0 Gardados para despois

"O eólico en Galicia está xudicializado; os tribunais dan e sacan dereitos pero quen paga é o pobo"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Ventonoso, a asociación de propietarios de terreos destinados á produción de enerxía eólica en Galicia, cumpre unha década pulando por que os muíños de vento sexan tamén unha posibilidade de desenvolvemento para o rural e para a sociedade galega, así como por un marco regulativo que favoreza as iniciativas que acheguen riqueza á contorna. A nova sentenza do TSXG, que obriga a Xunta a indemnizar con medio millón de euros a unha das empresas prexudicadas pola anulación do concurso eólico do bipartito, vén, segundo advirte o seu presidente, a confirmar o que tanto eles como outras moitas veces viñan advertindo. José Antonio Diéguez repara na "xudicialización" dun sector que, di, "está totalmente parado" e que seguirá así "de non cambiar as políticas enerxéticas do PP". 

Que supón esta nova sentenza que impón á Xunta unha indemnización máis pola anulación do concurso eólico do bipartito?

Outra máis. Levamos catro ou cinco anos advertindo do que ía pasar pero nin caso nos fixeron. En liñas xerais, e non só por todas estas sentenzas, a vida eólica en Galicia está xudicializada e son os tribunais os que dan e sacan dereitos, pero quen paga todo ao final é o pobo galego. É a xente a que ten que pagar toda esta desfeita. 

"O sector eólico en Galicia está xudicializado, os tribunais dan e sacan dereitos pero quen paga todo é o pobo"

Esta non foi a primeira indemnizacións nin parece que será a última...

Que hai que indemnizar as empresas que así o reclaman é algo que cae de caixón e que, como a propia Xunta di, estaba recoñecido na lei. Pero aínda por riba, o Goberno galego pon atrancos e é mal pagador. Quedan moitas compañías por coñecer os ditames ou o resultado das súas reclamacións e a Administración insiste en advertirnos de que o canon eólico xa permitiu ingresar moitos cartos, pero aquí o problema non é iso, senón que se vai acabar por anular todo. A Xunta debe indemnizar co que lle corresponda e punto, porque sairalle moito máis barato que seguir meténdose en preitos. 

Que opinión lle merece o canon eólico?

O canon eólico era un invento que foi legalizado como un canon ambiental pero en realidade é un canon político porque tres cuartas partes van parar á Consellería de Presidencia e xa sabemos como o gasta despois. Aos concellos obríganlles a facer uns proxectos, póñense atrancos e máis atrancos e os beneficios non adoitan ser para o que se dicía. Pódeno chamar como queiran, pero de imposto ambiental nada de nada. 

"Ou facemos borrón e conta nova ou o éolico está totalmente bloqueado; quen mandan son as grandes empresas, o lobby"

Como ve o futuro do sector eólico en Galicia?

Aí coincidimos coas empresas, aínda que sexa estraño, pero é o que hai: ou facemos borrón e conta nova ou o eólico en Galicia está totalmente bloqueado. O concurso eólico actual xa saben na Administración que está morto, principalmente porque a política enerxética do PP consinstiu en cargarse as enerxías renovables en beneficio doutro tipo de enerxías. Aquí quen manda é Unesa, as grandes empresas, un lobby que manexa como quere e que está moi a gusto co Partido Popular, que lexislou de forma que arruinou os pequenos produtores. É a súa política enerxética, pero se non hai un cambio de estratexia, a eólica en Galicia está totalmente parada. 

Perdeuse unha oportunidade histórica?

A anulación do concurso do bipartito foi un desastre. Aínda que suprimir as primas ás renovables acabase sendo prexudicial, as empresas que tivesen entrado terían certos dereitos xa adquiridos, pero o que fixeron foi cargarse todo independentmente do que o Estado fixese despois. De querer instalar enerxía eólica en Galicia, primeiro terá que haber unha nova lexislación estatal que favoreza as enerxías renovables porque coa actual normativa é imposible, e despois deberase anular o actual decreto eólico en Galicia porque o sistema ao que imos, goberne quen goberne, é o de poxas, o de optar por quen che ofreza mellores condicións económicas e non este compadreo político e estes atrancos que hai no país.

"O canon eólico non lle permite a Galicia competir con outras autonomías onde se facilitan os trámites"

A que se refire?

O sistema das poxas, tal e como está formulado en Galicia co canon eólico, non lle permite á comunidade autónoma competir con outras autonomías onde se facilitaron os trámites mesmo suprimindo uns plans empresariais esixidos que, nalgúns casos en Galicia, dan risa. Ao final moitos deles servían para que as empresas investisen nos seus propios intereses privados... A Galicia ninguén vén poñer nada se hai máis atrancos que noutras comunidades, polo que o único que nos queda de bo ou mellor que no resto é o vento e así só non chega. Entramos noutra dinámica...

"Cos gobernos do PP ao carón das empresas tradicionais non haberá máis renovables nin futuro para elas"

E cal será esa nova dinámica?

Hai que ver como se lexisla en Madrid coas renovables porque co PP é imposible. De haber un novo goberno, hai que empezar de cero, tamén en Galicia. Con gobernos conservadores ao lado das empresas tradicionais non vai haber máis renovables nin futuro para elas. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.