0 Gardados para despois

A Xunta sanciona un de cada dez camións investigados con leite traído de Portugal

Redacción | @prazapublica

En plena crise do sector lácteo, cos gandeiros mobilizados de novo e os prezos máis baixos do Estado en Galicia, o país importa a metade do leite líquido que chega ao conxunto do Estado. A autonomía que produce o 40% do total estatal e onde as granxas están a sufrir cada mes o abandono da recollida por parte dalgunhas industrias que apuntan aos excedentes, as dúas provincias que máis producen son tamén as que lideran as importacións: A Coruña e Lugo.

A Plataforma pola Defensa do Sector Lácteo leva días mobilizándose para controlar as cisternas que chegan de Portugal ás industris galegas e reclaman á Xunta maior vixilancia. Ao tempo, son moitas as explotacións que teñen que vender por baixo de custos, poñendo no mercado os seus excedentes mesmo a 18 céntimos por litro. 

No que vai de 2016 houbo 419 revisións a camións cisterna, dos que 40 acabaron por ser sancionados por irregularidades

A Administración galega incrementou os controis na fronteira portuguesa a través da colaboración entre Tráfico e a policía autonómica para evitar a entrada de leite foráneo ilegal cara a Galicia. A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, compareceu este mércores no Parlamento galego e deu conta das cifras desta vixilancia. O aumento foi considerable. Nos últimos seis meses de 2015, os axentes levaron a cabo 109 inspeccións das que se derivaron 70 denuncias. Nos menos de catro meses que van de 2016, as revisións afectaron xa a 419 camións cisterna en máis de 300 dispositivos despregados. Deles, case o 10% -40 vehículos- acabaron sancionados cun expediente aberto por irregularidades, tal e como aclarou Vázquez na Cámara. 

Con todo, a conselleira de Medio Rural asegura que a entrada de leite de Francia e Portugal baixou e que os controis continuarán ao nivel actual ou mesmo maior. Ademais, defendeuse das críticas asegurando que a Xunta está "ao carón" dos gandeiros logo de que a oposición recriminase a apatía do Goberno galego e pediu que a Administración galega esixa ao Executivo central para que cando menos se cumpra o "acordo de mínimos" asinado en setembro. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.