Un sindicato noruegués denuncia ante o Consello de Europa a situación dos mariñeiros galegos

Protesta dos mariñeiros galegos contra o Goberno noruegués © Long Hope

O sindicato noruegués Fellesforbundet for Sjøfolk (FFFS) presentou unha demanda contra o Goberno do seu país ante o Comité Europeo de Dereitos Sociais do Consello de Europa, sinalando que a exclusión do sistema de seguridade social dos mariñeiros galegos que durante anos traballaron no país supón unha violación da Carta Social Europea. O sindicato sinala, en concreto, o incumprimento do artigo 12 da Carta, referido ao dereito á Seguridade Social ("todos os traballadores e as persoas ao seu cargo teñen dereito á seguridade social").

A demanda presentada polo sindicato FFFS debe ser agora admitida polo Comité Europeo de Dereitos Sociais que, posteriormente, decidirá sobre ela

A Carta Social Europea é un tratado do Consello de Europa -organización intergobernamental composta por 47 estados europeos con sede en Estrasburgo- que garante unha serie de dereitos sociais e económicos: vivenda, saúde, educación, emprego, protección social e xurídica, o movemento de persoas e a non discriminación. A Carta foi aprobada en 1961 e revisada en 1996. O texto revisado, que actualizou o tratado orixinal e incluíu novos dereitos (coma o dereito á vivenda), entrou en vigor en 1999. Polo de agora, España só ratificou o primeiro tratado. Si asinou a Carta revisada en 23 de outubro de 2010, pero aínda non a ratificou. España tampouco aceptou o procedemento de reclamacións colectivas que permite a certas organizacións presentar demandas contra cada Estado alegando incumprimentos, como o que vén de presentar Fellesforbundet for Sjøfolk (FFFS) contra Noruega.

A resolución do Comité non tería implicacións inmediatas, pero no caso de determinarse a infracción, o Consello de Europa si que solicitaría oficialmente ao Goberno noruegués que adoptase unha decisión para facer cumprir a Carta e a legalidade

Este procedemento concíbese como un sistema de protección que complementa, en paralelo, a protección xudicial proporcionada pola Convención Europea dos Dereitos Humanos. A demanda presentada polo sindicato FFFS debe ser agora admitida polo Comité Europeo de Dereitos Sociais que, posteriormente, decidirá sobre ela, establecendo se a actuación do Goberno noruegués contradí a Carta Social que asinou e comunicando a súa resolución ás partes e, no seu caso, informando do incumprimento ao Consello de Europa. A decisión non ten implicacións inmediatas, pero no caso de determinarse a infracción, o Consello de Europa si que solicitaría oficialmente ao Goberno noruegués que adoptase unha decisión para facer cumprir a Carta e a legalidade.

 

Peirao en Oslo (Noruega) CC-BY-SA Lars Tiede
Ex mariñeiros en Noruega, durante unha reunión © Long Hope

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.