0 Gardados para despois

O sector primario achega aínda o 15% dos empregos en 19 comarcas

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


En 19 das 53 comarcas nas que se divide Galicia o peso da agricultura, a gandaría e a pesca na xeración (directa) de emprego é aínda moi significativa, superando o 15% dos traballadores e traballadoras. Son a excepción, nun país no que o sector primario xa só ocupa o 6,4% dos afiliados e afiliadas á Seguridade Social, cun peso laboral decrecente, dende as 76.109 persoas de xuño de 2009 ata as actuais 59.095. Este descenso produciuse sobre todo na agricultura, gandaría, caza e silvicultura, sectores que segundo os datos da EPA pasaron de ocupar 71 mil persoas en 2009 a tan só 45 mil na actualidade. Pesca e acuicultura resistiron algo mellor, cun descenso moi leve: de 24 mil a 20 mil.

Porén, en moitos concellos e comarcas enteiras a agricultura, a gandaría, a silvicultura, a pesca e o marisqueo dan traballo directamente a unha parte moi importante da poboación ocupada, superando en moitos casos aos empregados e empregadas da industria e a construción. Uns empregos directos aos que, ademais, hai que engadir case sempre unha gran cantidade de empresas e establecementos comerciais, que lle dan servizo a esas actividades.

A agricultura e a gandaría roldan o 30% na Fonsagrada, Meira e Os Ancares, e superan amplamente o 20% en Xallas, Chantada, A Ulloa, Sarria, Terra Cha, Melide ou Arzúa. A pesca, pola súa banda, supera o 15% no Barbanza, e supera o 10% en Muros, Noia e O Salnés, achegándose a esa porcentaxe no Morrazo, Fisterra e A Mariña Occidental

 

Comarcas industriais

A industria ocupa ao 13,8% dos traballadores e traballadoras galegas, dous puntos por debaixo do 15,8% que representaba o sector en 2009. Determinadas comarcas superan amplamente esa porcentaxe, destacando nelas o peso do sector industrial. Entre elas non están as grandes cidades, senón que están encabezadas por Valdeorras (27,3%), Caldas (22,7%), O Condado (21,8%), O Sar (21,8%), O Baixo Miño (19,3%), Bergantiños (19,2%), O Ribeiro (18,8%) e Ordes (18,4%). Só despois aparece Vigo (17,9%).

 

O sector servizos, absolutamente maioritario, sobre todo nas cidades

É no sector servizos onde sobresaen as comarcas urbanas, cada vez máis terciarizadas. Os servizos dan traballo a 72 de cada 100 ocupados e ocupadas en Galicia, unha porcentaxe que dende o 2009 non fixo máis que crecer (dende o 65% que rexistraba daquela). Santiago (84%), A Coruña (82,5%), Pontevedra, Ourense, Lugo, Vigo e Ferrol (por esta orde) son as comarcas nas que o sector terciario é máis importante, situándose por riba da media e por diante de Terra de Lemos, Verín e O Carballiño.

% de traballadores/as por sector de actividade e comarca (decembro de 2015)

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.