0 Gardados para despois

Marcos Pérez Pena

Unha ducia de mulleres protagonistas dos Premios Mestre Mateo 2018

Serán estes os Premios Mestre Mateo das mulleres? Diana Toucedo (candidata en catro categorías) e Anxos Fazáns (en tres) son dous dos nomes que haberá que seguir moi de preto na Gala que se celebrará a noite do sábado no Pazo da Ópera da Coruña (TVG, 22 horas). Pero tamén os de Noemí Chantada (A muller invisible), Zaza Ceballos (Juana de Vega, vizcondesa do arado), Paula Cons (A batalla descoñecida) e Sara Casasnovas (Escarabana) ou, por suposto, os das oito actrices finalistas, ademais dun gran número de nomeadas nas categorías técnicas. As mulleres son o centro, así mesmo, de curtametraxes como Matria ou de documentais como O tempo futuro. Ademais, todos os premios serán entregados por mulleres, un total de 13, que compartirán escenario con Iolanda Muíños, que presentará a gala, acompañada das actrices Paula Pier, Iria Acevedo, Iria Sobrado, Beatriz Serén, Rocío Barrio e Cris Iglesias.

  • Diana Toucedo

    Andrés Goteira e o seu filme Dhogs poden ser os gañadores da noite. De feito, a película suma 17 candidaturas e o seu realizador opta aos premios á mellor Dirección, Guión e Montaxe, ademais de Mellor Longametraxe. Pero Diana Toucedo non queda atrás e opta igualmente a catro galardóns: mellor longa, guión e montaxe por Trinta lumes e, igualmente, mellor montaxe por A estación violenta. Trinta Lumes trata o Courel dende a idea da desaparición e a través da voz en off de Alba Ares, unha nena de trece anos. Hai un meses Toucedo destacaba nesta entrevista que “O que vin no Courel foi un lugar cheo dunha vida tremenda, que desaparece e emerxe outra vez”

    Trinta Lumes

  • Noemí Chantada

    En A muller invisible Noemí Chantada analiza a prostitución en primeira persoa. O pasado ano foi a gran triunfadora do Festival Internacional de Cine Curtocircuito en Santiago de Compostela, facéndose con 3 galardóns

  • Zaza Ceballos

    Juana de Vega, vizcondesa do arado, de Zaza Ceballos, relata o tempo no que a coruñesa Juana de Vega, moi activa politicamente e pioneira do feminismo galego, estivo a cargo da educación da raíña Isabel II. Está nominada en 5 categorías, dúas interpretativas e tres técnicas, todas elas a cargo de mulleres.

  • Paula Cons

    A batalla descoñecida, de Paula Cons, opta ao premio ao Mellor Documental. Na película debulla a historia da minaría galega do volframio e a súa relevancia na II Guerra Mundial. "Para a poboación en xeral, a venda de volframio aos nazis na posguerra só valeu para prolongar a fame", destacaba Cons nesta entrevista hai tan só uns días.

    A batalla descoñecida

  • A Ramona de 'Matria'

    Matria non está dirixida por mulleres (o seu responsable é Álvaro Gago) pero nesta curtametraxe as mulleres son as indiscutibles protagonistas. Especialmente Ramona, ao redor da cal xira todo o filme. A peza obtivo numerosos galardóns -o máis importante no Festival de Sundance- e opta ao premio a Mellor Curtametraxe. "Quedan moitas historias de mulleres por contar no cine", destacaba o seu director nesta entrevista

  • Bárbara Iglesias

    Bárbara Iglesias non é directora, nin actriz, nin é responsable do son ou a fotografía de ningún dos filmes candidatos aos Premios Mestre Mateo. Porén, é a protagonista dun dos documentales finalistas, O tempo futuro, de Xoán Escudero. Iglesias foi a primeira piloto de bobsleigh española, a pesar de vivir en Arcade, a 1.700 quilómetros da pista máis próxima

  • As oito actrices candidatas

    Por suposto, tamén son protagonistas as catro actices que optan ao Premio á Mellor Interpretación Feminina: Melania Cruz (Dhogs), Nerea Barros (A estación violenta), Sabela Arán (Viradeira) e Sonia Castelo (Juana de Vega, vizcondesa do arado). E as catro que poden gañar o Premio á Mellor Interpretación Feminina de Reparto: Bárbara Grandío (A historia dun satélite), Luisa Merelas (Juana de Vega, vizcondesa do arado), Susana Sampedro (Serramoura) e María Costas (Dhogs).

  • As finalistas nas categorías técnicas

    Hai moitas máis candidatas, por exemplo María Solar e Nieves Rodríguez, que optan ao premio á mellor comunicadora de televisión. Ou as responsables de varias das webseries finalistas. Pero tamén cómpre destacar a importante presenza de mulleres nas categorías técnicas e profesionais, por exemplo Lara Vilanova e Lucía Catoira en Fotografía, Ana Míguez, Marta Lima e Paula Fernández en Dirección de Produción, ou Carmen Varela en Mellor Realización. Ademais, as mulleres copan todas as candidaturas nas categorías de Mellor Vestiario e Mellor Maquillaxe e Perruquería.

  • María Bouzas

    A actriz María Bouzas recibirá o Premio de Honra “Fernando Rey”, co que a Academia quere “recoñecer de parte do sector a traxectoria dunha compañeira que é referencia ineludible para a televisión, o teatro e o cinema en Galicia”

  • Todas as mulleres que falarán dende o escenario

    Ademais das profesionais que optan a gañar os galardóns, polo escenario da Gala dos Mestre Mateo pasará ao longo da noite un gran número de mulleres, comezando por Iolanda Muíños, que conducirá o evento, acompañada polas voces das actrices Paula Pier, Iria Acevedo, Iria Sobrado, Beatriz Serén, Rocío Barrio e Cris Iglesias. Pero, ademais, este ano todos os premios serán entregados por mulleres, un total de 13, representativas do sector audiovisual en Galicia.

    Trátase de Sonia Méndez (cineasta, actriz e directora do festival Carballo Interplay), Nieves Rodríguez (presidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia), Belén Brandido (rexedora de arte e localizadora), Virginia Curiá (directora de cine de animación), Marga Pazos (presentadora do Galicia Noticias da TVG), Giselle Llanio (directora e realizadora), Araceli Gonda (guionista), Alicia Dapena (deseñadora de vestiario), Isabel Rega (foquista), Beli Martínez (produtora e docente), Encarna Alonso (script), Isabel Blanco (delegada da fundación AISGE en Galicia) e Dolores Meijomín (coordinadora de política audiovisual da AGADIC).