0 Gardados para despois

Praza Pública

Unha ducia de plans a non perder no Arde Lucus 2018

Lugo arrecende a Arde Lucus dende hai semanas. A festa de recreación romana e castrexa chega á súa décimo sétima edición tornada nun aquel de San Froilán de primavera, máis de 300 actividades concentradas en tres días nos que as vestimentas, traxes e representacións elaboradas por asociacións locais durante todo o ano conviven cada ano con milleiros de persoas doutros puntos de Galicia e do Estado

Contido patrocinado

  • A apertura das portas da Muralla

    O venres 15 a garda pretoriana é a encargada de inaugurar a festa abrindo simbolicamente as portas da Muralla. A cita, nas portas de San Pedro e Miñá ás 16:00. Na imaxe, as tropas na porta do Bispo Aguirre.

  • Entrada das lexións pola ponte romana

    Ás 20:00 do venres 15 as lexións romanas ao mando de Caio Antisio, O Vello, atravesan o Miño pola ponte romana e toman a cidade.

  • Rapazada romana e castrexa

    Nos centros de ensino de Lugo trabállase dende hai semanas na historia da cidade a través do Arde Lucus, e iso inclúe vestir para a ocasión. Locerán as súas caracterizacións o domingo a partir das 11 da mañá dende a praza de San Marcos.

  • Desfiles das tropas romanas e tribos castrexas

    Un dos momentos máis espectaculares do Arde Lucus é o desfile das tribos romanas e as tribos castrexas. Asociacións culturais de toda a cidade, así como veciñanza e visitantes, únense ao percorrido que comeza ás 20:30 na zona peonil da Ronda da Muralla.

  • A música de Gwendal

    Os míticos Gwendal serán este ano a banda sonora do Arde Lucus. Subirán ao escenario da Praza de Santa María o sábado 16 ás 1:30 da madrugada

  • A gastronomía

    Entre as novidades do Arde Lucus 2018 están os novos menús oficiais da celebración, servidos en 12 locais de hostalería da cidade. Entre os ingredientes está a pescada de Burela, o polo e sobremesas inspiradas na época romana. Ademais, os tres restaurantes específicos do Arde Lucus concéntranse na praza de Bretaña.

  • Os xogos galaicos

    Diversas asociacións lucenses incorporan este ano ao Arde Lucus os xogos galaicos pensados para a rapazada, que se suman ás actividades lúdicas que xa se viñan desenvolvendo en anteriores edicións da festa.

  • O circo romano

    Cada ano, unha das estrelas do Arde Lucus é o Circvs. A cita é o sábado ás 18:00 na explanada do Pavillón Municipal dos Deportes, pero cómpre retirar previamente a entrada. 

  • Asalto ao Medulio

    O sábado ás 18:20, no campamento do colectivo Trebas Galaicas (cantiño Nemesio Cobreros) os mercenarios galaicos defenderán o monte Medulio dos ataques da garda pretoriana do Imperio Romano

  • Novos campamentos

    Os campamentos espallados pola cidade énchense de actividades romanas e castrexas durante os tres días do Arde Lucus. A Castra Lvcs Augusti sitúase este ano no Parque Soralía e as diferentes asociacións distribúense por todo o centro de Lugo segundo a ubicación que detalla o programa.

     

  • Espectáculo sorpresa

    A explanada do Pavillón Municipal dos Deportes, escenario do Circvs, acolle o sábado ás 23:55 un espectáculo sorpresa. Para coñecer o que se agocha por tras do nome Divinivm cómpre retirar previamente entradas.