0 Gardados para despois

Rajoy tamén ataca o paro coa receita do recorte

Lara GrañaLara Graña | @lara_grana


No terceiro trimestre de 2006, exercicio no que se iniciaron en España 665.000 novas vivendas libres, a taxa de paro da poboación activa entre 16 e 19 anos era do 24,6%. A ratio de persoas desempregadas en relación aos activos era, nese momento, do 8,1%, segundo os datos do Instituto Nacional de Estadística (INE). Mesma taxa, practicamente, que a media dos países da OCDE a día de hoxe. O mercado laboral español puxo o pé en 2012 cun nivel de desempregados ata os 19 anos do 70%. Triplicouse en cinco anos a taxa de doutorados en paro, duplicouse a de universitarios e se multiplicou por catro a porcentaxe de persoas que acreditan unha educación básica. Datos que son a parte máis fría dunha realidade, a laboral, que se volverá a intervir pola vía do decreto. Por segunda vez en menos de dous anos, o Consello de Ministros aprobará unha reforma do mercado laboral. Desde a última lei, autorizada polo Executivo de Zapatero, a taxa de paro subiu en tres puntos porcentuais e en 800.000 persoas.

O mercado laboral español puxo o pé en 2012 cun nivel de desempregados ata os 19 anos do 70%

Todos os organismos internacionais veñen demandando durante os últimos meses a posta en marcha dunha profunda reforma. A última que aprobou o Goberno socialista foi ben recibida por Bruxelas ou o Fondo Monetario Internacional (FMI). Pero esta non serviu en ningún caso para dinamizar o eido laboral español, tal e como evidencian os datos. Polas súas características, a economía española non crea emprego neto se non hai un crecemento do Produto Interior Bruto (PIB) superior ao 2% interanual. O Banco de España prognostica unha recesión do 1,5% para 2012. Sería preciso, xa que logo, remontar catro puntos porcentuais no PIB contar cunha caída da taxa de paro. A reforma laboral poderá non ter máis utilidade que a de adelgazar as indemnizacións por despedimento ou de modificar a estrutura dos servizos públicos de emprego. A vía que escolle Rajoy para acometer esta nova modificación é a do recorte do custo: o salarial (xa aceptado na negociación colectiva) ou o do despedimento.

A vía que escolle Rajoy para acometer esta nova modificación é a do recorte do custo: o salarial ou o do despedimento

É preciso ter en conta, en calquera caso, que os catro principais factores de crecemento do PIB son: o gasto público, o investimento privado, as exportacións e o consumo interno. A austeridade, unha elevada taxa de paro e unha moderada caída da actividade nos países do contorno (aos que máis exporta España) non van botar unha man para que a reforma de Mariano Rajoy sexa un revulsivo contra a destrución neta de postos de traballo.

A reforma que vén

Segundo o avanzado pola ministra de Emprego, Fátima Báñez, a reforma laboral reducirá de 45 a 33 días a indemnización en caso de despedimento para os contratos indefinidos. Vaise equiparar, xa que logo, ás indemnizacións do chamado contrato de Fomento do Emprego Indefinido. Un rotundo fracaso da anterior reforma tendo en conta a caída interanual do 46,6% deste tipo de contratos no mes de xaneiro (en relación co mesmo mes do ano 2011). 

Contratos indefinidos. Xaneiro de 2012
Tipo de contrato Total Variación anual en %
Ordinario 40.164 -16,59
Fomento da contratación indefinida 4.780 -46,63
Persoas con discapacidade (bonificados) 103 6,19
Persoas con discapacidade 404 -7,42
Convertidos en indefinidos 30.428 -32,49
Total 75.899 -26,12

Do pouco que se adiantou até o de agora, si trascendeu que a intención do Goberno de Rajoy é a de limitar a prórroga indefinida dos convenios colectivos. Ademais, tamén está previsto que o Executivo permita ampliar o número de horas de traballo no caso dos contratos a tempo parcial. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Unha sociedade deprimida

Máis de 115 millóns de persoas da Unión Europea están en risco de pobreza ou exclusión social, segundo os datos que vén de facer públicos o Eurostat. O organismo estatístico distingue entre tres tipos de situacións baixo as cales os cidadáns entran a formar parte desta clasificación: aqueles que teñen uns ingresos inferiores á media estatal, os que non poden sufragar uns servizos básicos e as persoas que viven fogares con altas ratios de desemprego.

No segundo dos casos, o Eurostat fala de cidadáns materially deprived, un indicador significativo que non se elabora na meirande parte dos institutos estatísticos dos países europeos. Inclúese nesta clasificación ás persoas que non poden facer fronte ás facturas a tempo, que non pode sufragar a calefacción ou carece de lavadora. O 4% dos españois estaba, a finais de 2010, nesta situación. En total, son 11,6 millóns de persoas que están en risco de exclusión en España, e case o 30% son menores de idade.

 

Pobreza e exclusión social. En % de población
  En risco de pobreza Persoas sen útiles básicos Persoas en fogares con moito desemprego En risco de exclusión (total) 
EU 27 16,4 8,1 9,9 115.479.000
Alemaña 15,6 4,5 11,1 15.962.000
Grecia 20,1 11,6 7,5 3.301.000
España 20,7 4 9,8 11.675.000
Italia 18,2 6,9 10,2 14.742.000
Luxemburgo 14,5 0,5 5,5 83.000
Holanda 10,2 2,2 8,2 2.483.000
Portugal 17,9 9 8,6 2.693.000
Finlandia 13,1 2,8 9,1 890.000
Reino Unido 17,1 4,8 13,1 14.209.000

 

O sector inmobiliario, de heroe a vilán

Para comprender a evolución do mercado laboral español hai que ter en conta que esta foi de man -e segue indo, en menor medida- do sector inmobiliario. Das súas glorias e penas. A construción, e toda a actividade que se xenerou arredor da mesma, tivo unha aportación de ata o 12% do PIB estatal, moi por riba da media dos Estados Unidos ou a economía británica. O abandono escolar de miles de mozos, atraídos por un posto de traballo ben retribuído, deixa agora unha bolsa de poboación activa sen estudos superiores e con moi poucas posibilidades de colocación.

Resulta especialmente significativo botar un ollo, por exemplo, á taxa de ocupación da xente máis nova (16-20 anos). No primeiro trimestre de 2008, a taxa de ocupados desta franxa de idade que só acreditaban ter finalizada a educación primaria era do 93,6%. A día de hoxe non chega ao 15%. O 62,2% dos activos con este mesmo perfil, e tamén entre os primeiros tres meses de 2008, traballaba na construción. A finais do pasado decembro era do 4,3%.

Hai, polo tanto, unha bolsa de poboación activa non ocupada que pertence a un sector aínda en proceso de reestruturación. O inmenso stock de vivenda libre, superior ao millón de unidades, fai prever unha longa travesía para todos os que pertencen a este segmento do mercado. Mais non se coñece, polo de agora, unha medida lexislativa que provoque a non dependencia que a economía española ten, aínda, dun sector tan pouco produtivo e que está relacionado directamente cunha demanda interna esmorecida.

Capitalizar o paro

Unha das medidas que Fátima Báñez podería implantar é a da posibilidade de os parados máis novos poidan capitalizar o paro para emprender un negocio. Isto é, cobrar a prestación correspondente dunha única vez e invertila nun proxecto propio. Deste xeito se reduciría o número de parados rexistrados, tanto polo Ministerio de Empleo como polo Instituto Nacional de Estadística (INE), á vez aumentaría a cifra de traballadores por conta propia (e a recadación).

En Galicia hai 159.500 mozos ocupados, 56.700 menos que no terceiro trimestre de 2009 (datos dispoñibles no IGE). Deles, 15.100 son empresarios e autónomos, 700 máis que a 30 de setembro de 2009. A cifra de ocupados de entre 16 e 29 anos viuse reducida en Galicia no sector privado e público, coa única excepción das persoas que se fixeron autónomas. A meirande parte dos parados máis novos que están rexistrados en Galicia son os que xa traballaron e perderon o seu posto de traballo.