"O sistema quere que homoxeneicemos os patróns de consumo. Pero hai un debate que está ampliando o presente"

A agroecoloxía propón unha explotación máis sustentable dos recursos e unha produción e consumo de proximidade Dominio Público Uvigo

A Universidade de Vigo acolle este xoves e venres o VI Congreso Internacional de Agroecoloxía, organizado polo Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica (GIEEA), e que dará cita a traballos de máis de cen investigadores e investigadoras procedentes de dez países. No encontro participarán referentes mundiais neste ámbito, como Jorge Riechmann, Óscar Carpintero, Cristina Carrasco ou Clara Nicholls, que afondarán no cambio dos modelos de consumo co obxectivo de construír sistemas agroalimentarios sustentables. A agroecoloxía defende un xeito de producir e de consumir máis respectuoso co medio e sustentable, baseado na proximidade, na soberanía alimentaria e na superación da dependencia do petróleo.

A estrutura do Congreso pilota sobre tres dimensións: a técnico-produtiva; a política e a socio-cultural. A Agricultura Social e Terapéutica, propostas tecnolóxicas para a agroecoloxía, o ecofeminismo, os mercados locais ou o papel da administrador como comprador de alimentos, por exemplo a través dos comedores escolares, tamén serán protagonistas nas dúas xornadas de debate. Haberá, igualmente, grupos de traballo nos que se darán a coñecer diferentes experiencias como o programa Verdear de horticultura social en Vigo; os comedores sociais ou escolares como motor para potenciar o consumo ecolóxico e de proximidade; os grupos de consumo responsable; os programas de aproveitamento de alimentos desbotados polas cadeas comercializadoras. Haberá tamén presentacións de experiencias innovadoras produtivas e de consumo que se están a desenvolver en todo o planeta.

Xavier Simón, director do GIEEA e organizador do Congreso, salienta o crecemento experimentado por esta cita, que chega á súa sexta edición: "Convertémonos xa nun referente para o mundo agroecolóxico para os países de fala galego-portuguesa e española". "Notamos un crecemento cuantitativo no número de participantes e de investigacións presentadas, pero sobre todo un cambio cualitativa na orixe dos ponentes. Se en edicións anteriores a maioría dos traballos procedían de aquí e só unha parte doutros países, desta volta o 80% dos e das participantes son internacionais". Falamos con el.

"A agroecoloxía non é un modelo de produción, non é un modelo tecnolóxico, é unha proposta política, social, ambiental e económica para producir alimentos e fibras en contextos territoriais específicos"

Como podemos definir a agroecoloxía?

A agroecoloxía non é un modelo de produción, non é un modelo tecnolóxico, é unha proposta política, social, ambiental e económica para producir alimentos e fibras en contextos territoriais específicos. Ten unha compoñente tecnolóxica importante, pero vai máis alá dunha proposta tecnolóxica. Ten conexións coa soberanía alimentaria, coas alternativas económicas para unha sociedade postpetróleo, co consumo e a produción de proximidade.

"Os enfoques convencionais esquecen que as accións económicas e a produción e comercio de mercadorías son unha sucesión de fenómenos que se poden avaliar en termos económicos pero tamén ambientais e sociais"

Entre as persoas que intervirán no Congreso, a que voces recomendaría emprestar atención?

Jorge Riechmann é sen dúbida unha referencia científica e política para os movementos sociais a nivel iberoamericano. Destacaría tamén a Clara Nicholls, que vén dunha universidade moi prestixiosa, como é a de Berkeley, e que está nun centro de investigación que é referente mundial na agroecoloxía, onde traballan por exemplo Miguel Altieri ou Peter Rosset; a súa presenza conéctanos co centro científico e co cerne do movemento agroecolóxico latinoamericano. Quero sinalar tamén a Óscar Carpintero, un economista e ecólogo moi novo que ten publicado algúns dos traballos máis interesantes escritos sobre a economía española dende o punto de vista do seu metabolismo, utilizando criterios de sustentabilidade ambiental e sustentabilidade física, en combinación con outros indicadores económicos e financeiros. Por último, quero citar tamén a Cristina Carrasco, unha investigadora referencia no mundo do ecofeminismo; os traballos científicos e os movementos sociais vinculados coa análise do papel das diferenzas de xénero na economía son cada vez máis importantes.

En varias das sesións do encontro trabállase co concepto de metabolismo social. A que fai referencia? Cal é a súa importancia?

É unha metodoloxía de análise que tenta superar a visión parcelaria e reducionista dos enfoques convencionais, que se centran na análise de aspectos moi particulares e concretos sen ter en conta que as accións económicas e a produción e comercio de mercadorías son unha sucesión de fenómenos e fases que se poden avaliar en termos económicos pero tamén ambientais e sociais. O metabolismo social utiliza elementos procedentes de distintas disciplinas e analiza a economía dende unha perspectiva holística e global, percorrendo todo o proceso dun produto, dende a xeración de calquera dos seus materiais ata que se converten en residuos ou gases.

"A través dos comedores escolares e da compra pública en xeral pódese rachar con ese dominio dunha única forma de entender a produción de alimentos"

Unha das mesas analizará o papel que as administracións públicas desempeñan como demandantes de alimentos. Son ao redor de 3.000 millóns de euros en todo o Estado, tanto para comedores escolares, hospitais... As decisións que adoptase neste senso un Goberno terían un impacto importante na estrutura de produción?

É un tema que vemos que nos últimos meses está adquirindo cada vez unha maior importancia social e política. Ten moitas compoñentes: de educación, ambientais, de desenvolvemento local... Queremos afondar no coñecemento que temos sobre estas experiencias para podermos aprender moito máis sobre como construír alternativas alimenticias diferentes nos colexios, para poder impulsar que máis centros de ensino tomen decisións activas sobre este aspecto de tanta importancia. A través dos comedores escolares e da compra pública en xeral pódese rachar con ese dominio dunha única forma de entender a produción de alimentos. A través destas iniciativas, ademais, contáxianse valores multifacéticos que son clave.

"O sistema económico actual trata de reducir o presente, eliminando calquera alternativa, para continuar co proceso de homoxeneización e de extensión das formas de dominación, neste caso polo lado dos alimentos"

En todas as cuestións ligadas ao consumos as propostas alternativas teñen que loitar contra unha tendencia moi forte de homoxeneización, de dominio de grandes superficies e de control da produción en menos mans. Fronte a iso hai que dar unha batalla de cultural, que aposte por un sentido común distinto?

Asistimos a un debate desigual no que, afortunadamente, están aparecendo alternativas. Como din Boaventura de Santos ou Grosfoguel, o sistema económico actual trata de reducir o presente, eliminando calquera alternativa, para continuar co proceso de homoxeneización e de extensión das formas de dominación, neste caso polo lado dos alimentos. O que pretende o sistema económico é que todos compremos no Mercadona e que homoxeneicemos os nosos patróns de consumo. Pero hai un debate no que se está ampliando o presente, hai outras formas de consumir, hai alternativas. Están emerxendo novas formas de avaliar o sistema máis aló do diñeiro, está emerxendo tamén un movemento que aposta por combinar distintas escalas e non só a globalidade como única escala válida. Hai un contexto no que seguen dominando as perspectivas de redución do presente e de monocultura do saber, pero hai outros espazos. Hai exemplos, en Vigo, na Coruña, en toda Galicia, que demostran que hai outras maneiras de facer as cousas. Dende a universidade pública debemos abrirnos a eles, abrir os ollos e a mente para tratar de comprender o seu traballo e colaborar na súa extensión.

"Hai exemplos, en Vigo, na Coruña, en toda Galicia, que demostran que hai outras maneiras de facer as cousas. Dende a universidade pública debemos abrirnos a eles"

Falas do papel da universidade. O voso grupo de investigación é un exemplo de colaboración con movementos sociais, de posta ao servizo da cidadanía do coñecemento científico. É ese o camiño?

Si, por suposto. Por desgraza, a universidade habitualmente é outra cousa. Como di tamén Grosfoguel, temos que substituír a universidade pola pluriversidade. Nós somos un pequeno grupo, comprometido co contexto social no que vivimos, pero non queremos ser exemplo de nada. Nós estamos contentos co que facemos e creo que este é o camiño correcto, a mágoa é que cousas coma estas son moi testemuñais, non é a posición que predomina.

 

Cartaz do congreso © GIEEA
Horticultura en Salvaterra de Miño © Uvigo
Xavier Simón © Uvigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.