A plataforma de afectados polas preferentes na Mariña agrupa xa un cento de persoas

Marcha na Coruña CC-BY-SA Praza

A plataforma que agrupa os afectados pola estafa das participacións preferentes na Mariña segue avanzando na súa constitución e no seu labor de difusión e información. Son case un cento as persoas da comarca que até o de agora lle comunicaron o seu problema concreto, despois dunha reunión, celebradada a pasada semana, á que asistiron ao redor de sesenta afectados e afectadas, a maior parte clientes das antigas Caixa Galicia e Caixa Nova.

A plataforma celebrará unha nova reunión informativa este domingo ás cinco da tarde na Casa da Cultura de Ferreira do Valadouro

A plataforma celebrará unha nova reunión informativa este domingo ás cinco da tarde na Casa da Cultura de Ferreira do Valadouro. Entre os estafados hai persoas do Valadouro, Alfoz, Burela, Cervo, Xove, Barreiros, Ourol, Viveiro, Trabada, A Pontenova, Riotorto, Mondoñedo, Lourenzá, Foz e Ribadeo. Advirten que "toda axuda será benvida" pero tamén de que "non permitiremos que ninguén intente utilizar este problema para gañar méritos de forma persoal ou ascender politicamente grazas aos nosos males, e un tema moi serio e que está causando moita dor na xente para que se queiran aproveitar do mesmo".

Dende a plataforma din ter "a total seguridade de que hai moitos máis afectados", e por iso seguen facendo un chamamento a todo o mundo "a que revise os seus contratos, en moitos casos hai xente que está indo a entidade bancaria a preguntar e estanlle contestado que  estean tranquilos que non é o caso, e moita xente sigue a confiar neles e marcha tranquila para as súas casas ata que se encontra con que lle fan falta os cartos e non os pode sacar".

Dende a plataforma din ter "a total seguridade de que hai moitos máis afectados", e por iso seguen facendo un chamamento a todo o mundo "a que revise os seus contratos"

Aseguran que "todos os afectados coinciden en algo, en que  foron totalmente enganados polas persoas das entidades bancarias, en moitos dos casos directores e subdirectores, persoas de confianza das cales se fiaron totalmente e que lles aconsellaban este tipo de produto como algo fiable e seguro". A plataforma explica que "vendían este tipo de contrato como un prazo fixo pero coa vantaxe de que tiña un maior interés, era un producto totalmente fiable, seguro e sen riscos, co capital invertido totalmente asegurado e poderías dispoñer do diñeiro en calquera momento sempre que lle fixese falta, e que a única condición era a de avisar 15 días antes".

Chama a todos os afectados a denunciar a súa situación, pois "non debemos de ter medo nin vergoña en contar o noso caso nin en recoñecer que fomos enganados"

Por todo isto, a plataforma denuncia que se trata dunha “estafa bancaria en toda regra” e dun “abuso por parte dos empregados das entidades da confianza depositada neles polas persoas contratantes". E chama a todos os afectados a denunciar a súa situación, pois "non debemos de ter medo nin vergoña en contar o noso caso nin en recoñecer que fomos enganados, en tal caso os avergonzados teñen que ser nestes intres esa persoas que xogaron coa nosa confianza e o noso diñeiro", din.

Marcha na Coruña CC-BY-SA Praza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.