0 Gardados para despois

Praza Pública

Unha ducia de festivais de verán

Hai xa unhas semanas que entramos no verán (aínda que é certo que moito non se notou). Pero aínda que non sempre haxa posibilidade de ir á praia, o que nunca fallan son os festivais. Atrás quedou xa o Son do Camiño e pola porta chegan xa Portamérica, Resurrection, Ribeira Sacra... e tantos e tantos outros. Hainos para todos os gustos, do heavy ao folk pasando polas moitas caras do pop. Grandes ou íntimos, urbanos ou rurais, de pago e gratuítos. Quen non baile non terá excusa!

  • Portamérica. Caldas de Reis (5-7 de xullo)

    Esta fin de semana a música soará na Carballeira de Caldas de Reis, nun Portamérica que contará con 32 grupos e artistas e con máis de 25 chefs no seu ShowRocking gastronómico. No escenario, Vetusta Morla, Izal, La Pegatina, La Habitación Roja, Pussy Riot, El Columpio Asesino ou Xoel López. O festival promove ademais a reforestación do monte con especies autóctonas. Os e as asistentes poderán plantar unha árbore nun espazo da localidade unha vez que finalice o evento, que terá lugar entre o 5 e o 7 de xullo

    Vetusta Morla: "Cuarteles de invierno"

  • Resurrection Fest. Viveiro (11-14 de xullo)

    A vindeira fin de semana o rei será o Resu, que volverá levar a Viveiro a decenas de fans do heavy, do rock duro, do punk... Este ano o Resurrection contará con Kiss, Scorpions, Megadeth ou Prophets of Rage como cabezas de cartel. Ademais, aínda que o festival non rexistrou ningunha denuncia nas doce edicións celebradas, o Concello activará un protocolo para evitar agresións sexuais; haberá carteis con información, puntos de referencia aos que acudir e formación específica para a Policía Local.

    Kiss: "I Was Made For Lovin' You"

  • Festival Internacional do Mundo Celta. Ortigueira (12-15 de xullo)

    Os heavies a Viveiro, os folkies a Ortigueira. O norte de Galicia será o foco de atracción musical nestas datas. O Festival de Ortigueira celebra neste 2018 o seu 40 aniversario. E faino cun dos grupos que marcou a súa historia, Milladoiro, que actuarán o sábado ás 23.30. Ademais, os irlandeses Kila, ou o candiano Yves Lambert Project.

    Milladoiro con The Chieftains

  • Atlantic Fest. Illa de Arousa (20-22 de xullo)

    O Atlantic Fest volverá encher de música a Illa de Arousa un ano máis; concertos en todos os formatos: grandes, pequenos, en grandes escenarios ou nas prazas da vila. E, ademais, de todos os estilos: dende The Vaccines ou Kaiser Chiefs a Christina Rosenvinge ou Soledad Velez, de Iván Ferreiro ou La Casa Azul a María Arnal ou Caxade.

    The Vaccines: "If you wanna"

  • Festigal. Compostela (24-25 de xullo)

    O Festigal hai tempo que se asentou entre os festivais imprescindibles do verán en Galicia. Este ano inclúe na súa programación a Ses, Rebeliom do Inframundo ou Sonia Lebedynsk. Tamén a Valtònyc, exiliado en Bélxica e que polo tanto moi probablemente non actuará en Compostela. A súa inclusión no programa levou a que o Sindicato Unificado de Policía pedise a suspensión do concerto, o que deu lugar a un comunicado de apoio ao festival.

    SES: "Tempestades de sal"

  • Festival Ribeira Sacra (27-29 de xullo e 3-5 de agosto)

    Chega a segunda edición do Festival 17° Ribeira Sacra, unha cita que combina a música, cun escenario inmellorable, o patrimonio e a gastronomía e o viño. Os concertos terán lugar en Monforte e Sober do 27 ao 29 de xullo e mais do 3 ao 5 de agosto, coa actuación de Woods, Freedonia, Bifannah, Mujeres, Morgan, Ses, De Vacas, Mounqup ou Tulsa

    Así foi o Festival Ribeira Sacra 2017

  • Sinsal. Illa de San Simón (26-29 de xullo)

    Dende o ano 2011 a Illa de San Simón acolle a finais de xullo o Festival Sinsal, unha cita singular por varios motivos: o fermoso espazo no que ten lugar, a necesidade de chegar a el en barco e o cartal, que non se anuncia previamente e que mantén o seu carácter de sorpresa ata a chegada do público á illa. Porén, a selección -sempre de primeiro nivel- sempre deixa satisfeitos e satisfeitas ás persoas que acoden. Polo Sinsal San Simón pasaron Wire, Alt-J, Of Montreal, Dan Deacon, Juana Molina, Owen Pallet, El Guincho, Mdou Moctar, Matías Aguayo ou Deerhoof

    Así foi o Sinsal San Simón 2017

  • Son Rías Baixas. Bueu (2-4 de agosto)

    Coa chegada de agosto Bueu acollerá unha nova edición do Son Rías Baixas, un dos moitos festivais musicais que este verán ofrece a provincia de Pontevedra. Coas actuacións de La Raíz, Desakato, SARA HEBE, Terbutalina ou The Skarnivals.

    La Raíz: "Rueda la corona"

  • Noroeste. A Coruña (7-12 de agosto)

    O Festival Noroeste é un festival singular. Sobre todo por se eminentemente urbano, enchendo durante días as rúas, prazas e auditorios de toda a cidade da Coruña. Segundo, pola gran cantidade de bandas (sobre todo galegas) que acolle a súa programación, que abrangue practicamente todos os estilos do pop-rock. E, terceiro, por ser gratuíto. O cartel completo aínda non foi anunciado, pero xa se sabe que Belle & Sebastian actuarán na praia e que nas prazas ou no fermoso escenario do Castelo de San Antón haberá unha destacada presenza de artistas e bandas lideradas por mulleres: Ana Curra, Laetitia Sadier, María Arnal, María del Mar Bonet, Christina Rosenvinge, Neneh Cherry ou Nathy Peluso.

    Belle and Sebastian: "The Party Line"

  • Festival de Pardiñas. Guitiriz (3-5 de agosto)

    Do 3 ao 5 de agosto Guitiriz acollerá o Festival de Pardiñas. Dous ou tres días de xolda nos que destaca o pregón que ofrecerá Carlos Meixide ou os concertos de TT Syndicate, Banda Xangai, The Turre's Band ou Xosé Lois Romero

    Banda Xangai no Incio

  • Revenidas. Vilaxoán de Arousa (17-19 de agosto)

    En Vilaxoán de Arousa (en Vilagarcía de Arousa) xuntaranse este ano Soziedad Alkoholika, The Real McKenzies, Russkaja, Ezetaerre ou Balkan Bomba, entre outras moitas bandas. Tres días para non parar de bailar e de moverse. O Revenidas chega á súa 14ª edición e de seguro se volverá cantar: 

    "Sómosche de Vilaxoán
    da terra das Revenidas
    onde se canta moi ben
    e se bañan as mantidas"

    Soziedad Alkohólica: "Piedra contra tijera"

  • Festival Osa do Mar. Burela (14-18 de agosto)

    Marchamos ao norte, a Burela, onde dende hai uns anos celébrase un festival pequeno, que foi medrando con moito traballo e dedicación. O Osa do Mar, que este ano aínda non presentou a totalidade do seu cartel, pero que xa inclúe a Oh! Ayatolla, Esteban y Manuel ou Baiuca.

    Oh Ayatollah! - “Volve a canción protesta”

  • WOS Festival. Compostela (12-16 de setembro)

    En setembro, xa pechando o verán, o WOS Festival volverá estenderse por toda a cidade de Compostela cunha proposta variada, dende a música de vangarda ás artes plásticas, performances, coloquios. Este ano, a música irá da man de Skee Mask, Christina Vantzou ou Territoire.

    Así foi o WOS Festival 2017