0 Gardados para despois

A Xunta anuncia un acordo con Pemex que fai respirar ao naval

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A Xunta de Galicia e a empresa mexicana Pemex veñen de chegar a un acordo para constuír catorce remolcadores. Sete destas embarcacións faranse en estaleiros galegos e outros sete en colaboración con estaleiros aztecas. Así o acaba de anunciar o xefe do Executivo galego, Núñez Feijóo, no Consello. 

O acordo permite respirar o naval galego e asinarase esta tarde ás oito. Segundo Feijóo, o trato supón "unha enorme oportunidade e un impulso importantísimo para o sector naval e para o futuro portuario de Galicia", xa que entre o que se negociará tamén se inclúe un acordo para converter o porto exterior da Coruña nunha base loxística. "Hai interese en iniciar contactos coa Autoridade Portuaria da Coruña para analizar as posibilidades de que punta Langosteira poida ser a base das operacións loxísticas de Pemex en Europa", aclarou. 

Punta Langosteira podería converterse na base de operacións loxísticas de Pemex en Europa

Ademais, as continuas xuntanzas entre a compañía e o Executivo galego inclúen "negociacións para que Pemex adquira un barco flotel actualmente en construción en Galicia". Segundo Feijóo, a unión entre México e Galicia supón "unha alianza estratéxica" que pretende máis acordos no futuro. 

Esta boa noticia para o naval chega xusto despois de que a Xunta anunciase que o Goberno español xa ten enviado unha nova proposta a Bruxelas para establecer un novo sistema de bonificacións fiscais que favoreza o sector e que substitúa o tax-lease, un sistema vetado pola UE e cuxa prohibición ten afogado os estaleiros galegos. De feito, os presidentes do Consello Galego da Competencia e da Comisión Nacional da Competencia, Francisco Hernández e Joaquín García Bernaldo de Quirós, respectivamente, confían en que Bruxelas acepte a proposta do Executivo central. 

Respecto a esta situación, Feijóo asegura que agora a Comisión Europea podería considerar que a proposta de España "atenta contra os dereitos da competencia", pero insiste en que "se non notifica nada, significa que é plenamente legal". "Entendemos que a proposición é perfectamente compatible co tratado da UE; sorprenderíanos moitísimo que se vetase esta decisión do Goberno español", confiou o presidente da Xunta, que confía en que os contratos se poidan asinar agora "con cautelas, pero con menos cautelas"

"A carga de traballo básica quedará en Galicia"

En canto ás condicións do acordo con Pemex, Feijóo aclarou que "os estaleiros que presenten as mellores ofertas, teñen que ser galegos". "Nas próximas semanas notificarase por parte de Pemex a solicitude de contrato e a petición de ofertas económicas", dixo, tras insistir en que "os estaleiros privados e o estaleiro público terán que concretar no seu caso as propostas económicas e Pemex decidirá cales son os que levan o pedido". "Dos catorce buques, sete como mínimo faranse ao 100% en Galicia e os outros sete entre estaleiros galegos e mexicanos; a fórmula concreta, se van montados total ou parcialmente dende Galicia, é unha cuestión que lle corresponden á empresa", explicou o presidente da Xunta, que cre que "o importante é que a carga de traballo básica quedará residenciada na comunidade autónoma".

O acordo chega tras as negociacións da Xunta con Pemex, propiedade do Goberno mexicano. Todo comezou o pasado 16 de abril, cando o Goberno galego anunciaba por sorpresa que o presidente, Alberto Núñez Feijóo, ía viaxar a México. Esa mesma noite incorporábase á comitiva do titular do Executivo central, Mariano Rajoy para un desprazamento do que apenas se ofrecían detalles, nin da axenda nin dos obxectivos. Apenas se explicaba que ía traballar a prol da "internacionalización" das empresas galegas. Dous días despois, un discurso de Rajoy dende o país mexicano desvelaba que era o que tiña que ver a viaxe con Galicia. A petroleira Pemex podería estar interesada en construír barcos nalgún estaleiro galego.

O pasado martes, na feira Navalia de Vigo, responsables da compañía azteca aseguraban que os presuntos acordos coa Xunta estaban "en estudo", pero as xuntanzas nos últimos días semellan ter chegado a bo porto. O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, xa asegurou que o de hoxe "é un día positivo para o naval" e pide aos gobernos de Feijóo e Rajoy que sigan esforzándose a prol dun sector estratéxico para o país. 

Pemex é a cuarta petroleira do mundo, con máis de 150.000 empregados e cunha cifra de 40.000 millóns de vendas en 2010. 

Por outra banda, e en canto ao novo sistema de bonificación fiscal, o director xeral de Vulcano, José Domínguez, destacou que a proposta feita polo Goberno central para implantar unha alternativa ao tax-lease permite que os estaleiros poidan, unha vez coñecida a ferramenta e as contías que supón, empezar xa a negociar contratos.

HABERÁ AMPLIACIÓN

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Guillerme Vázquez amosa o seu "optimismo xusto" coa proposta fiscal do Goberno

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, manifestou "optimismo o xusto" despois do anuncio dunha proposta de reforma fiscal que permita evitar os problemas de competencia derivados das bonificacións ao naval, tras lembrar que os compromisos que existen con Ferrol, como a construción do dique flotante, que está "aprazado".

Para o líder nacionalista, a presentación desta proposta evidencia que o problema do naval "non é de competitividade", senón que se trata dunha cuestión "política". Por iso, advertiu que o Goberno "só moveu ficha" cando houbo presión social" e tamén "política", a cal (esta última) atribuíu "modestamente" ao BNG. "É unha coincidencia extraordinaria", dixo que se presentase a proposta xusto despois de que a eurodeputada do Bloque, Ana Miranda, se entrevistase co comisario da Competencia, Joaquín Almunia.

Guillerme Vázquez considerou que agora "hai que esperar e ver" o que pasa, aínda que remarcou que o que necesita o sector naval "é apoio político". "Agora imos ver se se produce, imos ver esa proposta", sinalou respecto diso do documento do que desvelou a súa existencia o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, este mércores no pleno e o cal comprometeu enviar aos grupos parlamentarios.

En todo caso, Guillerme Vázquez advertiu de que ademais de buscar unha solución para o sistema de amortización, tamén hai que lembrar os compromisos co naval de Ferrol. Neste sentido, referiuse ao "compromiso" do dique flotante, que "segue aprazado", ou o "veto" sobre a construción naval civil no estaleiro de Navantia-Fene.

"Para o sector é fundamental que todos teñamos conciencia de que o problema non é un problema de competitividade, senón un problema político", remarcou Guillerme Vázquez, quen afirmou que "por tanto, como BNG, así o fará e demandará ese apoio político".

Pachi Vázquez cre que a nova proposta "abre un camiño" pero "non soluciona todo"

O secretario xeral do PSdeG, Pachi Vázquez, cre que este xoves é un "día positivo" pois o Goberno xa remitiu a Bruxelas unha proposta sobre o 'tax lease', considerando que se trata dunha "vía que abre un camiño" aínda que "non soluciona todos os problemas" do sector naval. 

Así o afirmou en declaracións previas a unha visita á feira Navalia que se clausura este xoves, nas que indicou que "definitivamente o Goberno presentou unha proposta" que se basea no "modelo francés", que, segundo apuntou, "inicialmente tivo o rexeitamento do sector", o cal "retardou" o proceso.

O socialista explicou que, coa proposta definitiva, tense "unha vía que abre un camiño" e, aínda que advertiu de que "non soluciona todos os problemas do sector, insistiu en que "pon o tren no raíl" para poder "funcionar un pouquiño máis".

Preguntado sobre por que non se fixo antes unha proposta sobre o modelo francés, estimou que "cando se presentou algunha outra proposta o sector avogou por un sistema máis específico" aínda que xa se sabía que o modelo aprobado en Europa era o francés. Así, indicou que entón o Goberno negociara co sector e este "insistiu en forzar un pouco máis outro modelo e que iso foi o que "retardou".

Segundo concluíu, "ao final logrouse un sistema no que o sector "avoga por asumir, con menos beneficios pero con menos riscos, o modelo francés".