Marilar Aleixandre

Unha ducia de Espolios, roubos e calotes

As preferentes, os desafiuzamentos, a banca... non faltaron motivos durante o ano para levar a man ao peto ou poñela diante dos ollos, segundo de quen se trate. Dicía don Karl (Marx) que o estado (capitalista) non ten como fin o interese e benestar común, senón os intereses económicos dunha minoría de empresas. Adicánse ao espolio do patrimonio público sen vergonza ou como din eles "sen complexos".

  1. 01

    Novagalicia Banco: U-los 8000 millóns de euros?

    En decembro consumouse a venda de Novagalicia á venezolana Banesco por 1000 millóns de euros, dos que só 400 a pagar agora (600 a conta de beneficios). A entidade recibira 9000 millóns de axudas públicas: U-los 8000 millóns restantes? Estámolos a pagar todos cos recortes. U-los aforros de milleiros de galegos e galegas? Que será dos traballadores e traballadoras de Novagalicia? E do patrimonio artístico das Caixas? Por que non pagan os responsables do espolio como Méndez e Gayoso?

  2. 02

    Pescanova: o calote da pirámide

    No seu libro Pescanova: Crimen perfecto o xornalista Valentín Carrera compara Pescanova co calote piramidal: segundo el en 2011 e 2012 o 80% da facturación de Pescanova eran facturas falsas. Isto nun grupo empresarial que comprende varias empresas moi rendibles, con métodos innovadores e prestixio internacional. Este patrimonio galego vai acabar nas mans da cervexeira Damm, que pretende facerse co 51% da empresa, esixindo unha quita do 92% á banca. Os accionistas minoritarios impugnaron este plan.

  3. 03

    Sentenza negra no xuízo do Prestige

    Entre todos o afundiron, afundiuse el só. Este podería ser o resumo dunha sentenza que afirma que "ninguén sabe con exactitude cal puido ser a causa do ocorrido", que non identifica culpables, absolve de responsabilidade penal tanto ao capitán como a López-Sors, daquela director xeral da Mariña Mercante, e só condena ao capitán Mangouras a nove meses de cadea (que non cumprirá) por desobediencia. Quen pagará os 4.328 millóns de euros de danos estimados pola fiscalía? Nunca Máis recorrerá a sentenza que considera unha vergoña.

  4. 04

    O Banco Gallego deixa de ser galego

    En abril de 2013 o Banco Sabadell "comprou" o Banco Gallego por un euro (1 €). Ademais o FROB inxectou no BG 245 millóns de euros máis. Desde entón o banco cambiou os logos e carteis polos do Sabadell (cun "gallego" pequeniño), e contradicindo o anunciado de que mantería os traballadores, propuxo un ERE para o BG de 162 persoas, en Madrid e outras áreas fóra de Galicia. É certo que só "valía" un euro? Onde van os cartos dos aforradores?

  5. 05

    Preferentes: "Nós a traballar e eles a roubar"

    O ano 2013 seguiu sumando quitas adicionais aos afectados polas preferentes de Novagalicia Banco, que en total perderán como media o 60% dos seus aforros. Os afectados continúan a súa loita, denunciando: «Eles cos millóns a Suíza e a nós coas quitas». A Asociación Galega de Afectados (Agaprofi) lembra que cobrar unha parte non implica renunciar a demandar aos bancos. O proceso suscitou mesmo unha queixa do Valedor do Pobo, denunciando a indefensión dos afectados.

  6. 06

    A Deputación de Ourense investigada por fraude

    A investigación da Deputación de Ourense por "sospeitas fundadas de fraude e corrupción" pola Oficina Europea de Loita contra a Fraude (OLAF), iniciada en 2012, reclama, de momento, a devolución de 10 millóns de euros por irregularidades na xestión de fondos públicos, destinados a depuradoras. No entanto a deputación gastou, só nos órganos de goberno, 2,5 millóns en 2013 (claro que a de Pontevedra, presidida por Louzán, gastou 4,5 millóns). A oposición de PSdeG e BNG calcula que só 13 dos 700 empregados non teñen relación directa co PP, o que converte á de Ourense en paradigma do "enchufismo".

  7. 07

    Desafiuzamentos: quedo coa casa e séguesme debendo cartos

    Desafiuzar e usura eran palabras doutra época, de séculos escuros ou de contos de Dickens. Porén a actualidade teima en facelas retornar. Segundo o informe estatístico do Consello Xeral do Poder Xudicial 2013 en Galicia houbo 1.169 desafiuzamentos de xaneiro a setembro de 2013 (cómpre supoñer que no cuarto trimestre habería outros 300 e pico). Tamén houbo 1.905 execucións hipotecarias no mesmo período, o que supón un aumento do 3,6% respecto a 2012. As plataformas galegas impulsan neste intre una Iniciativa Lexislativa Popular contra os desafiuzamentos.

  8. 08

    Non hai cartos? Hai tal, para campañas publicitarias

    Non hai cartos para sanidade, para educación ou para investigación. Mallan en nós decote coa ladaíña da falta de cartos. Porén, en maio de 2013 a Xunta de Galicia recoñeceu un gasto de máis de 25 millóns de euros en propaganda desde a chegada de Feijoo ao goberno, uns 5 ou 6 millóns ao ano. Un exemplo foi a de "innovación e emprendemento" en plena campaña electoral (1 millón). O goberno de Rajoy non queda atrás, anuncia que gastará un millón de euros na campaña para acadar un posto no consello de seguridade da ONU. Certamente, cada euro conta e cada millón, non digamos.

  9. 09

    O espolio e abandono do patrimonio arqueolóxico e artístico

    O abandono do patrimonio arqueolóxico e artístico galego, que permite un espolio continuado, non é unha novidade de 2013, mais seguimos engadindo exemplos. O xacemento d'A Roda de Barreiros (entre Barreiros e Ribadeo) en lamentable estado de abandono; a ameaza da autovía Lugo-Santiago á necrópole de Coeses; a igrexa de Moraime; o xacemento da vila romana O Fiunchal, na praia de Santa Baia, Alcabre, Vigo; a degradación do xacemento arqueolóxico de Castrelo en Burela e, en concreto, do hipocausto, fornos que servían para quentar termas e mansións.

  10. 10

    Mans arriba! Desmantelamento do ensino público

    Os recortes nos orzamentos de educación supuxeron 149 millóns de euros menos para o ensino público en Galicia en 2013, segundo AGE. Ao tempo, a Xunta destinou ao ensino privado 237 millóns. Ao comezo do curso 2013-2014 fecháronse 15 centros públicos de Infantil e Primaria e 64 unidades, segundo a CIG, mentres se incrementaron 15 no ensino privado. Tamén diminuíu o profesorado, o que leva á masificación. Algo semellante ocorre en secundaria e na universidade. Temos un ensino público de calidade que está a ser despezado.

  11. 11

    A depredación de rendas públicas por empresas privadas

    Servizos até agora públicos, por exemplo en sanidade, cultura ou atención ao público, están sendo desviados ao sector privado. Un exemplo é a axudicación directa a Eulen (da que é apoderada a irmá do presidente, Micaela Feijoo) de servizos como a atención e xestión de documentación das persoas afectadas polas preferentes (despezando previamente o servizo por provincias para poder adxudicalo sen concurso); tamén a Eulen a xestión da rede de bibliotecas do concello de A Coruña, por máis de 2 millóns de euros, sen teren experiencia previa na cuestión; á mesma empresa os servizos de arquivo e historias clínicas de hospitais como o de Ferrol. Outro exemplo é a privatización do servizo de mantemento no CHUS de Santiago.

  12. 12

    A Lei do Salvaxe Oeste na costa galega

    En maio de 2013 aprobouse a nova Lei de Costas, que ben podía chamarse "Ilegalidade de Costas", con episodios tan reveladores como o rexeitamento, pola maioría do PP no parlamento do estado, dunha proposta do propio PP no parlamento galego. Esta lei, que deixa a costa en mans da especulación, non ten en conta a especificidade dos núcleos costeiros galegos. A nova lei permitirá a "legalización" de 4.600 ocupacións ilegais. Segundo Greenpeace, en Galicia destruíronse unha quinta parte dos primeiros 500 m de costa.