O BNG esixe que o Goberno leve á Fiscalía as preferentes tras "recoñecer a comisión dun delito"

Protesta en Vigo © Emilio Rodríguez Tris /plataforma afectados

O BNG volveu exixir ao Goberno unha solución colectiva para os afectados pola preferentes. O deputado nacionalista no Congreso, Francisco Jorquera, pide ao Executivo que “inste a actuar á Fiscalía Xeral” ante a “comisión dun delito”, recoñecido polo propio ministro de Economía minutos antes na Cámara.

En pleno debate sobre a Lei de Reestruturación Financeira, aprobada con 178 votos a favor, 28 en contra e 123 abstencións, Jorquera recordou a intervención de Luis de Guindos duns minutos antes cando, textualmente, “recoñeceu que as preferentes son un engano aos aforradores”. “Subscribo totalmente as súas palabras, pero o que vostede está facendo con iso é admitir a comisión dun delito”, lembroulle o parlamentario galego, que cre que a normativa aprobada  volve ser “outro paso na dirección equivocada, que non aborda ningunha das causas reais da crise e que supón unha carreira cara á instauración dun oligopolio financeiro”. “O que vostedes fan é socializar as perdas e privatizar os beneficios”, insistiu Jorquera, que non se cansou de reclamar ao Goberno unha solución colectiva “ao corralito” das preferentes, que en Galicia afecta a case 50.000 persoas.

Adicae remite á fiscalía circulares que demostran que os traballadores das caixas galegas tiñan a orde de vender preferentes sen avisar dos riscos

Precisamente, varios afectados por estas participacións preferentes concentráronse este xoves en contra de Novagalicia Banco e en demanda tamén dunha solución colectiva. Xusto o mesmo día no que se coñece, grazas aos documentos remitidos por Adicae á Fiscalía Superior de Galicia, a intencionalidade das entidades galegas por colocar as preferentes sen advertir dos seus riscos financeiros. Foron os proios directivos, que agora comparecen ante a fiscalía anticorrupción, os que asinaron estas circulares destinadas a promover a venda deste produto.

Protesta en Vigo © Emilio Rodríguez Tris /plataforma afectados
Francisco Jorquera, candidato do BNG á Xunta CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.