Os afectados polas hipotecas IRPH comezan a ver recoñecido nos xulgados o carácter "abusivo" deste índice

Na vista celebrada onte Marcos Guerreiro estivo acompañado dos avogados da PAH de Guipúscoa Dominio Público Praza Pública

Este luns quedou listo para sentenza -despois de varios aprazamentos- o xuízo do ferrolán Marcos Guerreiro contra a Unión de Créditos Inmobiliarios (UCI), unha filial do Banco Santander e de BNP Paribas. A entidade aplicoulle na súa hipoteca un índice (o IRPH) que Guerreiro sinala como "abusivo", ademais de denunciar que no proceso existiu ocultación de información. "Simplemente che poñen diante uns papeis e case non che explican nada. Eu non sabía o que era o IRPH, nin sequera sabía o que era o Euribor. O único que tiña claro era que non quería poñer un aval. Vendéronme o IRPH como algo máis estable e, en xeral, máis favorable que o Euribor", sinalaba en entrevista con Praza hai uns meses.

A realidade é que dende en 2006 solicitou unha hipoteca por valor de 116.000 euros e que unha década despois, a pesar de ter pagado máis de 40 mil euros de intereses e cotas, a súa débeda é mesmo superior (116.139 euros). A razón é que o IRPH é un índice que se sitúa nun nivel moi superior ao Euríbor (2,03% fronte ao -0,010%). Guerreiro pide que se declare nula esa cláusula, de xeito que poida reducir notablemente a súa débeda. Vai ser, en todo caso, un proceso longo. Ambas as partes sinalan que, sexa cal sexa a decisión do Xulgado de Ferrol, o asunto chegará á Audiencia Provincial da Coruña a través dun recurso. 

Calcúlase que preto de 30 mil persoas en Galicia teñen contratadas hipotecas que empregan o IRPH como índice de referencia, mesmo sen sabelo

Calcúlase que preto de 30 mil persoas en Galicia teñen contratadas hipotecas que empregan o IRPH como índice de referencia, mesmo sen sabelo, pagando uns intereses moi superiores aos que lles corresponderían se aplicasen o Euríbor ou outros índices (con diferenzas de entre 100 e 300 euros mensuais nos pagamentos). Un gran número de afectados por esta situación levan anos pelexando nos tribunais, con sentenzas favorables en moitos casos, cando menos nos xulgados mercantís ou de primeira instancia (máis de 40 sentenzas en Euskadi, e algunhas máis en Barcelona, Valencia ou Castela-A Mancha). Porén, ata agora sempre que as entidades bancarias recorreron as sentenzas, as respectivas audiencias provinciais acabaron por darlles a razón, deixando abertos estes procesos con novos recursos -desta volta dos cidadáns afectados- que debe estudar o Tribunal Supremo.

Nos últimos meses están comezando a producirse as primeiras sentenzas firmes, e mesmo acadouse a primeira vitoria xudicial nunha Audiencia Provincial, algo que ata agora non sucedera

En calquera caso, nos últimos meses están comezando a producirse as primeiras sentenzas firmes, e mesmo acadouse a primeira vitoria xudicial nunha Audiencia Provincial, algo que ata agora non sucedera. O pasado mes de marzo a Audiencia Provincial de Áraba anulou "por abusivo" o índice IRPH entidades aplicado a unha hipoteca, e tamén o IRPH caixas que o substituíu, condenando a Kutxabank a devolver con retroactividade todos os intereses cobrados erroneamente, máis de 75 mil euros. Porén, en abril Kutxabank recorreu esta decisión ante o Supremo, desoíndo unha delcaración expresa do Parlamento vasco (aprobada cos votos de EH Bildu, PSE-EE e UPyD e a abstención de PNV e PP). Cómpre salientar que en abril o Parlamento galego aprobou por unanimidade unha moción de AGE para solicitarlle ao Goberno central a eliminación do IRPH e esixirlle das entidades bancarias que deixe de empregar este índice. Pero o PP negouse a reclamar, tal e como o facía un dos puntos da proposta, a devolución do diñeiro que as familias perderon por contratar hipotecas vinculadas ao IRPH.

De igual xeito, hai uns meses o Xulgado do Mercantil Nº3 de Valencia ditou unha sentenza de nulidade de IRPH que, ao non ser recorrida por ningunha das partes, converteuse na primeira sentenza firme de nulidade de IRPH por abusivo. O mesmo fixo esta mesma semana o Xulgado de Primeira Instancia Número 3 de Huelva, declarando nulo "por abusivo" o IRPH Entidades, nunha sentenza que tampouco foi recorrida e que, polo tanto se converteu na segunda decisión firme neste senso. O texto, neste caso, é especialmente claro e duro coa actuación das entidades financeiras e do propio Banco de España, afirmando o xuíz que "resulta unha realidad incontestable que se trata dun tipo de interese obtido exclusivamente a partir da participación e comportamento das propias entidades de crédito" e que "unha das partes do contrato contribúe á determinación dun índice de referencia que, posteriormente, aplicará nos contratos que ela misma subscribiu cos seus clientes".

En abril o Parlamento galego aprobou por unanimidade unha moción de AGE para solicitarlle ao Goberno central a eliminación do IRPH e esixirlle das entidades bancarias que deixe de empregar este índice

A PAH de Guipúscoa é quen está dando a batalla con máis forza, conseguindo un bo número de ditames favorables. De feito, algúns dos seus membros estiveron este luns en Ferrol para apoiar a Marcos Guerreiro, representado agora polo avogado vasco José María Erauskin, que se ten convertido nun referente en todo o Estado neste tipo de casos. 

Na vista celebrada onte Marcos Guerreiro estivo acompañado dos avogados da PAH de Guipúscoa Dominio Público Praza Pública
Exterior dos xulgados de Ferrol, este luns Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.