EU denuncia o "desdén" do alcalde de Ferrol fronte ás reivindicacións dos traballadores do naval

Protesta de traballadores do naval en Ferrol Dominio Público Praza Pública

O Grupo Municipal de Esquerda Unida en Ferrol denuncia o comportamento da alcaldía da cidade departamental, "que coa súa intransixencia e desdén pola masiva mobilización das traballadoras e traballadores de Navantia, fura aínda máis na feble credibilidade da alcaldía desta cidade para defender os intereses xerais de Ferrol, que son coincidentes cos das reivindicacións da plantilla dos estaleiros públicos de Ferrolterra". A formación afirma que "tan unánime é o apoio ao naval público na nosa cidade que na pasada Folga Xeral, o pequeno comercio sumouse diante da situación excepcionalmente grave que atravesa o sector".

Díaz afirma que “con palabras baleiras non comen os máis de mil despedidos na industria auxiliar nestes meses; con elas non ten arranxo a explosión de paro que previsiblemente se producirá en agosto”

Yolanda Díaz reclámalle outra actitude a José Manuel Rey, "para que sexa quen de dicirlle e reclamarlle aos seus correlixionarios de Madrid que basta xa de palabras baleiras e que adiante cos compromisos e a carga de traballo que reclama con firmeza a plantilla e toda a cidade". Díaz afirma que “con palabras baleiras non comen os máis de mil despedidos na industria auxiliar nestes meses; con elas non ten arranxo a explosión de paro que previsiblemente se producirá en agosto”. A voceira do Grupo Municipal de EU sinala que "o alcalde ten que deixar de agocharse e encabezar unha reivindicación tan firme que vencelle o seu mantemento na alcaldía a resolución positiva das demandas formuladas polas traballadoras e traballadores. O que nos xogamos semella dunha magnitude tal (un sector naval público estratéxico para a vida de Ferrolterra) que autoriza esa relación".

Protesta de traballadores do naval en Ferrol Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.