Os visitantes estranxeiros levan os hoteis galegos ao seu mellor ano dende 2010

Evolución do número de pernoctacións anuais, de viaxeiros españois e estranxeiros Dominio Público Praza Pública

O 2015 será un bo ano para o turismo en Galicia e para o sector hoteleiro. A falta de coñecer o dato de decembro, a cifra de viaxeiros que pasaron polos hoteis da comunidade rolda os 3,9 millóns, un máximo histórico que supera os 3,8 millóns do ano 2010 e que se situará por riba dos catro millóns no total do ano. O número de pernoctacións rolda os 7,4 millóns, por debaixo aínda dos datos entre 2004 e 2010, os mellores rexistros ata agora.

O sector hoteleiro vai saíndo da crise que sufriu despois do último ano Xacobeo. Entre 2010 e 2012 perdera medio millón de viaxeiros e 1,5 millóns de pernoctacións. Nos últimos tres anos a mellora dos datos foi constante e é, sobre todo, o turismo estranxeiro o responsable desta recuperación.

O peso dos e das visitantes de fóra de España non deixou de crecer nos últimos anos. Se en 1999 representaban apenas o 12% das pernoctacións anuais nos hoteis galegos, dez anos máis tarde eran xa o 16%, e en 2015 (datos ata novembro) chegan ao 24% do total. De feito, mentres que o número de noites de hotel contratadas polos e polas turistas do resto de España será en 2015 semellante ao dato de 1999 (algo menos de seis millóns), as pernoctacións de estranxeiros e estranxeiras máis que duplican ás de hai 15 anos. A falta do dato de decembro, a cifra supera xa os 1,76 millóns de noites de hotel, un máximo histórico.

Melloran tamén os datos nos establecmentos de turismo rural, con 178 mil usuarios e usuarias nos 11 primeiros meses do ano fronte aos 160 mil do 2014 e os 129 mil de 2013. O rexistro deste 2015 achégase ao de 2010 (193 mil). Crece tamén lixeiramente o número de usuarios nos campings galegos, dos 221 mil do pasado ano ata os 223 mil do 2015.

Evolución do número de viaxeiros nos establecementos hoteleiros galegos Dominio Público Praza Pública
Evolución do número de pernoctacións anuais, de viaxeiros españois e estranxeiros Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.