43 comarcas perderon máis de 1 de cada 10 empregos dende a chegada de Feijoo

Comarcas nas que máis emprego se destruíu dende xuño de 2009 Dominio Público Praza Pública

Dende a chegada ao Goberno da Xunta de Alberto Núñez Feijoo, en Galicia destruíronse un 8,82% dos empregos, case un de cada dez. Nin sequera a lixeira recuperación experimentada no último ano compensa as perdas dos cinco anos anteriores. Porén, nalgunhas comarcas do país esta destrución de postos de traballo foi moi superior, incrementando as taxas de desemprego pero tamén empurrando os e as súas habitantes cara á emigración a outras zonas de Galicia, a outras comunidades autónomas e tamén cara ao estranxeiro.

Esta tendencia, como se ve nos gráficos é especialmente acusada en determinadas comarcas rurais, que viron acentuadas nos últimos anos as graves situacións de despoboamento e de destrución do seu tecido económico. En 43 das 53 comarcas de Galicia perdéronse dende xuño de 2009 máis de 1 de cada dez empregos, situándose por debaixo desta cifra apenas cinco comarcas urbanas (Santiago, A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra), e tamén Terra de Melide, Betanzos, A Ulloa, Arzúa e Allariz-Maceda.

No extremo contrario atopamos casos coma os de Terra de Caldelas, Baixa Limia, Ortegal, A Fonsagrada, Quiroga ou Os Ancares, que viron desaparecer en seis anos e medio dous de cada dez postos de traballo. Porén, esta situación non afecta só a comarcas moi rurais ou moi afastadas dos centros económicos do país. Tamén hai hoxe un 20% de traballadores e traballadoras menos no Barbanza, O Ribeiro ou Terra de Celanova. E a porcentaxe de empregos destruídos achégase a esa cifra no Salnés. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.