0 Gardados para despois

Madrid asume o voluntarismo do acordo lácteo e nega que as axudas discriminen a Galicia

Redacción | @prazapublica

O Executivo central insiste en que Galicia é a gran beneficiada das axudas ao lácteo, nega as acusacións de discriminación que sosteñen sindicatos e oposición e acusa o BNG de empregar argumentos "absolutamente falsos" á hora de criticar as achegas instauradas pola grave crise que atravesa o sector. Así de contundente se amosou este mércores a ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, que respondeu con contundencia ao Bloque na sesión de control ao Goberno no Congreso, malia que a propia Xunta recoñece que a metade das explotacións galegas non van cobrar as devanditas axudas extraordinarias aprobadas o pasado mes de setembro. Ademais, asumiu que o acordo lácteo é "voluntario" e, xa que logo, "non pode ter un réxime de sancións", xustamente as dúas grandes eivas que Unións Agrarias e SLG lle atribúen ao pacto que non asinaron. 

Tejerina insiste en que Galicia é a máis beneficiada polas axudas malia que a Xunta asume que a metade das granxas non as recibirán

O decreto do Goberno central determina que en Galicia percibirán as axudas de 300 euros por vaca -ata 10.000 euros- aquelas explotacións que entre abril e xullo cobrasen o quilo de leite por baixo dos 24,5 céntimos, mentres que en Andalucía, poden beneficiarse dela todas as granxas que tivesen prezos de menos de 31,5 céntimos por litro no mesmo período, mentres que nin en Cataluña, nin en Asturias nin en Cantabria se fixa límite ningún. Foi isto o que levou a que UUAA recorrese ante a Audiencia Nacional as axudas por entender que "atentan contra o principio de igualdade" e por ofrecer "un trato diferencial dos gandeiros dunha comunidade con outra". 

Olaia Fernández Davila, deputada do BNG que se dirixiu á ministra, preguntou pola razón pola que o Ministerio "escolleu un método para fixar o limiar de prezos para poder acceder ás axudas directas pola crise do sector que exclúe mais do 50% das explotacións lácteas" cando é o territorio "que percibe os prezos do leite en orixe máis baixos do Estado". Tejerina negouno pero non aclarou os criterios manexados nin deu explicacións convincentes para a parlamentaria. 

"A súa afirmación non é certa; todos os gandeiros de leite percibirán axudas para paliar a conxuntura do mercado que vén padecendo o sector lácteo. Todos e cada un dos gandeiros que máis sufriron a caída de prezos recibirán ademais unha axuda complementaria e a maioría deles son galegos", dixo a ministra. Segundo a Xunta, serán 4.800 granxas de Galicia as que cobrarán a axuda dun total de "5.600 en todo o Estado". Tendo en conta que no país hai unhas 9.300 explotacións, practicamente a metade quedarían sen ela.

A ministra di que os cálculos do BNG son "absolutamente falsos" pero non exlica o método empregado para determinar as axudas

Pero a ministra di que os cálculos do BNG son "absolutamente falsos", malia coincidir cos da Xunta, e insiste en que hai "un único limiar para toda España e para todos os gandeiros", tras asegurar que o 82% das axudas complementarias "recibiranas explotacións galegas". "Vostede di que non é certo pero non o aclara", advertiulle Davila, que considera "totalmente inadmisíbel que un Goberno estableza unhas axudas que para que sexan percibidas polos gandeiros galegos teñen que ter vendido o leite a menos de 24 céntimos". "Mentres, gandeiros do resto do Estado poden acceder ás subvencións cando a venderon a menos de 31 céntimos. Iso é discriminación a un sector lácteo que é fundamental para a supervivencia do noso agro”, insistiu. 

Tejerina contestou incluíndo nos seus cálculos a axuda dos fondos comunitarios, "que será recibida polo 100% das explotacións en Galicia" e insistiu en que os gandeiros galegos recibirán "máis PAC" porque o Estado "non vai deixar ninguén fóra do apoio". 

Ademais, Fernández Davila censurou tamén o acordo lácteo que, como lembrou, "non foi asinado polo 50% do sector" e as dúas principais organizacións gandeiras. Así, lembrou as críticas mesmo de persoas da indistria que aseguraron que era un pacto que "só vale para a foto porque non establece un prezo orientativo ou de referencia e é voluntario porque non conta con medidas sancionadoras para que se levve a cabo". 

O Goberno central recoñece que "un acordo voluntario non pode ter réxime de sancións"

"Non entenderon as mobilizacións do sector gandeiro na Galiza. Non entenderon que cando miles de gandeiros se movilizan deixando o seu labor e o seu carto porque non producen durante os días de protesta é porque non poden soportar unha situación límite”, lembroulle a Tejerina a deputada do BNG, que recordou que xa se perderon 600 explotacións  no país no que vai de ano. 

A ministra respondeu defendendo o acordo e atacando o BNG por "defender cousas inviábeis", como ese prezo de referencia ou un réxime sancionador. Tejerina apelou á "legalidade existente" para recoñecer o carácter voluntario da referencia de prezos e a ausencia de multas que aseguren o seu cumprimento, xusto as dúas eivas que censuraron UUAA e SLG e que os levou a non asinar o pacto. "Un acordo voluntario non pode ter un réxime de sancións", asumiu o Goberno central. 

 

Feijóo presume de acordo lácteo

Por outra banda, durante o Debate de Estado da Autonomía, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que "xa se poden constatar os efectos do acordo lácteo", que, di, son "visíbeis nos lienais dos supermercados e, oq ue é máis importante, nos novos contratos que están a negociar os produtores". 

Ademais, anunciou unha serie de "medidas concretas" para o sector por parte da Xunta como a inxección "a curto prazo" de 80 millóns, 10 para facilitar préstamos aos donos das explotacións e outros 70 como "anticipio das axudas da PAC antes de que remate o ano". Ao tempo, apostou por continuar promocionando "de todos os xeitos posibles" a marca Galega 100% e, "a longo prazo", promover "unha maior industrialización" para a que o Goberno achegará 30 millóns de euros. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.