Euskadi únese a Castela-A Mancha na recuperación das 35 horas para os funcionarios

Mobilización dos empregados públicos © CCOO Galicia

O Goberno do País Vasco vén de aprobar o decreto polo que se establece a nova xornada de traballo anual para 2016 para o persoal funcionario desta comunidade, fixando a xornada efectiva en 1.592 horas (22 horas e media menos que en 2015), o que supón volver ás 35 horas semanais. A norma entrará en vigor con efectos desde o 1 de xaneiro e representará para o Executivo autonómico un gasto de 8,7 millóns de euros. Euskadi únese a Castela-A Mancha, que o pasado mes de decembro tamén aprobou -cos votos a favor de PSOE e Podemos e a abstención- a recuperación das 35 horas.

O incremento da xornada semanal dos e das funcionarias de 35 horas a 37,5 horas foi incluída nunha disposición da Lei de Orzamentos Xerais do ano 2012, que indicaba explicitamente que se trataba dunha medida de carácter básico. Por este motivo, a maioría das comunidades argumentan que a iniciativa de reverter a decisión ten que vir do propio Goberno central. Porén, Castela-A Mancha e Euskadi defenden que teñen competencias para regular a xornada dos seus funcionarios e funcionarias.

Castela-A Mancha e Euskadi defenden que teñen competencias para regular a xornada dos seus funcionarios e funcionarias

En outubro CC.OO., UGT e CSIF demandáronlle ao Goberno central que adoptase esta medida, para que así todos os e as traballadoras públicas do Estado puidesen recuperar a xornada laboral vixente ata o 2012. Porén, a resposta do Ministerio de Administracións Públicas foi que para facelo era preciso unha modificación lexislativa e que a inminencia das eleccións xerais o facía imposible.

En Galicia tamén os sindicatos incluíron a recuperación da xornada de 35 horas entre as súas reivindicacións nos últimos meses, xunto con outras peticións, coma a recuperación das pagas extraordinarias suprimidas, subas salariais, ou a elevación da taxa de reposición dos postos sen cubrir.

Mobilización dos empregados públicos © CCOO Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.