Galicia incrementou un 73% o seu solo urbano dende 1994

Evolución da superficie do solo urbano en Galicia (1994-2014) Dominio Público Praza Pública

A superficie do solo urbano disparouse en Galicia nas últimas dúas décadas. Se en 1994 a extensión das parcelas así cualificadas sumaba pouco máis de 61.070 hectáreas (610.698 miles de metros cadrados), en 2014 a cifra superaba xa as 105.600 hectáreas (1.055.663 miles de metros cadrados), un incremento do 72,86%, segundo datos do Ministerio de Economía. O crecemento produciuse sobre todo nos últimos anos, pois ata o 2006 o aumento fora máis paulatino. 

Por provincias, os procesos de urbanización e de cambios de uso do solo nos concellos coruñeses e pontevedreses son os responsables deste incremento. A Coruña duplicou o seu solo urbano dende o ano 1994, e Pontevedra triplicouno. Pola contra, Lugo e Ourense reduciron a súa extensión.

Aínda que o solo declarado como urbano incrementou notablemente a súa extensión, a superficie edificada non o fixo na mesma medida, pasando de 522.913 miles de metros cadrados en 2008 a 578.918 en 2014. En cambio, o que creceu foi o espazo ocupado por soares sen edificar, que se duplicou (pasou de 206.392 a 476.745).

En xuño un informe do Observatorio da Sostibilidade alertaba de que no conxunto de España a superficie edificada practicamente se multiplicara por dous entre 1987 e 2011. De igual xeito, a ONU advertiu de que entre 1990 e 2015 o solo urbano aumentara no planeta moito máis que a poboación, unha tendencia que continuará de aquí a 2050 se non hai cambios e que provoca unha maior ocupación do territorio, destrución do habitat e incremento do consumo de auga e gastos ligados ao seu subministro e saneamento.

 

A metade dos concellos galegos, sen PXOM

Este crecemento urbano produciuse nun contexto no que unha parte importante dos concellos galegos (máis da metade) non conta cun plan xeral de ordenación municipal. De feito, só 144 contan con esta figura, da que carecen mesmo algunhas vilas de grande importantancia. O resto está suxeito a normas subsidiarias adaptadas á lexislación ou réxese por unha primitiva delimitación do solo urbano. Ademais, segundo os datos que achega o Sistema de Informacion de Ordenación do Territorio e Urbanismo de Galicia da Consellaría de Ordenación do Territorio, hai un total de 42 concellos que neste momento non contan con planeamento ningún, en varios casos porque os seus PXOM foron anulados por unha sentenza xudicial.

A Consellaría establece ademais unha clasificación de acordo ao nivel de actualización do planeamento en cada concello. Nesta clasificación, menos dun terzo (un total de 93) acadan o nivel superior, contando con PXOM perfectamente adaptados á LOUG (Lei de Ordenación Urbanística, vixente ata este ano 2016). Outras 22 localidades teñen os seus plans urbanísticos ao abeiro da Disposición Transitoria 3ª desta Lei (trátase dos planeamentos aprobados inicialmente e en tramitación antes da entrada en vigor daquela norma). Outros 135 plans de ordenación e normas subsidiarias están adaptadas ás normas urbanísticas de 1995 e 1997.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.