A produción industrial galega encadea 16 meses en negativo

© CIG

Non hai tregua para a economía produtiva galega. Alén do que se observa e sente nas rúas, os indicadores, reflexo en números da realidade, non abandonan o disfraz vermello. O Índice de Produción Industrial (IPI) galego encadea xa 16 meses de progresión negativa. No caso da produción de bens de equipo (naval, construción ou automoción) a caída e máis estrondosa se cabe. A taxa de variación anual pechou decembro cunha caída do 20%. O de decembro foi o segundo peor dato do ano en produción deste tipo de bens e un dos peores de toda a serie histórica elaborada polo Instituto Galego de Estatística (IGE). A recesión, que xa petou á porta da economía española, non fará máis que agudizar a situación dunha industria que xa eliminou, en porcentaxe, máis empregos que o sector inmobiliario en Galicia durante 2011.

Respecto aos datos globais, a taxa de variación interanual da produción industrial galega volveu ser peor que a media do Estado en decembro. O IPI do último mes de 2011 pechou no -8,7% no caso de Galicia, polo -6,9% do conxunto estatal. Dos últimos seis meses do anterior exercicio, en catro deles a produción industrial tivo un peor comportamento no país se se compara co dato global. En bens de equipo, a taxa galega duplica o balance negativo de toda España.

No indicador enerxético os datos non son máis positivos. Decembro pechou cunha caída de máis do 15%, lonxe do indicador do mes de novembro (-2,6%). Este indicador fai referencia á produción, transporte ou distribución de enerxía eléctrica.

 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.