David Lombao

Unha ducia de medidas do alcalde Ánxel Casal

Esta semana cumpríronse 80 anos do nomeamento de Ánxel Casal como alcalde de Santiago. No seu breve mandato, de apenas cinco meses, o editor do galeguismo despregou unha intensa actividade e, como acredita Ernesto Vázquez Souza na súa tese de doutoramento, propuxo múltiples medidas especialmente modernas para a época. Os mesmos golpistas que asasinaron o rexedor acabaron tamén con estes plans.

  1. 01

    Freo ao proxecto do Banco de España na Praza de Praterías

    Vázquez Souza acredita na súa tese que unha das primeiras medidas do goberno de Ánxel Casal foi frear o proxecto de construción da sede do Banco de España na Praza de Praterías, que prevía derrubar as coñecidas como casas de Espinosa e erguer un novo edifico que alteraba a liña de edificación da praza e da súa contorna. Casal deixou a licenza en suspenso, pero o proceso retomouse -non sen polémica- na seguinte década e a sede inaugurouse en 1949. A cuestión volveu ser polémica a comezos da actual década, cando o edificio foi transformado en Museo das Peregrinacións e de Santiago, sen que finalmente se alterase a súa estrutura.

  2. 02

    Un Ensanche "racional"

    No caletre de Casal estaba tamén o deseño "racional" do Ensanche, a parte nova da cidade, e mais duns novos accesos a través da que sería Rúa de Galicia, deseñada polo célebre arquitecto Antonio Palacios, que auguraba unha "mellora importantísima" dunha cidade "insigne no mundo". Estes plans nunca chegaron a realizarse e durante o franquismo, moi especialmente durante os anos 60, o Ensanche compostelán foi escenario dunha expansión urbanística desordenada da que a capital galega aínde se resente.

  3. 03

    O Museo Nacional Galego

    Como alcalde, pero tamén como vicepresidente da Deputación da Coruña, Ánxel Casal iniciou as xestións para converter o Gran Hospital de Santiago, o Hospital Real da Praza do Obradoiro, na sede do Museo Nacional Galego. O ministerio de Información y Turismo de Franco decidiu que o hospital compostelán fose transformado en hotel de luxo e, así, pechouno en 1953 e reabriuno un ano despois convertido no actual Hostal dos Reis Católicos.

  4. 04

    A rehabilitación do monumento a Rosalía

    Na páxina 332 do Libro Oficial de Actas do Concello de Santiago fica reflectido que o monumento a Rosalía de Castro, inaugurado 20 anos antes, sufrira ataques vandálicos "unha das últimas noites, quitando del a coroa que o remataba". O goberno local decidiu rehabilitalo de inmediato, así como coidar especialmente o resto de estatuas da cidade.

  5. 05

    Remudas nos nomes do rueiro

    Un dos edís de Casal, López Durá, subliña no pleno do 12 de marzo a necesidade de que o Concello "substitúa os nomes actuais das rúas compostelás, restablecendo, en idioma galego, os tradicionais" co "debido asesoramento". Deste xeito, argumentaba, "non podería atribuírselle gratuitamente" ao goberno local "ignorancia da historia de Galicia e de Santiago".

  6. 06

    Xacobeo e centenario de Rosalía e López Ferreiro

    Dende o inicio do seu mandato Casal estivo especialmente ocupado na organización dos actos do Xacobeo de 1937. En colaboración con diversas entidades sociais e culturais e coa Asociación de Escritores de Galicia, acabada de nacer, o alcalde impulsou a creación dun comité organizador que deseñaría o programa do Ano Santo e, dentro del, a conmemoración dos nacementos de Rosalía de Castro e López Ferreiro. Finalmente, os actos de 1937 foron unicamente relixiosos e marcados pola represión franquista e a guerra, pola cal o Ano Santo foi prorrogado alén do ano natural.

  7. 07

    Selos deseñados por Castelao e Castro Gil

    No marco do centenario de Rosalía e Antón López Ferreiro, o Concello preséntalle ao Goberno da República unha proposta para editar selos conmemorativos dos actos, que serían deseñados por Castelao e Castro Gil. "En nome da minoría galeguista propoño â Eiscelentísima Corporación que pra, perpetuar ista data e honrar a memoria da inmorrente poetisa, espallando por todo o mundo a súa efixie, se dirixa o Concello compostelán ao Goberno pedíndolle faga unha emisión de selos de correios adicados â egrexia Rosalía, muller santiaguesa, que -sen deixar de ser galega, e precisamente pol-a súa galeguidade- chegóu a ser muller universal", dicía a proposta do edil responsable, Teijeiro Rodríguez.

  8. 08

    Semana Galega

    Dentro da programación cultural do Concello, o alcalde artellou o nomeamento das persoas encargadas de organizar a Segunda Semana Galega. Representacións da Universidade, do Seminario de Estudos Galegos ou da Escola de Artes Oficios programarían actividades como unha Exposición de Libro Galego, outra sobre arte litúrxica, no Pazo de Xelmírez, e uns xogos florais.

  9. 09

    Apoio ao cinema galego

    O Concello dirixido por Casal prevía apoiar a rodaxe na cidade da versión cinematográfica d'O fidalgo, na altura un popular drama anticaciquil de Xesús San Luís Romero.

  10. 10

    Libros galegos para as escolas

    O 22 de maio a corporación municipal decide comezar a implantar as liñas educativas do novo Goberno da II República. Así, a Comisión Municipal de Instrución Pública aproba "dotar as Escolas Municipais dalgúns libros galegos, así como de diccionarios de lingua galega", para que "os alumnos se exerciten na lectura e escritura da lingua rexional e na súa tradución ao castelán". Entre os libros que se decidiu mercar estaban Cousas, de Castelao, e Cantares gallegos, de Rosalía.

  11. 11

    Os himnos e bandeiras

    A respecto das escolas municipais o goberno municipal "propón, e por aclamación acorda", que "as clases nas escolas municipais se rematen cantándose polos nenos o Himno Galego", e ademais, que nos edificios destes centros educativos "estea izada" a bandeira da República.

  12. 12

    Impulso do proceso estatutario

    Ánxel Casal estivo moi implicado no proceso previo ao plebiscito do Estatuto de Autonomía, o 28 de xuño de 1936. Así, dende o Concello contribuíu á reactivación do Comité do estatuto, apoiou a campaña previa e a organización de "celebracións" polo plebiscito, mesmo prevendo xantares especiais para que "os reclusos e pobres participen da alegría" da votación, segundo se aprobou a proposta dun dos membros da corporación.