0 Gardados para despois

Foro Económico insta a Xunta a implicarse máis na industrialización do sector lácteo

Redacción | @prazapublica

Pouco investimento industrial, nulo valor engadido e solucións conxunturais e temporais que non acaban por entrar no fondo da problemática. Así resume o Foro Económico de Galicia (FEG) a situación do sector lácteo galego, do que destaca a súa importancia pero tamén as súas eivas e as das administracións á hora de asegurarlle un futuro esperanzador e rendible. 

Galicia é a única das dez principais rexións lácteas da UE que non fixo un investimento industrial importante nos últimos anos

Tal e como destacou este martes en rolda de prensa o profesor de Economía Aplicada da USC Edelmiro López, Galicia é a única das dez primeiras rexións lácteas da UE que non rexistrou investimento industrial ningún importante -superior aos 20 millóns de euros- nos últimos anos (no período 2012-14). Así se detalla no informe sobre o sector elaborado por este experto para o FEG (O complexo lácteo galego nun mercado liberalizado. Estratexias e políticas ante a desaparición do sistema de cuotas na UE). 

Galicia é a novena rexión europea en produción leiteira pero a única na que nos ultimos anos non se investiu en ningunha industria de transformación e deivados lácteos, proxectos que se centran nos lugares "próximos aos centros de consumo e non a onde está a oferta de materia prima". Por iso, o FEG insisten na necesidade de ir "máis aló" do conxuntural á hora de analizar os problemas do sector láctego galego. Edelmiro López pide á Xunta, por exemplo, que logre de Lactalis "un compromiso con Galicia" para que pase a ser "o Citroën do lácteo" en lugar de operar no país "sen implicarse". 

O FEG pide á Xunta que logre de Lactalis "un compromiso con Galicia" para que se converta "no Citroën do lácteo"

Porque a porcentaxe de leite transformado en cooperativas é do 7% en Galicia, fronte ao 97% de Irlanda, o 91% de Dinamarca ou o 87% de Holanda. Ao tempo, o profesor destaca a "carencia" de instalacións para producir leite en po en Galicia e chamou a que os gandeiros de "impliquen" en proxectos industriais e reformulen as súas producións para centrarse, por exemplo, no queixo, que é menos vulnerable ás tensións internacionais. 

Segundo o informe do FEG, a industria transformadora tan só engade "26 céntimos a cada euro de produción láctea", baseándose sobre todo nos cartóns de leite, sometidos á "fortísima volatilidade" ao que se engaden problemas como a "dependencia" que as explotacións galegas teñen dos cereais importados. Por iso, Edelmiro López insiste tamén na necesidade de terreo, de "hectáreas adicionais", ata unhas 130.000 máis no país para chegar ás 350.000. Ademais, o profesor tamén insiste nos "deberes sen facer" ante a eliminación de cotas, aínda que cre que  aínda hai tempo. 

Edelmiro López aposta por unha reforma agraria "adaptada ás condicións do século XXI" para acadar a base territorial necesaria

Para o FEG, é necesaria unha reforma agraria "adaptada ás condicións so século XXI" que se basee na "mobilización efectiva" de terras e non tanto en tocar a propiedade. Tamén recomenda nosvos sistemas produtivos "menos dependnetes de insumos externos" aumentando a base territoriale reorientando as axudas, así como aumentar o tamaño das industrias ou que o apoio público a estas sexa "máis selectivo". "Hai que evitar o uso de fondos públicos para crear o u manter zombis empresariais" como Alimentos Lácteos, dixo. 

Por outra banda, López censurou o acordo lácteo asinado entre o goberno, a industria, a distribución e só unha pequena parte dos produtores. Cre que "naceu coxo porque a maior parte do sector quedou fóra" e, sbore todo, porque só se establecen "acordos de intencións" Para o profesor, é claro que non se poden determinar os prezos desde as administracións, pero si "que os compromisos que se establecen inclúan sistemas de control e un sistema sancionador", dúas das reivindicacións de SLG e UUAA, que acabaron por non asinar o pacto. 

A FEG considera "coxo" o acordo lácteo e insiste en que as administracións si poden impoñer "sistemas de control e sancións"

"Aí é onde si entra o Goberno", insistiu López, que insiste en que o acordo de setembro "non conta con ese tipo de mecanismos". "Si é posible desde os gobernos crear as condicións para que entre gandeiros, industria e distribución cheguen a cordos para garantir un prezo mínimo"", insistiu, "que é o que sucedeu en Francia", rematou. 

Precisamente, e ante a situación de crise do sector, o sindicato Fruga calcula que unhas 80 explotacións lácteas pechan cada mes polos baixos prezos do leite e advirte que o importe que se lle está a pagar aos gandeiros segue sen cubrir os custos de produción. Tal e como destacou Praza, o leite galego seguiu por baixo do prezo de custo mesmo no mes da gran tractorada.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.