Tragsa: entre os 77 despedimentos e o soldo de 190 mil euros do seu presidente

Concentración do persoal de Tragsa ante o Parlamento, o pasado 17 de decembro Dominio Público CCOO

Persoal de Tragsa volveu concentrarse este mércores ante o Parlamento de Galicia para pedir a readmisión dos 77 traballadores e traballadoras despedidas en Galicia por mor do ERE presentado na empresa pública (un total de 555 baixas en todo o Estado). O ERE, que afectaba inicialmente a 1.336 traballadores (117 en Galicia), converteuse no maior Expediente de Regulación de Emprego no sector público presentado no Estado español. A súa execución foi paralizada pola empresa por unha mellora da situación económica. 

Os sindicatos denuncian que a empresa recontratou parte do persoal despedido o pasado 31 de decembro volvendo a realizar o seu labor "pola porta de atrás" e "con menor salario”

Unha vez máis na concentración criticouse tamén a xestión da compañía, que conta cun total de 11.497 traballadores, dos que 4.330 son temporais. Os sindicatos denuncian que a empresa recontratou parte do persoal despedido o pasado 31 de decembro volvendo a realizar o seu labor "pola porta de atrás" e "con menor salario”.

A pasada semana o PSdeG-PSOE culpou desta situación á política laboral do PP que "permite actuacións como a desta empresa para facer dun contrato estable catro precarios, pobres”. Traballadores, sindicatos e partidos da oposición critican a xestión realizada por esta empresa pública, que “incumpre as encomendas de xestión” mentres o goberno galego mantén unha completa inacción ao respecto, segundo os socialistas.

Tragsa, que xustifica o ERE en base unha mala evolución dos seus ingresos e a un incremento da súa débeda, conta con ao redor de medio milleiro de directivos, cunhas retribucións moi elevadas que, nalgúns casos, superan en moito o soldo do propio presidente do Goberno. De feito, o presidente de Tragsa ingresa máis de 190 mil euros anuais, moi preto do tope de retribución fixa no sector público estatal (210.000 euros), e máis do dobre do que en 2015 cobrou Mariano Rajoy como xefe do Executivo (78 mil euros).

O presidente de Tragsa ingresa máis de 190 mil euros anuais

Os sindicatos lembran que a empresa ten reservas voluntarias por valor de 261 millóns de euros e que a débeda das Administracións públicas co grupo Tragsa superaba os 460 millóns o pasado mes de novembro. Débeda que é sete veces superior á previsión de perdas acumuladas entre 2014 e 2019.

Concentración do persoal de Tragsa ante o Parlamento, o pasado 17 de decembro Dominio Público CCOO

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.