizo de restauración na propia Feira, con menú do día a escoller entre diferentes pratos quentes. Así mesmo a Feira ten un servizo de cafetería na que se sirven bocadillos e refrixerios varios. Ademais, o Pazo da Cultura conta cunha cafetería-restaurante no segundo andar. E, igualmente, o centro da fermosa cidade de Pontevedra está moi preto!

  • A gozar!

    Tamén se pode ir ao Culturgal simplemente polo gusto de pasear, de atopar amigos e coñecidos, de observar as creacións máis vizosas da cultura galega. Hai un mellor plan para esta fin de semana? Ademais, a prezos realmente populares: A entrada xeral por día ten un prezo de 2 euros, e pagando 3 euros podes entrar os tres días. Nenas e nenos até 12 anos (incluídos) pagan 1 euro por día e 2 euros pola pulseira bono. Menores de 3 anos non pagan entrada. Pode consultar aquí a programación completa.