0 Gardados para despois

Héctor Anllo

Unha ducia de cancións a non perder en Eurovisión 2018

YAAAAS. Un ano máis xa está aquí, xa chegou o maior evento musical do planeta: Eurovisión. Este ano, por primeira vez na historia, os nosos veciños portugueses convértense nos anfitrións dos países participantes, que este ano o récord de 43, un fito que só se igualou nos anos 2008 e 2011. Tralo grandísimo eurodrama de 2017, a edición do 2018 estase a perfilar como unha das máis igualadas, con cambios nas apostas nos últimos días e históricas caídas en semifinais como as de Rusia e Romanía por primeira vez na historia deste formato eliminatorio. Aínda así, a gran final deste sábado promete darnos espectáculo, humor, petardeo e boa música da man das 25 actuacións finalistas. Queredes coñecelas? Start your engines and may the best song… WIN!

  • Suecia

    En coherencia coas primeiras palabras pronunciadas por Salvador Sobral trala súa victoria no 2017, a RTP (televisión pública portuguesa e canle anfitriona) aposta este ano por un escenario que “mostre a música sen grandes pantallas nin artificios”. Así, por primeira vez en máis de dez anos, elimínanse as xigantescas e espectaculares pantallas LEDs e proxeccións de fondo, exceptuando os países que monten infraestrutura pola súa conta. Suecia é unha destas excepcións, que na procura de trasladar ao escenario lisboeta a escenografía que lle fixo gañar a Bejamin Ingrosso (si, é parente do famoso DJ) con “Dance you off” o Melodifestivalen (a preselección sueca, considerada un mini Eurovisión) tivo que mandar construir no noso país veciño un novo e completo set de luces. Os suecos, coma case todos os anos, están situados moi alto nas apostas malia unha mala execución vocal de Ingrosso durante a segunda semifinal. Moitas veces en Eurovisión, e na vida en xeral (senón que llo pregunten á Panorama), unha coidada posta en escena axuda a maquillar eses problemas e fai que unha candidatura coma a sueca sexa memorable.

  • Israel

    Nas votacións de Eurovisión 2017 Israel sorprendía coa nova de que sería o seu último ano participando no festival, xa que daquela a súa televisión pública estaba a piques de pechar as súas emisións. Un ano máis tarde, Israel nón só volve ao festival, senón que parte como unha das grandes favoritas con Netta, unha recoñecida especialista en facer música electrónica en directo. Días despois de anunciar oficialmente a súa candidatura con “Toy”, unha animada e divertida canción con mensaxe feminista, converteuse no vídeo máis reproducido de YouTube entre todas as candidatas. Malia todo este éxito popular, Salvador Sobral, o gañador de Eurovisión 2017 calificou a canción israelí de “horrible” por distar dos valores que el buscou traer ao festival trala súa vitoria con “Amar pelos dois”. Veremos que tal se lle da a Netta a final deste sábado de novo sen o seu sintetizador (véselle un, pero é falso), xa que no festival non se permite a utilización de voces pregrabadas, só de instrumentos.

  • República Checa

    Un dos primeiros eurodramas que sacudiu ás delegacións xa desprazadas en Lisboa nas últimas semanas foi a lesión de Mikolas Josef, o representante da República Checa, despois de sufrir un accidente durante a primeira xornada de ensaios. Nos inicios, na súa actuación tiña previsto facer saltos mortais e movementos de baile complicados para reproducir en directo o seu (surrealista e á vez interesante) videoclip. Despois deste incidente que ameazaba con deixalo fóra da competición, viuse na obriga de facer cambios na súa escenografía, pero iso non lle supuxo ningún impedimento para superar con nota a primeira semifinal e cumplir así un dos seus soños cunha canción composta por completo por el mesmo e de moitos anos tocando nas rúas da súa cidade. Outro apuntamento: A versión orixinal de “Lie to me” tiña partes de letra bastante subidiñas de tono, polo que para presentala a Eurovisión Mikolas tivo que facer algús recortes.

    República Checa

  • Portugal

    Os nosos veciños e anfitrións de Eurovisión 2018 chegan a esta edición do certame co listón moi alto a nivel musical (a nivel organizativo teñen mói fácil gañarlle aos ucraínos do 2017). Trala súa vitoria en Kiev, a RTP decidiu de novo apostar por convidar directamente a compositores portugueses para o seu Festival da Cançao, a preselección portuguesa, e escoller así ao seu representante. Unha das convidadas foi Isaura, unha nova e recoñecida artista portuguesa, que mediante unha amiga común deu con Cláudia Pascoal para interpretar o seu tema “O jardim”. Esta composición, que trata sobre a morte da avoa de Isaura, converteuse nunha das favoritas da preselección portuguesa desde o primeiro momento e converteuse na gañadora indiscutible do público e o xurado para competir como anfitrións en Eurovisión 2018. Repetirán triunfo tamén este ano?

    Portugal

  • Australia

    Algúns seguro que vos preguntades: E que fai Australia nun concurso que se chama Eurovisión? Pois moi fácil: a súa canle SBS é membro asociado da European Broadcasting Union, unha unión de canles (principalmente públicas) que se unen para compartir novas, contidos e afrontar conxuntamente gastos en grandes retransmisións como poden ser uns Xogos Olímpicos. Despois de emitir o festival desde 1983 cunha inmensa cantidade de fans no país oceánico (malia a diferenza horaria!), foron convidados a participar oficialmente no 60º aniversario de Eurovisión en 2015 e este é xa o seu cuarto ano participando. Malia a súa “xuventude” no concurso, non o están a facer nada mal. A súa peor posición foi o ano pasado cun 9º posto na final. Este ano a encargada de tentar superar esa marca é a riquiñísima Jessica Mauboy co seu tema “We got love”, un dos máis aplaludidos na segunda semifinal. Para ela non é a primeira vez en Eurovisión, xa que ela foi a encargada de cantar no intermedio da edición 2014 en Copenhague totalmente fóra de concurso. A ver se á segunda vai a vencida!

    Australia

  • Irlanda

    “Together” é o título da canción que Irlanda leva a competir este ano a Lisboa, e está interpretada por Ryan O’Shaughnessy, famoso no seu país por participar en varios concursos musicais. A polémica, que o acompañou desde o anuncio da súa candidatura por presentar no seu videoclip a unha parella de dous rapaces que bailan pola rúa, fixo que en marzo Rusia ameazase con boicotear a participación de Irlanda en Eurovisión. Nos últimos días, ao presentar a parella de rapaces do vídeo na actuación en directo na primeira semifinal, Irlanda foi censurada por completo en China pola canle encargada de retransmitir alí o festival, o que lle valeu o veto da organización de Eurovisión para a emisión tanto da segunda semifinal como da gran final e o cese das relacións entre as dúas entidades. Pero afortunadamente isto a nós isto non nos afecta e o sábado poderemos gozar de novo da actuación irlandesa.

    Irlanda

  • Noruega

    Alexander Rybak foi desde 2009 ata 2016 o gañador de Eurovisión con maior puntuación (387 puntos) grazas ao tema “Fairytale”, que tamén interpretaba ao violín. 9 anos máis tarde, Rybak volve a Eurovisión para tentar superar a súa fazaña con “That’s how you write a song”, unha canción que o ten bastante arriba nas casas de apostas que trata sobre a composición dun tema musical a modo de decálogo. Esta vez tamén vén acompañado do seu violín, para ver se lle serve de amuleto da boa sorte para levar o festival de novo a terras nórdicas.

    Noruega

  • España

    14 anos despois de empregar por terceira e última vez a fórmula de enviar como representante en Eurovisión a alguén escollido directamente de Operación Triunfo, RTVE volve a optar pola mesma fórmula aproveitando o tirón mediático dos rapaces participantes na última edición. Amaia, gañadora de OT 2017, e o seu mozo Alfred collen en Lisboa o testigo dos “extriunfitos” Rosa López, Beth e Ramón (e Soraya e Edurne se sumamos as da xeración Telecinco) co tema “Tu canción”, composto prácticamente a medida para eles durante a súa estandía na academia televisiva. Malia contar cun gran apoio popular, a súa actuación non estará exenta de polémica. Despois de que Alfred agasallase a Amaia con motivo do día de Sant Jordi co libro “España de mierda” de Albert Pla, foron moitas as persoas que chamaron a un boicot da actuación española no festival, chegando incluso a conseguir preto de 100.000 firmas en Change.org para solicitarlle a TVE a cancelación da súa candidatura en Eurovisión. Tamén está no punto de mira Tinet Rubira, produtor executivo de Operación Triunfo e director artístico da proposta española, debido á “catastrófica” execución da posta en escena de “Tu canción” e as continuas queixas contra a organización lusa. En que quedará todo isto? Volveremos a quedar en último posto?

    España

  • Chipre

    Eleni Foureira ben podería pasar por galega polo seu apelido, mais as súas orixes están situadas en Albania, terra da que tivo que fuxir cara Grecia xunto a súa familia fuxindo da guerra civil. Foureira é este ano a representante chipriota (si, aínda que vive en Grecia representa a Chipre) e é tamén, desde os últimos días, a grande favorita para facerse coa vitoria en Eurovisión 2018. O seu tema “Fuego”, unha canción pop (petardo) con tintes latinos e étnicos e que lembra tamén a outras propostas da illa como o “La la love” de Ivi Adamou ou mesmo a un concerto de Beyoncé, está primeiro nas casas de apostas superando á proposta israelí desde a súa actuación na primeira semifinal. Pase o que pase na final do sábado, a canción ten o éxito asegurado en discotecas e festas do verán, xa que ademáis a cantante acaba de estrear unha nova versión nun castelán un pouco rococó (por chamarlle algo bonito). Con todo isto, veremos este ano o primeiro triunfo da illa mediterránea?

  • Moldavia

    Moldavia é un deses países que se plantexa cada edición de Eurovisión como un xogo, para ben ou para mal, aínda que nos pese. Se o ano pasado nos traían aos repetidores Sunstroke Project co seu famoso saxo, este ano atrévense cunha actuación que algúns chegaron a tipificar como estilo “Noche de fiesta”, que lembra moito a esas postas en escena estrafalarias e esaxeradas do famoso programa de TVE dirixido por José Luis Moreno hai xa uns anos. Neste caso os “artífices” de semellante proposta son os DoReDoS, un trío moldavo que interpreta a canción “My Lucky Day” entre finxidas discusións entre os tres cantantes e entre un labirinto de portas e ventás que se abren e pechan sen parar con axuda doutros tres bailaríns, e que xunto cos intérpretes forman a bandeira de Moldavia. Aínda que non nolo pareza, está todo moi ben pensado… E por iso pasaron á final!

    Moldavia

  • Francia

    Eurovisión é o evento musical máis visto do mundo. Con 182 millóns de espectadores na súa última edición, é normal e lóxico que algunhas das delegacións e especialmente o país anfitrión aproveite esta ventá a tantísimas persoas para facer publicidade ou lanzar diferentes mensaxes á audiencia, aínda que non se poida facer directamente propaganda política nas letras das cancións. Como exemplo deste último caso en Eurovisión 2018 podemos coller a Francia, que adica a súa canción “Mercy” á problemática dos refuxiados que se ven obrigados a marchar da súa terra a bordo dun barco no mediterráneo. O tema do exquisito e consagrado dúo francés Madame Monsieur, formado pola parella Émilie Satt e Jean-Karl Lucas, está considerado como un dos grandes favoritos desta edición, malia tratarse dunha “canción protesta”. Servirá tamén a súa mensaxe para conseguir a primeira vitoria de Francia en 41 anos?

    Francia

  • Finlandia

    Despois da sonora caída en semifinais do dúo Norma John co seu tema "Blackbird" no 2018, este ano Finlandia pasa por fin á súa primeira gran final desde 2014. A artífice deste logro non é outra que a insistente Saara Aalto, unha moza finesa famosa tanto no Reino Unido por participar en distintos realities musicais como no seu país de orixe por tentar representar a Finlandia sen éxito noutras ocasións. Ao pouco de anunciarse a súa candidatura para o 2018, a canción fíxose viral grazas a un vídeo en YouTube no que Aalto interpreta o retrouso en 34 linguas. “Monsters”, que ben podía estar sacada dun disco de Lady Gaga, conta cunha posta en escena moi extravagante traballada con axuda dos seus fans e do prestixioso coreógrafo Brian Friedman, colaborador de programas de éxito internacional como Factor X ou de recoñecidas cantantes como Beyoncé ou Britney Spears. Conseguirá Saara Aalto repetir triunfo finés en Lisboa cun tema tan “monstruoso” como o dos seus compatriotas Lordi?

    Finlandia