O conflito mineiro: a loita enquistada sen solución á vista

Mulleres de mineiros, nunha mobilización CC-BY-SA Olmo Calvo / Diagonal

“Esta reivindicación non será a última; as seguintes serán máis contundentes”. Con esta advertencia abandonaron os mineiros este mércores o Congreso dos Deputados logo de ser desaloxados por exhibir camisolas alusivas ao conflito que leva días enquistado, sobre todo en León e Asturias. Peches nos pozos, concentracións, corte de estradas e vías do tren, sabotaxes, manifestacións... Case vinte días acumulan de conflito as comarcas mineiras do norte peninsular, á espera dunha resposta positiva do Goberno, que non chega.

O propio ministro de Industria, José Manuel Soria, advertiu que continuará "literalmente" co plan de peche das concas mineiras e que, segundo lembra, foi “elaborado polo anterior Goberno” e remitido a Bruxelas en agosto de 2011. De feito, o Executivo aclara que o plan socialista asegura que “a 1 de xaneiro de 2019 non ía quedar aberta nin unha unidade de produción de mineiría do carbón que tivese recibido axudas”.

Os mineiros protestan pola decisión do Goberno de recortar en 200 millóns as axudas directas ao sector

Ante este negro panorama, os mineiros atópanse agora, e co Goberno do PP, cunha redución en 200 millóns de euros das axudas directas á produción do carbón español até o 31 de decembro deste ano. Os mineiros queiman os seus últimos cartuchos antes da aprobación definitiva dos Presupostos Xerais do Estado (PGE) a vindeira semana, o que confirmaría un recorte que ameaza con destruír emprego e explotacións mineiras en comarcas enteiras.  “Sería a morte da mineiría”, din os sindicatos. De non acadar acordo ningún (e non parece probable), o Executivo sabe, por boca dos propios implicados, que o conflito se endurecería aínda máis e daría lugar “a unha loita á desesperada”.

Os mineiros advirten dunha "loita á desesperada" se os PGE confirman o recorte a vindeira semana

Sería, quizais, demasiado para un Goberno que sabe da contundencia das loitas dos mineiros polos seus dereitos. Nestes últimos días puido comprobar xa a dificultade para aturar unhas protestas duras e nas que, sobre todo, prevalece a unidade de acción. Todo, malia que o conflito fose invisible para moitos medios a pesar da parálise que sofren algunhas comarcas asturianas e leonesas desde hai máis de dúas semanas.

A situación do sector

A extracción de carbón, en realidade, é moi custosa e deficitaria. No entanto, a mineiría sempre foi considerada un sector estratéxico, ao prover aos estados dunha fonte de enerxía propia, o que sempre xustificou a subvención á súa produción. Desde hai case trinta anos, o sector recibe axudas da UE e o peche de todas as explotacións non rendibles estaba prevista para hai dez anos. Porén, a dependencia de moitas comarcas das minas e a inutilidade dos plans para o emprego alternativo non fixo máis que ampliar as prórrogas.

Pero coa crise no seu peor momento, o PP decidiu prescindir de 200 millóns dos 324 previstos para a mineiría do carbón neste ano, unhas axudas directas que deberían seguir recibindo, en máis ou menos cantidade, até 2018 tras unha prórroga de catro anos a partir de 2014, ano no que se contaba con deixar de subvencionar o carbón. Os investimentos feitos por algunhas empresas para facelas rendibles non abondaron. Saben que o recorte das axudas veríanse obrigadas a pechar.

Tanto os ecoloxistas como as grandes eléctricas coinciden ao rexeitar a produción de carbón español. Os primeiros porque non entenden que se intenten reducir as emisións de gases contaminantes mentres se subvenciona a mineiría dun carbón que, ademais no caso do estatal, é máis caro, máis contaminante e menos calorífico que outros. No caso das segundas, porque debido a un Real Decreto están obrigados a consumir a maior parte do mineral español, algo que os prexudica a aquelas centrais que empregan carbón importado. As grandes compañías aseguran que unha tonelada de carbón español costa 30 euros máis que o importado, algo que os sindicatos negan.

No entanto, Hunosa, empresa estatal dedicada á extracción e explotación do carbón, asegura que o consumo deste mineral crecerá un 65% nas vindeiras décadas e advirten da súa necesidade en tempos de crise. As súas reservas sobrevivirán, disque, un século despois das de petróleo e gas no Estado. Ademais, lembran que investidores como  Warren Buffet ou Bill Gates amosan cada vez máis interese por compañías do sector coa esperanza dun proxecto que permitíra capturar e almacenar o CO2  para facer deste mineral algo limpo.

Malia todo, a mineiría segue esmorecendo. Nos últimos vinte anos, pasouse dos 45.000 traballadores no sector aos 4.000 actuais, aínda que o emprego directo adoita dobrar as cifras de persoas dependentes das concas mineiras, especialmente en Asturias. O conflito seguirá aberto. En loita por 200 millóns de axudas que, como lembran os sindicatos, son equivalentes ao custo de 20 quilómetros de AVE. O próximo 18 de xuño, hai folga xeral nas concas mineiras. Será unha proba de lume.

Mineiros, durante unha mobilización en Ciñera (León) CC-BY-SA Olmo Calvo / Diagonal
Un mineiro, durante unha mobilización CC-BY-SA Olmo Calvo / Diagonal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.