Houbo un tempo en Galicia no que ao anuncio "vou á caixa" cabía a posibilidade de preguntar "a cal?". Dende esta semana só fica unha caixa no país que se dedique a asuntos financeiros e é unha cooperativa de crédito. As demais serven para gardar cousas, entre outras funcións.

  1. 01

    As de zapatos

    Poderíamos dicir que son as nais de todas as caixas. Chegan á casa co calzado dentro e, a non ser que sexan deitadas no lixo instantaneamente, poden ficar ata a eternidade, xa sexa para gardar os máis variopintos obxectos, sementar unha pranta ou realizar manualidades. Nas zapatarías de toda a vida están amoreadas como claro signo de abundancia.

  2. 02

    As fortes

    Utilizadas para gardar cartos ou obxectos de valor, son fonte case ilimitada de inspiración para o cinema, dende o máis serio ata o máis inefable pasando pola hipérbole de Disney. Recentes casos de corrupción acreditan que ter unha caixa forte non blinda a ninguén contra o cutrerío.

  3. 03

    As dos lotes de Nadal

    Conta a lenda que houbo un tempo no que as empresas convidaban o seu persoal a un xantar ou cea nas vésperas do Nadal. Algunhas mesmo proporcionaban un lote de produtos típicos do tempo no que non faltaban os turróns, os embutidos ou doces tan inexplicables como as peladillas. A estética destas caixas era, como mínimo, rechamante.

  4. 04

    A do correo

    Eses recipientes situados na entrada das casas para recibir publicidade, propaganda (algúns) e facturas (a maioría) serviron noutrora para recibir cartas que a xente escribía a man. Daquela o "correo ordinario" ou "normal" era, simplemente, "correo".

  5. 06

    As das mudanzas

    Buracos espazo-temporais dos que nunca sae todo o que entra. Adoitan ser empregadas para transportar con orde obxectos e utensilios dende unha casa ata outra, inocente principio que adoita rachar cando unha destas caixas é etiquetada coa verba "varios".

  6. 07

    A das galletas

    Hainas de moitos tipos pero destacan as metálicas. Estas remataron en múltiples ocasións como recipiente para gardar utensilios de costura ou instrumentos de percusión semellantes ás latas de pementón.

  7. 08

    A do Códice

    Un dos momentos máis trapalleiros da historia galega contemporánea produciuse o 4 de xullo de 2012, cando a policía atopou o Códice Calixtino guindado nunha caixa, nun garaxe do Milladoiro. Ata alí chegou por obra e graza dun electricista chamado Manolo e do desleixo de quen tiña que coidar desta xoia.

  8. 09

    A de ritmos

    É o instrumento musical que deu lugar a sons inimaxinables ata a súa creación. A década dos 80 non sería o mesmo sen ela. As súas versións informáticas teñen mellores funcións, pero non son o mesmo.

  9. 10

    A fugaz

    Xurdiu da fusión de Caixa Galicia e Caixanova e apenas deu tempo a acostumarse a ela.

  10. 11

    As de antes

    Estaban aí, formaban parte da paisaxe e semellaba que sempre ían estar aí. Os seus responsables semellaban deuses dun olimpo inalcanzable e os seus nomes non eran pronunciados en exceso en público, por se acaso. Pero pasou o que pasou.

  11. 12

    As de moito antes

    Eran pequenas e gustaban máis duns poucos aforros que das aventuras inmobiliarias. Eran outros tempos.