Galicia pecha con déficit o primeiro trimestre do ano

Montoro, tras o Consello de Ministros © Goberno de España

A economía inúndao todo. A galopante crise económica e os estritos obxectivos de déficit público fixados pola Unión Europea para o Estado e, á súa vez, polo Goberno central para as autonomías provoquen que calquera dato neste ámbito poida traer consigo repentinas decisións gobernamentais, cambios de estratexia política ou, como adoita acontecer, novos recortes. Nesta dinámica foi na que chegaron este venres os datos de execución orzamentaria das comunidades correspondentes ao primeiro trimestre de 2012. Coa vocación de control e de non deixar lugar a dúbidas como bandeira o ministro de Facenda, Cristóbal Montoro -desta volta en funcións tamén de voceiro do Executivo, pola ausencia de Soraya Sáenz de Santamaría- presentou "por primeira vez" os datos trimestrais de déficit das autonomías en termos "de contabilidade nacional", isto é, dunha maneira homoxénea. Amosounos de dous xeitos, tendo en conta os anticipos do Estado -cartos que o Goberno central xa ingresou nas arcas autonómicas- e sen telos en conta. En ambos casos Galicia remata cun lixeiro déficit.

Tendo en conta os anticipos do Estado o conxunto das autonomías pechou o primeiro trimestre con 'déficit cero'

No primeiro escenario, o que ten en conta os anticipos, as cifras do Goberno galego falan dun desequilibrio entre ingresos e gastos do 0,19% -en 2011 foi do 0,33%- nun contexto no que seis comunidades máis pechan en negativo: Andalucía, Canarias, Extremadura, Madrid, Murcia e Navarra. Grazas a eses anticipos a táboa xeral permítelle ao gabinete de Mariano Rajoy ofrecer unha das primeiras noticias boas para os intereses das súas finanzas dende que chegaron ao poder, que entre xaneiro e marzo o conxunto das autonomías estiveron no "déficit cero", isto é, nun completo equilibrio entre ingresos e gastos -o obxectivo para final de ano é do 1,5-%-.

Se non se teñen en conta eses anticipos o escenario é peor en xeral, tamén para Galicia. Así, atendendo aos datos ofrecidos polo Estado a Xunta sería o quinto goberno autónomo con máis déficit nos tres primeiros meses do ano, quedando no 0,56%. Tería por diante a Andalucía (0,60%), Valencia (0,70%), Murcia (0,85%) e Navarra (1,44%), se ben o caso da comunidade foral é particular por ter un sistema de concerto económico. Nesta liña, o vicepresidente e conselleiro de Economía navarro, Álvaro Miranda, aclaraba que as comunidades de réxime común "teñen mellores datos porqeu o seu réxime de ingresos é diferente do de Navarra, sobre todo nos primeiros meses do ano". Por iso "na foto deste venres Navarra sae en peor posición que o resto", di. En millóns de euros o déficit galego ascende a 320 millóns nese período, mentres que hai un ano quedara en 190.

Déficit das autonomías xaneiro-marzo 2012 (sen anticipos)
Navarra -1,44%
Murcia -0,85%
Comunitat Valenciana -0,70%
Andalucía -0,60%
Galicia -0,56%
Extremadura -0,55%
Madrid -0,48%
Cantabria -0,47%
Catalunya -0,46%
Canarias -0,30%
Balears -0,28%
Castilla-La Mancha -0,28%
Castilla y León -0,24%
Asturias -0,23%
Aragón -0,20%
La Rioja -0,16%
Euskadi 0,25%

Alegato europeísta de Montoro, que evita confirmar a suba do IVE

"A solución chámase euro e Unión Europea, sáese facendo máis euro e máis Europa"

O feito de que a orde do día do Consello de Ministros estivese inzada de informes en materia económica ou, o que é o mesmo, de mensaxes dirixidos ao exterior pero sen novas decisións, amosaba a intención gobernamental de tentar aplacar as augas tras unha semana crítica, coas bolsas en caída libre e a prima de risco disparada -chegou a superar os 540 puntos-. Mentres a pantasma do rescate e intervención real paira sobre o Goberno español e mentres, en Washington, Sáenz de Santamaría se reunía coa directora xerente do Fondo Monetario Internacional Christine Lagarde, Montoro nin sequera agardou á quenda de preguntas dos xornalistas para manifestar a súa interese en transmitir "unha mensaxe de confianza, de seguridade" e para "insistir en que temos solucións", tamén vinculadas ao "gran esforzo" que están a facer as autonomías.

No día en que en círculos económicos e políticos mesmo se chegou a especular con que o Goberno central xogue a baza de ameazar con abandonar a moeda única Montoro advirte: "a solución chámase euro e Unión Europea e sáese [da crise] facendo máis euro e máis Europa" e "por iso podemos e debemos estar seguros". No que tamén pode ser interpretado como unha mensaxe dirixida cara ao Goberno de Alemaña o titular de Facenda detalla que "vivimos situacións moi difíciles no pasado" que foron superadas, "agora, que somos euro, temos máis capacidade de facelo". "Non estamos śos", repetiu Montoro en diversas ocasións, "temos por tras un proxecto de integración europea que vai responder, como sempre respondeu, cando un país se comporta leal e fielmente con este proxecto".

Montoro nega que estea confirmada a suba do IVE pero a continuación avanza que o Goberno modificará os impostos indirectos

Pero, por que está tan seguro de que España non vai ser rescatada? Preguntóuselle a Montoro dende a bancada da prensa. E, neste punto, o ministro botou man dun dos argumentos máis recorrentes: o da dimensión da economía española. "España é un país grande de tamaño, é un país internacionalizado, ten fóra do país investido o 47% do seu PIB, é un país que ten unha alta renda per cápita en termos de media Europea", debullou. "O problema", evidencia, é "a débeda externa que acumulamos" e quen se lle adebedan eses cartos... "quedo aí, a eles -aos bancos aos que o Estado lles debe cartos-  interésalles que España vaia ben".

Pero para facer "máis Europa" cómpre comezar por cumprir as esixencias da Comisión Europea. Unha delas, a de elaborar orzamentos plurianuais -con previsións económicas a varios anos vista- asegura Montoro que xa está na axenda do Goberno. E a suba do IVE, tamén reclamada polo equipo de José Manuel Durão Barroso? O ministro opta por negar e, en todo caso, por deixar a máis que posible suba en "titulares" e ruxerruxes. "O documento" de recomendacións da Comisión "non di o que se difundiu en relación de que Europa esixe subir o IVE". "Iso de que anunciamos que íamos subir o IVE, eu non lembro cando", di, se ben despois da súa negativa explica que o Executivo seguirá "as recomendacións das liñas xerais básicas da  política tributaria europea", a saber, a utilización de "elementos de tributación indirecta, incluíndo a medioambiental, e a cambio reducirá as cargas tributarias sobre o traballo", isto é, subir o IVE -tamén podería os impostos especiais- e reducir as cotización á Seguridade Social.

Montoro, tras o Consello de Ministros © Goberno de España

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.