Praza Pública

Unha ducia de novas que, se cadra, perdiches durante o verán

O verán adoita ser tempo de desconexión e, con vacacións ou sen elas, é bo momento para deixar pasar un chisco a actualidade. Neste verán de 2018 houbo noticias das que foi difícil non saber, caso do accidente no Marisquiño ou da pintada nunha das fachadas da Catedral de Santiago, pero se cadra houbo outras pezas informativas que pasaron máis desapercibidas entre o sol e a calor. Velaquí doce delas, para irmos reconectando.

  1. 01

    Só unha cuarta parte dos coches da Xunta son Citroën dez anos despois da campaña de Feijóo a prol da marca

    Feijóo fixo da aposta por Citroën fronte a Audi unha das bandeiras da súa campaña contra o Goberno de PSdeG e BNG; a marca francesa é a máis numerosa no parque móbil da Administración, pero non chega ao 25% do total, como acredita a documentación das pólizas de seguro que a Xunta vén de contratar. Ler máis

  2. 02

    Os colexios médicos esixen ao Sergas que "reaccione" na cobertura de prazas tras a morte no PAC da Estrada

    A familia do falecido confirma que emprende accións legais contra Sanidade. "Se ben é certo que existe escaseza de médicos, esta non poder ser a única resposta da Administración aos problemas", di o Consello de Colexios Médicos de Galicia, que reclama ao Sergas un "plan urxente". Ler máis

  3. 03

    Os pisos en alugueiro encadean un trienio de subas e o prezo medio na Coruña e Vigo xa rolda os 500 euros

    GRÁFICOS O alugueiro medio en Galicia xa rolda os 400 euros tras tres anos de subas, segundo o cálculos elaborados polo IGVS a partir das fianzas dos pisos. Os prezos en Ferrol e Lugo seguen por baixo da media galega mentres nalgúns barrios vigueses e coruñeses xa superan a media dos 600 euros ao mes. Ler máis

  4. 04

    Unha ducia de papeis para lembrar a Ernesto Chao

    Ernesto Chao marchou este agosto, pero déixanos un legado histórico ao longo de cinco décadas de traxectoria. Sen o seu traballo e a súa pegada, nin o teatro nin o audiovisual se poderían entender. Cando todo estaba por inventar, aló a finais dos sesenta, Ernesto Chao xunto a moitos compañeiros e compañeiras de xeración, fundou a histórica Agrupación Cultural Abrente. Dende aquela até este 2018, Chao regalounos innumerables interpretacións que o público nunca esquecerá. Velaí unha ducia de papeis de Ernesto Chao

  5. 05

    As aldeas de 'Mamasunción' e 'Sempre Xonxa', exemplo gráfico do abandono do rural galego

    GALERÍA DE IMAXES | Carme Toba Trillo (Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego) visitou as aldeas de Baíste (Avión) e Santoalla (Petín) nas que Chano Piñeiro rodou os filmes, comparando con fotografías a súa situación actual coa imaxe que presentaban nas películas. Ler máis

  6. 06

    O despedimento de 49 traballadores en Cervo volve situar Sargadelos na incerteza

    A empresa culpa a "presión sindical" e as reivindicacións laborais do cesamento da metade do persoal da fábrica da Mariña. UGT cre que a decisión débese á "teima persoal" do conselleiro delegado contra a ex-presidenta do comité e anuncia que pedirá "tutela xudicial e mesmo penal" ante a súa actitude. Ler máis

  7. 07

    Audasa ingresou 66 millóns de euros por peaxes no primeiro semestre

    A propietaria da AP9 tivo un beneficio antes de impostos de máis de 21 millóns de euros, recibindo máis de 365 mil euros por día en peaxes, lixeiramente por riba do ano anterior. En cambio, o seu cadro de persoal segue en descenso, caendo ata os 209 traballadores e traballadoras, 80 menos que hai unha década. Ler máis

  8. 08

    A segunda batalla de Soutomaior

    Anxo Lugilde debulla nesta crónica como o PP cre que, tras o accidente do Marisquiño, ten por primeira vez a tiro a Abel Caballero e trata de aproveitalo na loita pola Deputación pontevedresa, que vai ser clave nas municipais en Galicia, xunto coas cidades coruñesas. Ler máis

  9. 09

    Un concerto da Panorama en Melide pon en perigo o cruceiro máis antigo de Galicia

    O gran tamaño do escenario da orquestra obrigou a mover o valado metálico que protexe o monumento, do século XIV, ata pegalo á súa estrutura. A Policía Local tivo que separar esta cerca, para evitar danos na peza, e levantou acta do sucedido. Poucos días despois, pólas de árboares centenarias foron talladas en Ponte Caldelas para lle facer sitio á París de Noia. Ler máis

  10. 10

    O videoxogo galego 'The Waylanders', protagonista na principal revista anglosaxona do sector

    PCGamer dedícalle unha reportaxe ao proxecto da compañía coruñesa Gato Salvaje, no que están a traballar 38 persoas e que verá a luz a comezos do ano 2020. A produción, cun orzamento de dous millóns de euros, inclúe referencias a lendas galegas e mitoloxía céltica e ao propio Camiño de Santiago, que os xogadores deben defender. Ler máis

  11. 11

    Selva García: "Non quería vir; Galicia seguía a provocarme terror"

    Filla de Pepín e sobriña de Bebel, France e Jaurés, os 'irmáns da Lejía', acode esta fin de semana ao acto que homenaxeará os seus familiares en Guitiriz e lembra, con detalle, as historias que seu pai lle contou sobre a represión, a guerra civil e o exilio na Arxentina. Ler máis

  12. 12

    Oito meses despois da súa inauguración por Rajoy e Feijóo, as obras continúan na ponte de Rande

    En sucesivas ocasións Fomento reiterou que os traballos pendentes terían menos afección ao tráfico da que acabaron tendo, o que provocou a apertura dunha investigación por parte da Fiscalía. Ler máis