0 Gardados para despois

O lácteo volve (outra vez) á rúa farto de incumprimentos e da "pasividade da Xunta"

Redacción | @prazapublica

O lácteo volve -unha vez máis- á rúa farto de incumprimentos e dunha crise de prezos á que nin os acordos asinados por industria, distribución e parte das organizacións agrarias nin as eternas promesas poñen solución. A Plataforma Galega pola Defensa do Sector Lácteo, logo de xuntar os seus integrantes este luns, vén de decidir retomar as mobilizacións o vindeiro xoves 31 de marzo ás 11.30 horas diante do edificio da Xunta en San Caetano. 

O lácteo volverá mobilizarse o vindeiro 31 de marzo ante a sede da Xunta en San Caetano

A Plataforma convida "todas as persoas que dun xeito directo ou directo viven do leite, así como a sociedade en xeral" a participar nunha concentración que será a primeira dun calendario de mobilizacións que seguirá nas seguintes semanas. O sector volve manifestarse ante "as ameazas de deixar de recoller o leite" ás que din estar sometidas numerosas granxas e cooperativas galegas, así como polos "prezos ruinosos" que seguen a recibir polo litro de leite. 

Ao tempo, acordan volver á rúa tamén ao comprobar que "as subas aplicadas ás persoas consumidoras por parte da distribución en ningún caso están a supor unha mellora no prezo" que reciben os produtores e ante a "pasividade total da Consellería do Medio Rural e da Xunta fronte á  situación crítica das ganderías de leite galegas".

A Plataforma mobilízase ante "as ameazas de non recoller leite, os prezos ruinosos, a pasividade da Xunta e o non traslado da suba de prezos ao consumidor aos produtores"

"Miles de familias vivimos a ameaza da industria de deixar de recollernos o leite ou recibimos prezos que están moi por debaixo dos custos de produción, ante a pasividade total de quen nos goberna, que está a permitir a desaparición do sector lácteo galego e dos miles de empregos que hai arredor", explica a Plataforma nun comunicado, onde debullan as súas reivindicacións e explican o nulo avance que supuxeron as últimas medidas levadas a cabo polas administracións para o sector en Galicia. 

Así, lembran que o acordo asinado polo Ministerio de Agricultura coa industria e coa distribución para a construción dunha cadea de valor sostible que garantise as marxes de todas as prtes quedou en "declaracións de intencións", xa uqe "centos de granxas galegas perciben os prezos máis baixos do Estado e da UE". Piden a aplicación dun modelo de cadea de valor con referencias de prezo "con garantías mínimas para cada parte, consensuadas co sector produtor, como o estudo da Interprofesional Láctea" unhas referencias estas que "deben ser  aplicadas con carácter urxente", ademais de garantirse unha información "transparente na configuración dos prezos en todos os produtos, prezos de adquisición e de cesión, así como a trazabilidade total nos diferentes destinos do leite, en particular do leite que se paga como leite en pó ou para a intervención"

Ao tempo, reclaman que se garanta a recollida de leite, mecanismos que impidan que sexa a industria unilateralmente quen impoña as condicións e "garantía de prezos xustos que eviente a deslocalización da produción ou o incremento de excedentes que tiren os prezos". Por iso, reclaman como "imprescindible" a constitución dun foro galego de negociación entre as organizacións de produtores, as cooperativas, a industria e a distribución,  coa intermediación da Administración galega.

A Plataforma lembra que  7 de cada 10 granxas leiteiras que se viron obrigadas a pechar en 2015 no Estado eran galegas e advirten das ameazas de non recollida que reciben moreas de explotacións e cooperativas que as obriga a vender a prezos de leite en po. O endebedamento de moitas delas, recordan, lévaas tamén á desaparición. 

"A distribución e a industria favorecen a deslocalización da produción e promoven o incremento da produción con prezos bastante superiores noutras partes do Estado"

Ademais, lembran a caída do prezo medio do 20,1% no prezo do leiteo nos últimos anos ou a chegada de fóra de produtos lácteos a baixo prezo como queixos e mesmo leite líquido. "A distribución e a industria están a favorecer un proceso de deslocalización da produción, de xeito que sistematicamente promoven o incremento da produción con prezos bastante superiores noutras partes do Estado, mentres que abandonan recollidas ou impoñen prezos e condicións ruinosas ás granxas galegas", denuncian. 

Para rematar, tiran de estatística e advirten que, "fronte a incrementos  inferiores a un 5% nas zonas tradicionalmente de produción láctea como Galiza, Cantabria ou o País Vasco", os incrementos maiores déronse en Navarra (15,47%), Andalucía (13,59%), Castilla-La Mancha (12,68%) ou Comnitat Valenciana (11,57%).

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.