Miguel Pardo

Unha ducia de ascensos históricos no deporte galego

O Breogán de Lugo e o Intasa Aldebarán de San Sadurniño acadaron a pasada fin de semana dous históricos ascensos á elite do baloncesto e do voleibol respectivamente. Engádense á listaxe doutros históricos ascensos na historia do deporte galego. Velaquí unha ducia deles. 

  1. 01

    O Breogán volve ao seu sitio

    O equipo lucense celebrou a pasada fin de semana o ansiado ascenso á Liga ACB doce anos despois. Sufrindo, como non podía ser doutro xeito, o Breogán recuperou a categoría perdida. O anterior ascenso foi en 1999 e é aínda recordado pola afección celeste. Aqueles tiros libres de David Gil foran o inicio dun estoupido de alegría nun 23 de maio. Case vinte anos despois, Lugo volveu vibrar e gozar tras unha ducia de anos de emocións e corazóns encollidos. 

  2. 02

    O Aldebarán fai historia cunha proeza insuperable

    San Sadurniño, localidade ferrolterrá de menos de 3.000 habitantes, terá a vindeira tempada un equipo na Superliga de voleibol, a elite deste deporte no Estado. O club impulsado por un profesor de escola que chegou hai 40 anos a esta vila confirmou a pasada fin de semana unha proeza de difícil parangón. Un ascenso á máxima categoría, con medio equipo de canteiráns e xente da casa e unha traxectoria envexable e digna de estudo. Un éxito histórico. 

  3. 03

    O Chapela e os catro equipos galegos da Asobal

    Foron moitos e moi celebrados, pero o balonmán galego, e as Rías Baixas en particular, fixeron historia en 1996. Naquel mes de abril, o Chapela vencía o Anaitasuna de Navarra nun lembrado partido e ascendía á elite. Ao ter logrado o Cangas tamén o ascenso a Asobal na tempada anterior e conseguir a permanencia, na tempada 1996-97 coincidiron na máxima categoría catro eqiupos do país e separados por escasos quilómetros: o de Redondela, o do Morrazo, ademais do Teucro de Pontevedra e o Academia Octavio de Vigo. 

    Foi unha campaña histórica que marcou unha época dourada do balonmán galego, que en sete tempadas tivo como mínimo tres representantes na Liga Asobal, na que na actualidade loitan pola permanencia o Teucro e o Cangas Frigoríficos do Morrazo.

  4. 04

    O primeiro do Celta, adiado pola guerra civil

    Na tempada 1935-36, o Celta de Vigo acadaba o seu primeiro ascenso a Primeira División nun equipo dirixido por Ricardo Comesaña e con Nolete e Venancio como grandes estrelas. Por mor da guerra civil, a estrea na elite do fútbol español non chegou ata 1939. Foi o primeiro de moitos. O último ascenso do equipo celeste á máxima categoría foi en 2012, con Paco Herrera no banco e Iago Aspas xa como referente. Foi segundo clasificado nunha división de prata que lideraría o Deportivo. 

  5. 05

    Deportivo: o primeiro e o último

    Hai 77 anos, nun mes de maio de 1941, o Deportivo da Coruña ascendía por primeira vez á Primeira División do fútbol español. O equipo galego venceu o Murcia por 2-1 nun partido e promoción disputado no estadio madrileño de Vallecas. Gañou ao mesmo equipo que vencería en 1991 noutro histórico ascenso, o que poñía fin á longa noite de pedra de case vinte anos fóra da elite. En 2014, con Fernando Vázquez á fronte, o conxunto branquiazul acadou o seu último ascenso que, de non mediar milagre, será o seu obxectivo na vindeira tempada. 

  6. 06

    El Olivo sitúa Galicia na elite do fútbol feminino

    El Olivo de Vigo acadou en maio de 2011 unha das maiores fazañas do fútbol feminino en Galicia o acadlar o primeiro ascenso sun equipo galego á Superliga tras unha vitoria 1-2 ante o Girona. O equipo vigués convertíase no sucesor do Karbo Deportivo da Coruña, que nos anos 80, e coa disciplina aínda sen estrutura, proclamouse campión de España e foi durante anos a referencia no Estado

  7. 07

    O primeiro do Lugo a Segunda

    Na tempada 91-92, o Club Deportivo Lugo conseguía o seu primeiro ascenso a Segunda División A logo dun polémico e emocionante último partido da liguiña de promoción ante o Sant Andreu, ao que venceu 2-1. Na temporada 2011-12, con Quique Setién ao mando, o equipo lucense acadaría outro histórico ascenso nos penaltis ante o Cádiz no Carranza.  

    O Lugo permanece asentado na categoría de prata, onde antes Galicia tivera representantes como o desaparecido Club Deportivo Ourense, que ascendeu por última vez á Segunda División en 1996, ou o Racing de Ferrol, que subira en 2007. 

  8. 08

    O Compostela chega a Primeira

    A SD Compostela acadou en 1991 un meritorio ascenso á Segunda División. Tan só tres anos despois, en 1994, finalizou en terceira posición e xogou a promoción de ascenso á Primeira fronte ao Rayo Vallecano. Tras rematar os dous encontros en empate (1-1 en Madrid e 0-0 en San Lázaro), disputouse un terceiro xogo de desempate nun campo neutral, o Carlos Tartiere de Oviedo, que rematou coa vitoria compostelá por 3 a 1, con goles de Ohen (2) e José. Galicia tería tres equipos na elite a tempada seguinte. 

  9. 09

    O Pontevedra do "hai que roelo"

    O 14 de abril de 1963, o Pontevedra conseguía unha das maiores fazañas da súa historia ao empatar co Celta de Vigo e acadar o seu primeiro ascenso a Primeira División. Baixou ao ano seguinte, pero volveu subir á elite, onde permanecería cinco tempadas consecutivas. Das dificultades para gañar naquel histórico Pasarón naceu o "hai que roelo" e unha época para a historia. 

  10. 10

    O frustrado ascenso do COB

    O 2 de xuño de 2015 o Club Ourense Baloncesto (COB) acadou o ascenso á liga ACB despois de 14 anos, logo de vencer a eliminatoria fronte ao Breogán no derbi do Miño. Con todo, non lle foi permitido xogar nesta liga, negándoselle a súa entrada na ACB ata a seguinte temporada, na que a asemblea da competición decidiu ratificar un acordo para a inscrición do COB nas competicións da temporada 2016-17. Pero tampouco foi posible. A negativa do pleno do Concello a conceder unha subvención de 1,5 millóns ao club impediu a súa inscrición na ACB, malia contar co apoio económico da Deputación, e logo dunha discusión política que reabriu a polémica sobre a achega de subvencións públicas a equipos profesionais. Precisaba 3 millóns de euros.. 

  11. 11

    O polémico caso do Cambados

    En 1986, o narcotraficante Sito Miñanco chegou á presidencia do Club Juventud Cambados. En tan só tres anos no cargo, e con dubidosas e polémicas prácticas económicas, ascendeu o equipo da daquela Rexional Preferente á Segunda División B, categoría que alcanzaría no ano 1989 e na que se mantivo durante tres temporadas consecutivas, até 1992, con Mario Guede como adestrador. Na primeira campaña na categoría de bronce acadaría un cuarto posto e a piques estivo de chegar á elite profesional. Na tempada do ascenso a 2ªB, bateu todos os récords en Terceira. 

  12. 12

    A chegada á elite do Liceo: o inicio da revolución

    O Hockey Club Liceo, fundado en 1972 no colexio do mesmo nome na Coruña, tarda tan só oito anos en chegar á elite. Na tempada 1978-79 acada o ascenso á máxima categoría tras rematar subcampión na segunda división. Aquel era o Liceo Texman, que contaba no seu cadro de xogadores con Carlos Gil, ata a tempada pasada adestrador do equipo. Empezaba unha época de revolución e éxitos que continúa hoxe en día, sendo a entidade deportiva galega que máis títulos posúe, entre eles sete ligas, nove copas do Rei ou seis copas de Europa.