Unha ducia de Accións solidarias e movementos sociais
Os tempos de crise sono tamén de accións solidarias e de rebelión ante a inxustiza. As rúas e prazas do país -e de fóra del- foron mostra disto durante 2013.
-
01
Pallasos en rebeldía
Levan o riso como arma "revolucionaria" a territorios tan conflitivos como Palestina, enfrontándose a poderes e enfrontamentos que, ás veces, os obrigan a modificar os seus plans. Malia a todo, seguen na loita.
-
02
A veciñanza de Carnota
Ardeulles a xoia do monte Pindo tras moito tempo esixindo que fose protexido cunha declaración de parque natural. Lonxe de ficar quieta, a veciñanza carnotá botouse de novo ao monte para tentar recuperalo aínda que a Xunta tente impedirllo.
-
03
A PAH e Stop Desafiuzamentos
En loita continua contra os desaloxos e tamén contra a presión policial e dos bancos. No ano en que o termo escrache foi importado da outra beira do Atlántico estes movementos lograron que moitas persoas puidesen seguir na súa casa e, moitas outras, puxesen a ollada neste problema social.
-
04
SOS Sanidade Pública
Xunta unha morea de colectivos sociais para reivindicar a importancia dun sistema de saúde público e de calidade. Tiveron tamén unha forte implicación na folga sanitaria de decembro.
-
05
Nova Escola Galega
Con tres décadas de labor ás súas costas, Nova Escola Galega segue a traballar pola renovación pedagóxica e a defensa do ensino público e en galego. A crise económica e os recortes fan aínda máis necesaria a implicación para a súa continuidade.
-
06
Ollomao e a Universidade Rural de Barreiros
Xornalismo, produción artística e publicidade, ciencias xurídicas, enxeñaría do medio rural... estas e outras materias suscitaron xa o interese dun cento de alumnos e alumnos na Universidade Rural de Barreiros. O Colectivo Cultural Ollomao, que organiza as clases, salienta o "éxito" desta iniciativa.
-
07
Andaina
A revista Andaina fixo en 1983 os seus primeiros 30 anos de vida, unha efeméride que serviu para botar a vista atrás e repasar a importancia das reflexións deitadas nesta publicación para a evolución do feminismo en Galicia.
-
08
Ve-la luz
Asociación de mulleres coruñesas exemplo de coraxe e loita contra a violencia machista. A súa reivindicación levounas este ano ata unha folga de fame que lles sacou as cores a numerosos dirixentes políticos.
-
09
A Oficina de Dereitos Sociais e a parroquia Cristo da Vitoria
Exemplo de traballo solidario de base e tamén de conciencia social dende unha orientación cristiá. O seu traballo ao longo de 2013 pódese resumir coa máxima "dereitos e non caridade".
-
10
Galicia, mellor sen touradas
Campañas contra as feiras taurinas, información e concienciación sobre os dereitos dos animais ou alento á fronte antitaurina do Parlamento son só algúns dos labores que realiza GMST, un movemento que se manifesta seguro de que as touradas desaparecerán de Galicia.
-
11
Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica
O traballo incansable da CRMH non cansou en 2013, un ano que rematan dándolle folgos á querela arxentina contra os crimes da ditadura franquista.
-
12
Cuac FM
A emisora comunitaria da Coruña fíxose 'maior de idade' neste 2013. Tras dezaoito anos de traballo cidadán procuraron, polo momento sen éxito, acceder a unha das licenzas radiofónicas que a Xunta distribuíu na cidade. Pero non se renden.