0 Gardados para despois

A contaminación das rías e as cotas copan as reivindicacións do mar ante a delegación da UE

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Durante tres días, seis eurodeputados e eurodeputadas da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, a instancias da parlamentaria galega de AGEe Lidia Senra -tamén presente na delegación- reuníronse con diferentes representantes do sector pesqueiro en Galicia para coñecer de primeira man o funcionamento da Política Pesqueira Común no país e as dificultades que afronta a "máis importante rexión pesqueira de Europa". Logo de xuntanzas con armadores, conserveiros, mariscadores, portavoces do cerco ou da pesca artesanal e de baixura, o Consello Regulador do Mexillón ou o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño, a contaminación das rías e a problemática das cotas xurdiron en case todas as reivindicacións como "temas recorrentes" a solucionar para un sector que "loita para poder seguir vivindo dignamente do seu traballo". 

Lidia Senra e José Blanco, que formaron parte da delegación comunitaria, coinciden na importancia de que a Comisión coñeza de primeira man o sector

Así o explica Lidia Senra, que xunto co socialista José Blanco e o popular Millán Mon, foron os tres galegos que formaron parte desta representación da Comisión e que fan balance dunha visita pioneira e que permitiu coñecer "in situ" a situación do sector do mar. "Seguramente houbo erros porque o tempo é escaso e non se pode abranguer todo, pero un punto de partida pola importancia de coñecer de primeira man as problemáticas e pola posibilidade de visibilizar máis o marisqueo ou a pesca artesanal e de baixura que, moitas veces, son minusvaloradas nestes foros ante a pesca industrial ou os grandes acordos pesqueiros cos Estado", di Senra. 

"É importante para reafirmar ante a Comisión a Galicia como a primeira rexión pesqueira e para que os seus representantes poidan comprobar in situ problemas que deberían ir tendo unha resposta europea pero tamén a nivel estatal", coincide José Blanco, que cre moi "necesario" que as institucións comunitarias "tomen conciencia" non só da importancia do sector, senón de ámbitos como o marisqueiro ou da importancia do desenvolvemento e da innovación na acuicultura "que deixou impresionados aos deputados". 

A contaminación das rías e a insuficiente cota pesqueira para Galicia foron reivindicacións "recorrentes en case todas as reunións"

A problemática do xeito foi unha das reivindicacións que máis escoitaron a delegación da Comisión de Pesca, pero as cotas e a contaminación das rías "repetíronse en practicamente todas as reunións". A escaseza de cota para Galicia e a fórmula para que o país se poida aproveitar da parte que outros Estados non esgotan está no debate e "na batalla" que desde Galicia se dá. Tamén a conselleira, Rosa Quintana, expresou a súa preocupación por unha necesidade vital para o sector en Galicia, á que se lle une a derivada problemática do cerco. 

"O sector deixoulle claro á Comisión a insuficiencia da cota pesqueira en Galicia e a necesidade, tamén, de abordar os criterios de repartición a nivel estatal que consideran inxustos", advirte José Blanco, que cre tamén que aos europarlamentarios marcharon coa idea da evidente "necesidade de acabar co problema de contaminación das rías". "Non é o mesmo que un deputado formule a súa reclamación na Eurocámara a que sexa a propia Comisión a que tome contacto coa realidade", insiste Senra. 

A Comisión de Pesca avalou a senteza que prohibe usar 'Galicia' para promocionar mexillóns sen denominación de orixe

Entre moitos temas, tratouse tamén o do etiquetado do mexillón galego e o presidente da Comisión de Pesca, Alain Cadec, deixou claro o seu aval á sentenza que establece que Mexillón de Galicia é a única entidade autorizada para ditar a orixe do molusco galego e que prohibe usar Galicia para promocionar produtos sen denominación de orixe. "As leis e os tribunais están por riba de calquera ditame", engadiu logo de que a Xunta solicitase máis informes a Bruxelas para determinar o alcance real da denominación ou que a patronal conserveira advertise que a sentenza non sentaba precedente ningún. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.