Unha ducia de adegas para gozar da Feira do Viño de Chantada
Chantada vive entre o 9 e o 11 de marzo unha das súas principais citas festivas do ano. A trixésimo sexta edición da súa Feira do Viño, a primeira do ano na Ribeira Sacra, enche a vila de música e festa pero, sobre todo, de bo viño. Desta volta serán unha ducia de adegas as presentes na feira -baixo unha carpa grande dabondo como para que a chuvia non sexa problema-. Repasámolas para non perder de vista ningunha delas.
Contido patrocinado
-
01
Enonatur Roberto Regal
O adegueiro Roberto Regal define o viño como "unha forma de vida" que canaliza a través do proxecto Enonatur. Da súa adega saen viños como Toalde.
-
02
Lareu
A Adega Lareu de Sabadelle traballa nunhas instalacións contemporáneas, pero erguidas sobre unha antiga adega que pertence á familia dende o século XVIII. Estas adegas teñen como emblema a marca Sabatelivs.
-
03
Vía Romana
As Adegas Vía Romana acumulan xa máis de dúas décadas de experiencia na contorna de Belesar. Da súa "viticultura heroica" saen mencías e godellos moi apreciados, pero tamén diversas actividades culturais e deportivas que dinamizan a comarca.
-
04
Calexotes
A adega de Edelmiro Domínguez, á beira do río Búbal en Carballedo e con vistas aos Peares, produce segundo o Consello Regulador da Ribeira Sacra uns 9.000 litros a partir de uvas Mencía, Garnacha, Treixadura e Godello. Delas sae o viño Calexotes.
-
05
Amedo
A adega Amedo está situada na parroquia chantadina de San Fiz e produce uns 55.000 litros de viño cada ano. Dos seus bancais saen tintos como Amedo, Pero Bernal e Pero Bernal Selección e tamén un branco, As Glorias.
-
06
Terras de Bendaña
A Adega Terras de Bendaña combina a súa actividade produtiva coa divulgación a través dun centro etnográfico propio na parroquia chantadina de San Pedro de Líncora. O seu viño é o Terras Bendaña.
-
07
Condado de Sequeiras
Condado de Sequeiras produce dende 2003 en Camporramiro (Chantada) viños novos brancos e tintos e tamén viño de barrica.
-
08
Albarduxe
A Adega Albarduxe produce arredor de 12.000 litros de viño ao ano na parroquia de Santiago de Arriba. As súas marcas son Albarduxe, 18 Monasterios, Alboroque e Massimo.
-
09
Viña Garoña
Os mencías e godellos de Viña Garoña teñen unha tradición de máis de catro décadas. Dende a posta en marcha da denominación de orixe Ribeira Sacra experimentaron unha grande expansión, con varios premios internacionais.
-
10
Cabo do Mundo
A adega Cabo do Mundo toma o seu nome dun dos recantos máis emblemáticos da Ribeira Sacra lucense, o meandro no que o Miño dá lugar á coñecida praia fluvial da Cova. Esta contorna, aseguran, inspira a produción dos seus mencías e godellos.
-
11
Pilares de Belesar
Os viños de Pilares de Belesar pretenden, dende O Saviñao, transmitir a "esencia" da Ribeira Sacra. Os seus mencías e godellos preséntanse baixo a marca Asolagados, inevitablemente ligada ao encoro, cun deseño de Rei Zentolo.
-
12
Instinto Romano
A adega Instinto Romano, de Taboada, aposta polos métodos tradicionais para producir o seu viño. O seu responsable é Miguel Pavón.