Praza Pública

Unha ducia de ideas para os teus agasallos

Xa chega o nadal, tempo que regalar e ser regalado. Aínda non escolliches os teus? Estás nestes días nos que non se che ocorre nada? "E que lle merco? E se non lle gusta? E se xa o ten? Non me vai dar tempo!". Dámosche algunhas ideas para os teus agasallos: libros, música, roupa, iniciativas solidarias, viño... Un pouco de todo

  1. 01

    Algo de música

    Comezamos con música. Sempre é un bo momento para agasallar un disco en galego. Por exemplo, Camiños, o último libro-disco de Magín Blanco, no que se inclúen as ilustracións de Leandro Lamas e textos de Carlos Meixide, Víctor F. Freixanes, Ledicia Costas, Francisco Castro, Paula Carballeira, Anxos Sumai, Marta Somoza, María Lado, Antonio García Teijeiro e Eva Mejuto. Podes mercalo aquí

    Aínda que en principio Camiños está pensado para a rapazada, as persoas de todas as idades podemos gustar del. Con todo, se queres outras opcións fóra do infantil-xuvenil, aí tes o Readmirando a condición de SES.

  2. 02

    Unha peli

    Hai uns días púxose á venda a edición especial limitada en formatos DVD e BluRay de Mimosas, o último filme de Oliver Laxe, nunha coidada edición a cargo de NUMAX. A película, gañadora no Festival de Cannes do Premio da Semana da Crítica e do Premio Especial do Xurado no Festival de Cine Europeo de Sevilla, ofrécese con contidos extra. O crítico estadounidense Richard Brody incluíu o filme na súa listaxe das 35 mellores longametraxes do ano, publicada no The New Yorker

  3. 03

    Algo de reizentolo

    Camisolas, calcetíns, gorras, bodis, chaveiros, tazas, paraugas, bolsas de tea, coxíns, papelaría... Hai moito onde escoller na tenda de reizentolo, que o vindeiro ano celebrará o seu 15 aniversario. Con sete tendas en toda Galicia, conta tamén con venda online.

  4. 04

    Moda sostible e ecolóxica

    Nos últimos anos foron xurdindo numerosas iniciativas de promoción e distribución de roupa producida de forma sustentable, tanto social como ambientalmente. Aí están as propostas de MOV3 ou as accións impulsadas por Amarante, que vén de lanzar a campaña Consume-Nós, animando a cidadanía a aposta por téxtil xusto este Nadal. La Canalla, Xiro, Cestola na Cachola, Le Chanelas, Mandacarú..., son algunhas das marcas e tendas que venden os seus produtos dentro da iniciativa MOV3. Tamén está, por exemplo, todo o que ofrece a compostelá Eladiz

  5. 05

    Algo de viño (etiquetado en galego)

    Na última década a etiquetaxe de viño en galego deixou de ser algo excepcional para converterse practicamente na norma, entendida a lingua de forma clara como un calor engadido, como unha marca de calidade. As adegas Martín Códax levan xa moitos anos facéndoo e poden ser unha opción para agasallar este nadal. Na súa web ofrecen unha tenda online que permite enviar caixas personalizadas.

  6. 06

    O teu .gal

    Outro agasallo posible, neste caso tecnolóxico, podería ser un dominio .gal, que se pode adquirir a través da páxina do dominio galego. O prezo máis reducido é o que ofrece Dinahosting, a 38,95€

  7. 07

    NosaEnerxía

    Outro agasallo co que ademais se pode dar un paso cara á conformación dun sistema enerxético máis xusto, participado e sustentable é converter unha persoa en socio/a de Nosa Enerxía, a cooperativa galega de enerxía verde. Por tan só 100 euros (retornables no caso de querer abandonar a cooperativa) pódese xa ser usuario/a e socio/a

  8. 08

    Unha historia de mosqueteiros?

    Volvemos aos libros. Que tal unha historia de mosqueteiros? Baía Edicións ofrécenos a tradución e adaptación ao galego de María Reimóndez do clásico do escritor francés Alexandre Dumas. Tamén podemos escoller O castiñeiro do Apalpador (de Inacio, con ilustracións de Nuria Díaz) ou o éxito de Cociña caseira galega (de Nieves Feros), que xa superou os 10.000 exemplares vendidos

  9. 10

    Un agasallo solidario

    Hai moitas opcións para realizar un agasallo solidario, que respecte os dereitos humanos e o medio ambiente e que, ao tempo que fai feliz á persoa que o recibe, contribúe a que este sexa un mundo un pouco máis xusto. A ONG de cooperación global EDUCO lanzou hai uns días o seu Catálogo de Regalos solidarios, cun total de 54 produtos. De igual xeito a ONG galega Semilla para el Cambio traballa dende 2011 para acadar a autonomía e independencia de mulleres desfavorecidas na India. Elas mesmas elaboran unha serie de produtos artesanais que se poden adquirir a través desta web, recibindo os beneficios xerados.

  10. 11

    Anticiparse ao 2018

    Hai moitas formas de ir preparando xa o 2018. Unha delas é mercar o fermoso calendario con fotos de Pacheco, editado por Xerais. As mulleres son as protagonistas dunha edición que bota man do incrible arquivo do fotógrafo vigués, que conta cun prólogo de Ledicia Costas.

    O tamén facerse coa Axenda Feminista 2018, que todos os anos edita o Observatorio da Mariña pola Igualdade, dedicado nesta ocasión ás activistas galegas.