Feijóo culpa da rebaixa da débeda de Galicia á situación española

Alberto Núñez Feijóo © Ana Varela

Feijóo bótalle a culpa a España. O presidente da Xunta achaca a rebaixa da cualificación da débeda da autonomía -de A3 a Baa3- realizada pola axencia Moody's á situación española, pola que non a cre preocupante. "Sempre é automático que cando ao Reino de España lle rebaixan a cualificación as entidades de rating, automaticamente, as comunidades autónomas que temos a máxima cualificación póñennola igual", subliñou Núñez Feijóo logo dun acto da Federación Galega de Confrarías de Pescadores en Santiago.

"Galicia é a comunidade máis solvente de España; polo tanto, nada que preocupar agás a prima de risco"

Así, Rajoy volveu presumir de que "Galicia é a comunidade máis solvente de España, pero é evidente que unha parte do Reino de España non pode ter unha cualificación superior ao Reino de España". "Polo tanto, nada que preocupar, agás, iso si, a preocupación xeral sobre a situación da prima de risco que está a a fectar á cualificación da débeda pública española, e en consecuencia, á débeda pública da comunidade galega que, insisto, é a máis solvente de España", insistiu.  

O xefe do Executivo galego engadiu que "a proba" da solvencia de Galicia está en que "é a unica autonomía que coloca a súa débeda segundo o necesitado" e que "ten colocada practicamente o 505 da súa débeda pública nos primeiros cinco meses do ano".

Moody's revisou o rating de dez comunidades autónomas españolas e rebaixou a cualificación de sete delas, entre as que se atopan o País Vasco, Madrid, Galicia, Estremadura, Andalucía, a Comunitat Valenciana e Castela e León. Nun comunicado, a axencia de cualificación explica que esta medida prodúcese despois de que o pasado mércores se rebaixase en tres graos a avaliación da débeda española, que pasa de A3 a Baa3, con perspectiva negativa, e a deixase a un paso do bono lixo.

Feijóo, tras a xuntanza do Consello © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.