O número de novas hipotecas crece en Galicia por primeira vez en sete anos

Evolución das novas hipotecas asinadas en Galicia Dominio Público Praza Pública

As hipotecas constituíronse nun dos elementos que mellor simbolizou a crise económica en España. Dende o seu espectacular crecemento, a partir de 2004, ao abeiro da burbulla inmobiliaria e forte promoción realizada polas entidades financeiras. Ata o gravísimo problema habitacional e o prexuízo económico persoal sufrido polos milleiros de familias que, nun momento dado, foron incapaces de seguir pagando estes empréstitos e perderon non só a propiedade que adquiriran senón tamén, en moitos casos, outras coas que avalaran o crédito.

Houbo un total de 16.152 novos empréstitos inmobiliarios. Seguen aínda moi lonxe dos ao redor de 60 mil contratos que se produciron anualmente entre 2004 e 2010

En 2015 creceu, por primeira vez en sete anos, o número de novas hipotecas asinadas en Galicia. Houbo un total de 16.152 novos empréstitos inmobiliarios, por riba dos 14.981 do ano anterior, pero aínda moi lonxe dos ao redor de 60 mil contratos que se produciron anualmente entre 2004 e 2010. No conxunto de España a evolución foi semellante, cun máximo de 1.896.515 hipotecas en 2006, que comezaron a descender con forza a partir do ano seguinte. En 2010 xa eran menos dun millón (960.948) e en 2014 acadouse un mínimo -315.535-, que creceu un 17% en 2015, ata as 369.588.

En canto ao importe total destes contratos, a evolución é semellante. Os 1.840 millóns de euros asinados en 2015 en Galicia supoñen un claro incremento dende os 1.481 millóns de 2014. É, igualmente, o primeiro crecemento dende o 2007, cando se acadou un importe de 10.185 millóns de euros, o máximo histórico en Galicia.

 

Non crece a construción de novos edificios

O edificios e vivendas de nova planta seguen en niveis mínimos, e rematarán o 2015 con datos semellantes aos rexistrados en 2014 (1.286 novos edificios, 1.166 novas vivendas)

Crecen as hipotecas pero non a construción de novos edificios. Este mesmo venres o IGE vén de publicar os datos correspondentes a novembro, que manteñen a tendencia rexistrada nos meses anteriores. O edificios e vivendas de nova planta seguen en niveis mínimos, e rematarán o 2015 con datos semellantes aos rexistrados en 2014 (1.286 novos edificios, 1.166 novas vivendas), moi lonxe das cifras ds anos do boom inmobiliario. En 2007 construíronse en Galicia 8.485 novos edificios e creáronse 45.614 novas vivendas. O número de edificios rehabilitados (1.147 ata novembro) mantense tamén nun nivel semellante ao de anos anteriores.

 

Censo de vivendas baleiras propiedade dos bancos

Por outra banda, o Diario Oficial de Galicia publica este venres o decreto polo que se crea e se regula o funcionamento do Censo de Vivendas Baleiras, que ten como obxectivo "incorporar ao mercado o parque de inmobles desocupados que son propiedade dos bancos e promover a súa utilización na planificación das políticas sociais de vivenda", segundo destaca a Xunta.

A inscrición será obrigatoria para todas as vivendas baleiras en concellos de máis de 10.000 habitantes e que sexan propiedade de entidades de crédito, das súas filiais inmobiliarias ou das entidades de xestión de activos

A inscrición das vivendas no censo será obrigatoria para todas as vivendas baleiras que formen parte de edificios de tipoloxía residencial colectiva ou de complexos inmobiliarios situados en concellos de máis de 10.000 habitantes, sempre que sexan propiedade de entidades de crédito, das súas filiais inmobiliarias ou das entidades de xestión de activos. O Decreto entrará en vigor o vindeiro día 26 de marzo e, desde entón, as entidades disporán dun prazo de seis meses para inscribir os inmobles que nese momento se atopen desocupados. O incumprimento da obriga de inscrición conlevará unha sanción de ata 3.000 euros por inmoble non rexistrado.

Evolución das novas hipotecas asinadas en Galicia Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.