O sector servizos absorbe o 60% da habitual baixada do paro en abril

O sector hostaleiro concentrou boa parte da baixada do paro © Turgalicia

O paro baixou en 3.644 persoas en abril en Galicia con respecto ao pasado mes de marzo, deixando en 228.153 o número total de persoas rexistradas nas oficinas de emprego, segundo os datos que este mércores publica o Ministerio de Emprego. Xa que logo, o desemprego descende un 1,57%, unha caída un chisco inferior ao -2% no conxunto do Estado, con 83.599 menos. 

En termos interanuais, en Galicia descende en 16.608 persoas con respecto a hai un ano, un descenso do 6,79%, tamén inferior á baixada media estatal do -7,43%. Son 16.608 persoas menos rexistradas nos servizos de emprego, un dato que volve ser superior á da creación de emprego que marcan as afiliacións á Seguridade Social. O número medio de cotizantes incrementouse nun ano no país en 13.898 persoas e en 2.808 no último mes de abril, case 3.000 e 1.000 menos respectivamente en relación á caída do paro rexistrado. 

O descenso do paro rexistrado volve ser inferior ao aumento de cotizantes: unha diferenza de máis de 2.700 persoas no último ano

En definitiva, case 14.000 persoas pasaron a contribuír ás arcas públicas por medio do seu traballo no último ano, fronte ás máis de 16.600 que deixaron as listas de desemprego. Esta diferenza de máis de 2.700 persoas entre a redución do paro e a alta de traballadores é debido a varias circunstancias, como a emigración e fuxida da poboación activa, o desánimo que leva a desapuntarse das listaxes de demandantes de emprego ou o paso á economía en b. Polo tanto, non todo o descenso do paro rexistrado equivale a novos postos de traballo.

Tal e como destacan os sindicatos, constátase a contracción na poboación en idade de traballar, basicamente, pola saída da poboación cara a fóra e o retorno de inmigrantes aos seus países de orixe. De feito, segue a caída do desemprego entre as persoas estranxeiras, dun 4,2%. Ademais, o desemprego cae dun xeito similar entre os menores de 25 anos e no resto das franxas de idade, aínda que interanualmente a caída é maior entre os maís novos (-11,2%), unha circunstancia na que adoita ter que ver a saída de mozos á emigración. 

A chegada do bo tempo centra o descenso do desemprego no sector servizos, con contratos precarios e temporais

O paro descende en Galicia en todas as provincias e céntrase, principalmente, no sector servizos. Unha vez máis, a chegada do bo tempo volve maquillar os datos do desemprego a través da hostalería e da contratación temporal. E volve ser nun mes de abril onde sempre baixan as cifras. Así, descende en 154 persoas na agricultura, 590 en industria e 716 na construción fronte a unha baixada de 2.223 nos servizos, máis do 60% do total de persoas que deixan as listas do antigo Inem. Mesmo no colectivo sen emprego anterior, o paro increméntase en 39 persoas na comunidade autónoma. En termos interanuais, a industria lidera a baixada con respecto ao ano pasado (-13,5%), seguida da construción (-12,5%).

Nin a temporalidade nin a precariedade dan tregua de cara ao verán. No pasado mes de abril asináronse preto de 68.000 contratos, dos que tan só o 8,7% foron indefinidos fronte ao 91,3% temporais. A elevada contratación nun só mes evidencia tamén a alta rotación laboral e a precariedade duns traballos que non se consolidan. Ademais, a contratación indefinida caeu un 4,6% mentres que a temporal subiu un 1,4%. 

Tan só o 8,7% dos contratos asinados foron indefinidos, cuxo número descende mentres aumenta a temporalidade

Por sexos, en abril cae o desemprego máis entre os homes, nun 2,23%, que nas mulleres, nun 1%. Así, as mulleres acadan o 54,2% do total do desemprego en Galicia. En termos interanuais o desemprego cae en ambos os dous sexos pero os máis beneficiados tamén son os homes, contraendo as cifras do paro nun 8,25%, fronte ao 5,51% das mulleres.

O 54% dos parados, sen cobertura

En canto á cifra de beneficiarios con prestación, en Galicia é de 108.721 persoas. E tan só 43.399 persoas son beneficiarias da prestación contributiva, o 40% do total. Ademais, a taxa de cobertura é do 51% (53,3% no resto do Estado), acadando así un mínimo histórico. 

Así, a día de hoxe hai en Galicia 123.076 parados sen ningún tipo de cobertura, o 54% dos desempregados, o que aumenta o risco de exclusión social e pobreza. 

Con todo, desde a Xunta, a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, destacou os bos datos para apuntar que por terceiro ano consecutivo se reduce o paro nun mes de abril e subliñou que a comunidade leva dous anos e medio de baixadas consecutivas interanuais, situándose "a niveis de paro inferiores aos de hai 6 anos”. 

"O principal obxectivo do Goberno galego é converter Galicia nunha comunidade que xere emprego estable e de calidade e poder dar unha oportunidade a cada galego que busque un traballo”, insistiu Toca. 

>> HABERÁ AMPLIACIÓN

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.